Galicia sitúase entre as comunidades que menos superficie de viñedo perdeu entre 1980 e 2015

Así se desprende da “Enquisa sobre Superficies e Rendementos de Cultivos ESYRCE” do Magrama. Durante o período 1980-2015 a superficie de viñedo en Galicia caeu un 16,71% , mentres que a media española descendeu un 41,88%.

Publicidade
Galicia sitúase entre as comunidades que menos superficie de viñedo perdeu entre 1980 e 2015

Viñedo no Ribeiro: Adega Ramón do Casar

Galicia foi das comunidades que menos superficie de viñedo perdeu nos últimos 35 anos. Así se desprende da “Enquisa sobre Superficies e Rendementos de Cultivos ESYRCE” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) correspondente ao ano 2015 e que acaba de publicar o Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv) .

Segundo este estudo, Galicia pasou de contar con 31.215 hectáreas de viñedo rexistradas en 1980 a 25.997 hectáreas en 2015, o que supón un descenso porcentual do 16,71%, o é o mesmo unhas 5.200 hectáreas menos. Con todo, no conxunto de España, a perda de superficie de viñedo no mesmo período foi de nada menos que do 41,88%, case 700.000 hectáreas menos, pasando de 1.642.622 ha. en 1980 a 954.654 en 2015.

 “A superficie de viñedo soamente aumentou no País Vasco e na Rioxa”

En comparación con outras Comunidades Autónomas, Galicia sería a quinta con mellor comportamento durante ese período. Unicamente subiu na Rioxa (aumento do 66% na súa superficie de viñedo) e País Vasco (+56%) grazas á puxanza da Denominación de Orixe Rioxa. Os menores descensos rexistráronse en Canarias (-6,32%), Estremadura (-16,52%) e Galicia (-16,71%).

A caída global liderouna Castela-A Mancha, que pasou de máis de 756.800 hectáreas en 1980 a pouco máis de 473.000 en 2015 (-37,5%). Tamén cae notablemente a superficie en Andalucía (-77.608 hectáreas), Comunidade Valenciana (-77.289), Aragón (-71.114), Castela e León (-56.784 hectáreas e Cataluña (-47.900).

A superficie de viñedo en España medra un 0,4% en 2015 e en Galicia cae un 0,09%

En canto á evolución interanual, a superficie de viñedo en España sitúase nas 954.659 hectáreas en 2015 (+0,4%). En Galicia, pola contra, baixou un 0,09%, quedándose en 25.997 hectáreas, o que supón o 2,7% da superficie total de viñedo en España.

Castela-A Mancha, con 473.268 hectáreas, supón o 49,6% da superficie total de viñedo, rexistrando unha subida con respecto a 2014 do 2%. Séguenlle Estremadura (8,4% do total), Castela e León (6,6% do total), que supera á Comunidade Valenciana no terceiro posto (6,6% do total). Son 6 as comunidades autónomas que superan as 50.000 hectáreas, que inclúen a Cataluña e A Rioxa, ademais das catro anteriores. A maior caída rexístrase na Comunidade Valenciana (-3,7%).

Por tipo de cultivo: de secaño ou de regadío

En canto a o tipo de cultivo, se é de secaño ou de regadío, os datos mostran que das 954.659 hectáreas de viñedo existentes en España, 599.327 (62,8% do total plantado) corresponden a secaño, mentres que as 355.332 hectáreas restantes, o 37,2%, o son de regadío. Con respecto a 2014, o cultivo de secaño baixou un 1,5% (-200.719 hectáreas), mentres que o regadío gaña presenza ao medrar un 8,7% (+25.428 hectáreas).

En Galicia, o tipo de cultivo é oposto ao do resto de España. Das 25.997 hectáreas de viñedo o 97,3% é en secaño, e só o 2,7% (693 hectáreas) é viñedo en regadío, unha porcentaxe que se mantén practicamente estable ao rexistrado en 2008 (2,4%).

Descarga aquí o informe completo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información