“Galicia debe apostar por producir viños vinculados ao terroir e ás variedades autóctonas”

Entrevista a Vicente Sotés Ruíz, Catedrático de Viticultura na Universidade Politécnica de Madrid e vicepresidente da Comisión Viticultura na Organización Internacional da Viña e o Viño

Publicidade
“Galicia debe apostar por producir viños vinculados ao terroir e ás variedades autóctonas”

Vicente Sotés nos seus viñedos da Rioxa

Vicente Sotés Ruíz é catedrático de Viticultura da Escola de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid. Naceu na Rioxa nunha familia de viticultores e agora continúa coa devandita actividade. Realizou numerosos traballos de investigación en caracterización de variedades, rega, técnicas de poda e de zonificación ou caracterización das áreas máis adecuadas para o viñedo sobre unha superficie estimada de 3,5 millóns de hectáreas tanto de España como de Iberoamérica. Tamén é representante de España na Organización Internacional da Viña e o Viño, na que actualmente ocupa o cargo de vicepresidente da Comisión Viticultura.

O pasado mércores participou en Monterrei (Verín), na xornada “Potenciación da viticultura ecolóxica en Galicia”, organizada por a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA).

Cales son as tendencias do mercado global do viño?
Actualmente o 40% do viño que se produce no mundo, un total de 100 millóns de hectolitros, expórtase, o que significa que é un mercado moi globalizado e con moita competencia.

Os países produtores clásicos son España, que é o primeiro do mundo en superficie de viñedo, pero terceiro en produción, por detrás de Francia e de Italia. Aos europeos sumáronse Australia, Chile, Arxentina, Sudáfrica e Nova Zelandia, que tamén son exportadores. O caso máis grave é o de España, onde producimos 40 millóns de hectolitros pero só consumimos uns 10 millóns de hectolitros, o que nos obriga a ser claramente exportadores.

No mercado hai unha clara diferenza entre os viños a granel, máis baratos e nos que España é líder en exportación, e os viños embotellados, de maior prezo. Isto lévanos a preguntarnos como subir o prezo do viño de exportación a través da aposta por viños peculiares e característicos.

Neste mercado globalizado e tan competitivo, como ve a situación do sector vitivinícola galego e que recomendaría para que os nosos viños compitan mellor no mercado?
A competencia no mercado pode ser por prezo, por imaxe ou por peculiaridade do viño. En prezo Galicia non pode competir porque o custo de cultivo nesta terra é moito máis alto que nos países do Novo Mundo ou na Mancha.

Por iso, creo que Galicia debe apostar por producir viños peculiares relacionados co ambiente de produción: as condicións de clima e de solo e as variedades autóctonas de Galicia, moi boas e recoñecidas, e que non están noutra parte do mundo. Hai que ter en conta que Galicia é a Comunidade con máis variedades autóctonas de vide de España. En definitiva, trátase de seguir apostando polas Denominacións de Orixe.

Cales son os países máis interesantes neste momento para a exportación de viños diferenciados como os galegos?
Os mercados que compran viños máis caros son Estados Unidos, fundamentalmente, e logo o Reino Unido e os países do Norte de Europa. Non debemos esquecer tamén os mercados de Asia, como China, Xapón e Corea do Sur. O problema neses países é que os prezos son máis baixos e hai máis oferta de viños estándar producidos coas variedades francesas (Merlot, Cabernet Sauvignon, Chardonnay…..) en Chile, Australia e Nova Zelandia.

Por último, non hai que esquecer os mercados de Brasil ou de México e doutros países de Latinoamérica, onde hai unha demanda de viños diferenciados, e nos que a comunidade de emigrantes galegos tamén pode axudar á súa difusión.

Que potencialidades lle ves ao desenvolvemento da viticultura ecolóxica en Galicia?
Hai un sentimento a nivel mundial de consumir produtos máis naturais, con menos residuos químicos e a viticultura ecolóxica conecta con esa corrente de opinión. O problema é que en Galicia, co nivel de humidade que existe, e sobre todo en veráns chuviosos, as enfermidades fúnxicas son máis difíciles de controlar en viticultura ecolóxica, como é o caso do mildiu, aínda que se realicen as prácticas culturais recomendadas como control da vexetación ou esfollas.

Cal é a tendencia da viticultura ecolóxica no mundo?
Cada vez hai máis tendencia á viticultura ecolóxica no mundo, especialmente nos países importadores, onde os consumidores esixen viños cada vez máis naturais. España é o país con maior superficie de viticultura ecolóxica, con máis de 83.000 hectáreas e máis do cincuenta por cento desa superficie está en Castela-A Mancha, onde é máis fácil desenvolvela.

“Deberíase avanzar no desenvolvemento de variedades autóctonas resistentes a enfermidades fúnxicas”

Tamén estás a traballar nun estudo sobre o efecto do cambio climático na viticultura en España. Podes avanzar algunhas conclusións?
O efecto do cambio climático non será só unha elevación das temperaturas senón que tamén haberá menos choiva total e, o que é máis problemático, os episodios extremos de choivas intensas nun curto período de tempo e as ondas de calor.

Neste sentido, realizamos unha tese doutoral sobre perspectivas das zonas vitícolas de España ante o cambio climático. Para iso empregamos os datos climáticos de 60 denominacións de orixe, entre elas as galegas. A continuación dividimos o territorio español en 4 zonas. As perspectivas para a zona máis cálida de España, o sur e o Mediterráneo, son as máis negativas. Pola contra, as perspectivas en Galicia son máis levadeiras para a agricultura e a viticultura.

Outro aspecto no que centraches o teu relatorio foi na necesidade de avanzar no estudo dos portaenxertos da vide, a maior parte dos cales datan do século XIX….
Desde finais do século XIX soamente sacáronse dous ou tres portaenxertos novos e avanzouse pouco, porque o tema ten poucas expectativas científicas para os investigadores, pero é fundamental avanzar. Nalgúns países do mundo está a apostarse por obter variedades transxénicas, o que en moitos casos xera un rexeitamento no consumidor e frea as investigacións en moitos países tradicionais; por iso avanzouse menos no desenvolvemento das variedades autóctonas que resistan ás enfermidades fúngicas.

Que ameazas detectas para o desenvolvemento da viticultura?
Sobre todo as enfermidades da madeira. Desde a prohibición do arsenito fai dez anos non se atopou un tratamento alternativo eficaz. Ademais, avanzouse moito nos estudos e atopáronse máis fungos distintos que provocan enfermidades da madeira e non hai ningún tratamento autorizado que sirva para todos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información