Godeval Revival, un viño elaborado mediante criomaceración

A conselleira do Medio Rural e do Mar destaca que o seu departamento destinou nos últimos anos 7 millóns en axudas para a I+D+i no sector vinícola

Publicidade
Godeval Revival, un viño elaborado mediante criomaceración

Presentación de Godeval Revival

A empresa SAT Godeval, pertencente á DO Valdeorras, presentou hoxe en Santiago o “Godeval Revival”, un viño froito dun proxecto de I+D, co que a empresa busca indagar no tempo de maceración a baixas temperaturas (criomaceración) e na extracción da maior cantidade de compoñentes aromáticos na pel da uva.

O resultado é unha serie limitada de 6600 botellas da súa nova marca Godeval Revival, un nome que homenaxea o proxecto REVIVAL (Recuperación de Viñedos de Valdeorras) dos anos 70 e responsable da recuperación da variedade godello. Un novo viño de godello que xorde da selección de uvas procedentes do seu viñedo máis
emblemático, “Pancho”, e contando coa investigación a través dun proxecto de I+D levado a cabo durante 3 anos para definir os parámetros axeitados no uso do proceso de criomaceración da uva.

Ao acto de presentación asistiu a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen salientou que ao longo dos últimos anos, a Xunta investiu máis de sete millóns de euros en axudas para a investigación no eido da produción vinícola en Galicia. Como resultado, un total de 75 empresas foron beneficiarias deste investimento.

Na mesma liña, quixo dedicar unhas palabras ao labor da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Evega. Este centro leva apoiando ao sector vinícola galego máis de tres décadas a través de proxectos de investigación e estudos.

A SAT Godeval

A SAT Godeval leva dende o ano 1986 elaborando viños da variedade de uva Godello, cunha produción anual duns 150.000 litros procedentes de viñedos propios. Ao seu catálogo, no que destacan produtos como o Godeval Clásico e Godeval Cepas Vellas, engádese agora o Godeval Revival.

Viñedo Pancho

Para levar a cabo o estudo utilizáronse as uvas dun dos viñedos máis antigos da adega. O viñedo coñecido como “Pancho” encóntrase nunha aba moi soleada con orientación das filas de viñedo Leste-Oeste, onde o chan e subsolo é 100% lousa e as cepas teñen 31 anos. Ademais da súa situación nunha zona con microclima especial hai que destacar que é un viñedo de baixo rendemento, máximo 4.000 quilos por hectárea o ano de maior produción, normalmente sobre 3.000 quilos por hectárea.

Resultados do estudo

Durante dous anos realizáronse varias probas co mosto de godello macerado con diferentes tempos. O primeiro ano empezouse con estudos de 4, 8 e 12 horas e anotáronse tanto as analíticas coma o resultado da análise sensorial dun panel de cata composto por 15 expertos. No segundo as horas de investigación foron 8, 12 e 16 e repetiuse o panel de cata.

Finalmente reuníronse os datos e o de maior cantidade e calidade de compoñentes aromáticos resultou ser o de 12 horas, co que finalmente no terceiro ano do proxecto se elaborou o Godeval Revival 2014.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información