“Galicia debería ter unha gran denominación de orixe para os seus viños”

Entrevista a Argimiro Levoso Touceda, xerente de Viña Costeira, a cooperativa vitivinícola do Ribeiro e unha das máis grandes de Galicia. O próximo ano sacarán ao mercado o seu primeiro viño tinto.

Publicidade
“Galicia debería ter unha gran denominación de orixe para os seus viños”

Argimiro Levoso

Argimiro Levoso Touceda é unha das persoas cun papel máis destacado na recuperación do prestixio da Denominación de Orixe Ribeiro nas últimas décadas. Xerente dende hai 27 anos de Viña Costeira, a cooperativa vitivinícola do Ribeiro, impulsou dende a súa chegada e de forma decidida a recuperación das castes autóctonas, como a Treixadura ou o Torrontés, para apostar por viños de calidade e diferenciados fronte a un modelo esgotado, baseado en castes foráneas e moi produtivas.

Non sen dificultades, o tempo foille dando a razón as súas ideas cualificadas naquel momento de visionarias. A súa outra proposta, a creación dunha superdenominación de orixe Galicia, seguindo o modelo de Burdeos, para promocionar os viños galegos no exterior tamén parece que se empeza a abrir camiño.

Que importancia ten Viña Costeira para a DO Ribeiro?
Viña Costeira é unha sociedade cooperativa fundada en 1968. Temos arredor de 600 socios e tamén lle compramos uva a uns 350 viticultores. Viña Costeira comercializa en torno ao 35% da uva da DO Ribeiro, que nun ano normal está nuns 11 millóns de quilos.

Como vos afectou a crise dos últimos anos?
Estes últimos anos foron duros, como para outros sectores, pero logramos manter a facturación. Baixamos en volume pero non en facturación, debido á reestructuración dos viñedos dende o Palomino e o Alicante, variedades foráneas con alta produtividade, a variedades autóctonas como a Treixadura, Torrontés ou Albariño, menos produtivos pero de moita máis calidade.

Houbo tamén un adianto da vendima porque as variedades autóctonas están máis adaptadas ao clima galego e maduran antes.

Como se presenta a vendima deste ano?
Temos unha vendima moi estruturada e escalonada por variedades e por maduración en cada zona. Temos uns días especiais para as variedades que maduran antes e logo imos vendimando por zonas. A uva tivo un verán estupendo e está tendo unha calidade extraordinaria, moi sá e cunha maduración fenólica e alcohólica moi equilibrada. Isto presaxia que sexa un moi bo ano para os viños galegos.

Unha das novidades desta vendima está a ser a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria. Como afrontades estes cambios en Viña Costeira?
Teño que dicir que nin todos os adegueiros son demos nin todos os viticultores son santos. Non é bo crear trincheiras. A viticultura de Galicia en xeral é a tempo parcial. Hai industrias que abusan dos viticultores, e a nosa adega está totalmente en contra diso. De feito, Viña Costeira foi a pioneira en Galicia en facer contratos homologados. Nós xa nos anticipamos á Lei da Cadea Alimentaria: os nosos viticultores sempre tiveron un contrato e antes de Nadal liquídaselles toda a colleita.

“Os nosos viticultores sempre tiveron un contrato e antes de Nadal liquídaselles toda a colleita”

Agora ben, creo que pasamos uns anos moi difíciles no sector do viño, e a veces as leis fanse alleas á realidade. Creo que debería deixarse a porta aberta a que o viticultor a tempo parcial poida ser financiado pola adega, pero sempre cunha negociación de tu a tu, non por imposición. Penso que a lei debería ser máis flexible; iso si, non permitindo que haxa abusos.

Viña Costeira é xunto co Grupo Arnoia quen marca a referencia de prezos da uva no Ribeiro. Como están a ser ese ano?
No Ribeiro houbo un acordo entre adegas e administración hai dous anos e Viña Costeira está a respectalo en tema de prezos. En tema de pagos si que había deficiencias a corrixir.

Como se están a comportar as vendas de Viña Costeira?
Intentamos exportar pero non é fácil. Estamos apostando por un sistema mixto de vender tanto en España como no exterior, aínda que as nosas vendas seguen a estar bastante concentradas en Galicia. Teño a idea de que o prezo medio dun viño é inversamente proporcional á distancia onde o vendas, porque vas perdendo valor afectivo a ese produto. Por iso defendo que o mercado galego ten que ser dos viños galegos.

 “O mercado galego ten que ser dos viños galegos”

Pero tamén estamos intentando expansionarnos noutras zonas de España, aproveitando o repunte do mercado que está a haber, porque no exterior costa moito.

Nalgún momento defendiches que “Galicia podería ser o Burdeos dos viños brancos do mundo”. Non se debería camiñar para iso cara un único Consello Regulador dos Viños de Galicia, con varias denominacións de orixe….
Hai uns vinte anos xa defendín esa idea nun congreso “Calidade de marca, calidade de orixe”, que organizamos nesta adega. Había xente de todos os Consellos Reguladores e adegueiros, e un pouco máis e quéimanme nunha fogueira.

Alégrame que vinte anos despois a xente vaia tomando conciencia da necesidade dunha super Denominación de Orixe Galicia co modelo Burdeos, que é unha denominación de denominacións. Isto permítelles ter un presuposto de márketing enorme a nivel mundial, e ten un amplo abano de viños: doces, brancos e dominan os tintos.

“Nun extremo do Camiño está Burdeos, cos mellores tintos de Europa, e noutro Galicia, cos mellores brancos”

A miña idea é que temos un nexo tan potente como é o Camiño de Santiago e se nun estremo está Burdeos, con viños como Petrus, onde o camiño pasa por diante da adega, ¿porqué non crear un nexo onde nun extremo do Camiño están os mellores tintos de Europa, os de Burdeos, e noutro os mellores brancos de Europa, en Galicia?.

En que novos proxectos está embarcada Viña Costeira?
Queremos ampliar gama, sobre todo en tintos, pero queríamos medrar en Galicia, non como outras adegas que o están a facer no Bierzo ou na Rioxa. Analizamos as distintas DO galegas e gustounos moito a zona de Larouco, na DO Valdeorras. Xurdiu unha oportunidade e estamos moi contentos: xa temos unha adega e traballamos mediante contratos con viticultores aos que lles gustou o noso proxecto.

O outro día xa trouxemos tintos fermentados e o próximo ano sacaremos ao mercado os nosos primeiros tintos. Temos moi boas expectativas con estes viños.

“Este ano sacaremos ao mercado os primeiros tintos”

Un dos retos da viticultura en Galicia é o do relevo xeracional. Como o estades a afrontar en Viña Costeira?
Levabamos anos intentando fomentar o relevo xeracional a través de distintas iniciativas, pero non acababan de callar. No ano 2007 creamos o proxecto de viticultura 2020 para apoiar aos fillos dos socios para que tomaran a renda da explotación e a melloraran. Tiñamos obstáculos de minifundio, de financiamento..etc.

VIÑA_COSTEIRA_RIBEIRO_01_standar

Viñedos de Viña Costeira

Neste sentido, dende a cooperativa axudámoslles tanto no financiamento, no asesoramento técnico e na busca de terreos e tamén intentamos apoiar a viticultura a tempo parcial. Temos varias experiencias positivas con traballadores da propia adega e non podemos descartarla como unha fórmula válida este tipo de viticultura. Porque un viticultor que ten unha hectárea de viñedo pódea atender de sobra cunha hora de traballo ao día, e ter un complemento de renda moi importante.

Pode haber un problema de subministro de uva a medio prazo co avellentamento dos viticultores?
Penso que haberá menos viticultores con explotacións cada vez maiores. É impensable que sexa rendible 6.000 metros cadrados en 11 parcelas…ese modelo agora xa non vale.

Temos viñedos propias da adega e viñedos en sistema cooperativo especial, que son Viñedos 2000: cos dereitos de plantación que existían fixemos unha bolsa na que o socio aportaba dereitos e algo capital e a adega buscou terreos para facer unha plantación conxunta, co compromiso de mantelos durante 30 anos e son transferibles de pais a fillos..etc. Hai 117 socios que participaron e hoxe os viñedos teñen máis de 60 hectáreas. Temos unha sección de viticultura na cooperativa coa súa propia conta de explotación.

“Á administración pídolle que aposte máis por pequenos proxectos de viñedos que por grandes obras”

Que lle pediríades á Administración?
Os plans de incorporación para a xente moza teñen o hándicap do tamaño dos viñedos. Non cremos en grandes obras con miles de pistas, pero si en pequenos proxectos nos que se lle adique máis esforzo ao viñedo, cunhas infraestruturas mínimas. É dicir, menos pistas asfaltadas, e máis viñas cultivables. En resumo, deberíase apostar máis por pequenos proxectos que por grandes obras, con centos de pistas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información