“Gran parte do licor e augardente que se vende como galega non o é”

Entrevista a José Antonio Feijóo, presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. Asegura que comprar unha augardente ou licor coa etiqueta de Bagazo de Galicia “é a única garantía de que é galego e tamén da máxima calidade”

Publicidade
“Gran parte do licor e augardente que se vende como galega non o é”

José Antonio Feijóo, presidente do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia acaba de presentar os seus datos de 2018 que confirman o seu lento pero imparable ascenso: 385.000 litros de produto certificado o pasado ano, un 16% máis que en 2017 e un 78% máis se que compara cos datos de 2011.

Porén, estas boas cifras ven embazadas por uns prezos baixos en relación á calidade do produto -”temos unha augardente en Galicia da mesma calidade cando non mellor que os italianos ou o portugueses pero que se vende a un prezo 4 veces inferior”, lamenta- e sobre todo a fraude estrutural con centos de miles de litros de augardentes e licores que se venden como galegos pero que non o son.

Tanto en litros certificados como en contraetiquetas o crecemento do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é imparable. A que o atribúe?
É certo que temos un crecemento sostido, pero hai que lembrar que partiamos de cifras de cualificación moi baixas e seguimos en cifras moi inferiores ao que debería estar certificado baixo a IXP Orujo de Galicia.

“O licor de herbas galego con IXP ten un enorme mercado en España”

Os medios do Consello Regulador son limitados e centrámolos en realizar unha labor continuo de divulgación, tanto entre a restauración, distribución e entre os consumidores en xeral de que mercar unha augardente ou un licor coa etiqueta da IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia é a única garantía de que proceden de uvas galegas e de que son produtos de calidade, algo que para nada se garante cos chamados licores caseiros, que ademais dunha fraude fiscal supoñen en moitos casos un claro risco sanitario.

En que denominacións vitivinícolas galegas certificades máis augardente e licores?
Sen dúbida na Denominación de Orixe Rías Baixas, onde se concentra o 90% do produto amparado pola IXP, quizais debido a que a mentalidade destas adegas é máis empresarial e son conscientes de que na súa carta de produtos, xunto a uns bos viños, teñen que ter unhas augardentes da máxima calidade.

¿Que porcentaxe do augardente galego está certificado pola IXP Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia?
É difícil coñecer o dato exacto pero a porcentaxe aínda é demasiado baixa. Boa parte do bagazo galego é destilado en Galicia, pero non todo serve para elaborar augardentes amparadas pola IXP, que esixe altos estándares tanto do punto de vista físico-químico (contido de etanol…etc) como organoléptico. En resumo, para poder levar a contraetiqueta da IXP a augardente ou licor non debe ter ningún defecto.

¿En que produto detectades desde o Consello Regulador máis posibilidades de crecemento?
O licor café é unha bebida que se vende fundamentalmente en Galicia e no pasado 2018 experimentou un pequeno incremento na certificación; a caña ou augardente branca descendeu lixeiramente e onde se concentrou o incremento foi no licor de herbas, que é onde detectamos un maior potencial de crecemento e que representa a maior parte da produción certificada. Trátase dunha bebida que se consume en toda España e onde o produto galego amparado pola IXP ten un potencial de crecemento enorme. Neste sentido, animaría ás empresas a que realicen un esforzo comercializador porque hai un gran mercado.

¿Nótase esta evolución positiva das certificacións nos prezos?
Lamentablemente non. Unha grappa italiana ou mesmo unha bagaçeira portuguesa pódense vender a 90 euros a botella de 1 litro, mentres que o galego está na contorna dos 18 euros. Calquera augardente amparado polo Consello Regulador Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia ten unha calidade como mínimo, igual, aos italianos ou portugueses, pero o seu prezo é 4 ou 5 veces inferior.

“As nosas augardentes galegas teñen a mesma calidade que un italiano ou portugués, pero un prezo 4 veces inferior”

¿Como diferenciar unha augardente galega certificada da que non o está?
A maior garantía sen dúbida é a etiqueta da IXP, pero mesmo nunha cata a cegas nótase a diferenza enorme de calidade. Na última edición do Salón de Gastronomía Xantar, en Ourense, organizamos desde o Consello Regulador unha cata, e ao finalizar unha traballadora da hostalaría achegóuseme para dicirme que era a primeira vez nos seus anos de traballo en que catara un licor de herbas que lle resultara agradable e lle sentara ben.

Pasounos tamén casos de prescriptores estranxeiros aos que lles serviron no restaurante unha augardente galega supostamente caseira e resultáralles resultado infame. Pero cando veñen ás adegas e proban unha amparada pola IXP quedan sorprendidos pola súa calidade.

¿Segue sendo a gran materia pendente a loita contra a augardente que se venden como galega pero que non o é?
Sen dúbida, e onde máis se comete a fraude é nos propios bares e restaurantes galegos, que tiran pedras contra o seu propio tellado. Deberiamos estar orgullosos como galegos dos nosos produtos e teriamos que lembrar que é moi difícil que vendamos fóra o noso cando non o defendemos e consumimos na nosa terra.

 “O problema coa fraude témolo en casa: son galegos os que o elaboran e galegos os restaurantes que o venden”

É inconcibible que nos restaurantes che regalen o chupito de augardente, no que te xogas a súa saúde se é ilegal, e che cobren o café, cando por 2 euros podes tomar un chupito dunha augardente legal, certificada pola IXP, e da máxima calidade. Como mostra de como está a situación, hai adegas galegas que se negan a vender as súas augardentes e licores en Galicia porque logo énchenlles as botellas para facelas pasar como súas.

En canto aos elaboradores, en Galicia hai destilerías que elaboran licores e augardentes con bagazo galego, pero tamén con moito augardente que traen de fóra e ás veces mesmo mesturándoo con alcol. Eses produtos, por moito que paguen impostos a Facenda, están a se servir do nome de Galicia na etiqueta para vender un produto que non é galego 100%, nunha práctica que bordea a legalidade e que constitúe un engano ao consumidor. O problema témolo na casa: a maior parte das empresas que venden augardentes e licores pseudogalegos ou pseudocaseiros son galegas e a administración non pode mirar para outro lado.

¿A administración está a cumprir as súas obrigas?
Até hai pouco o mercado galego estaba asolagado de augardentes e licores ilegais, constituíndo un problema de saúde pública, algo que só pasa en países poucos desenvolvidos. É algo que como sociedade deberíanos avergoñar e obrigar a actuar con firmeza. É certo que a Consellería de Sanidade realizou inspeccións e impuxo centos de sancións en locais de hostalaría das provincias da Coruña e Pontevedra, pero en Ourense só impuxo 2 ou 3, cando é suficiente con darse unha volta para comprobar que circulan amplamente estas augardentes e licores ilegais. ¿Por que non actúa a Xunta?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información