Galicia consolida o seu papel na investigación nacional do sector vitivinícola

Publicidade
Galicia consolida o seu papel na investigación nacional do sector vitivinícola

Acio afectado por mildeu

Tres entidades galegas conseguiron conformar un Grupo Operativo supraautonómico na convocatoria anual do Ministerio de Agricultura, obtendo a terceira mellor valoración entre as 45 propostas aprobadas.

A empresa Monet, a cooperativa Viña Costeira e FEUGA, xunto coa adega Hacienda Monasterio (Valladolid), forman VITICAST. O seu obxectivo é desenvolver unha solución para predicir as enfermidades fúnxicas que afectan á vide, mediante a medición a pé de parcela da concentración das esporas dos principais fungos que afectan os viñedos e a creación dunha ferramenta de aviso de posibles infeccións que combina: parámetros climáticos, as fases do desenvolvemento da viña e a cantidade de esporas que son necesarias para que se produza a infección.

O seu obxectivo é desenvolver unha solución para predicir as enfermidades fúngicas que afectan á vide

A finalidade última é reducir o número de tratamentos antifúngicos no viñedo para lograr unha maior calidade do viño e minimizar a incidencia da aplicación de fitosanitarios no medio ambiente.

Os Grupos Operativos son claves na execución do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020 en materia de agricultura produtiva e sustentable. Trátase da agrupación de axentes de diferente perfil con intereses comúns, tales como agricultores, gandeiros, empresas, centros de investigación ou de formación que se asocian para poñer en marcha mecanismos ou prácticas innovadoras co obxecto de dar unha resposta conxunta e multisectorial a un problema ou necesidade.

VITICAST conta cun financiamento de 95.000 euros do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), sendo un dos Grupos Operativos supraautonómicos con maior orzamento obtido na pasada convocatoria.

O grupo conta ademais coa colaboración da Universidade de Vigo, a través do Grupo de Investigación de Aerobioloxía e Apicultura, da Plataforma Tecnolóxica do Viño e da Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información