A Fruga pide a convocatoria da Mesa do Viño

A organización agraria demanda o establecemento de contratos homologados como fórmula para lograr unha maior estabilidade de prezos da uva, evitando a incertidume para os viticultores

Publicidade
A Fruga pide a convocatoria da Mesa do Viño

Viñedos na Ribeira Sacra. / Arquivo.

A Federación Rural Galega (Fruga) advirte de que entre os viticultores hai un ano máis “incertidume sobre o que vai pasar co prezo das uvas”. A organización agraria entende que a mellor vía para reducir a incerteza sobre os prezos da uva pasa polo establecemento de contratos homologados entre adegas e produtores. Para abordar esta cuestión, a Fruga trasladoulle á Consellería do Medio Rural unha petición para a convocatoria da Mesa do Viño de Galicia.

A vendima desta campaña estará marcada por unha baixada da produción en relación a un ano normal, -segundo valora a organización-, como consecuencia dos efectos das enfermidades fúnxicas, fundamentalmente mildeu e black-rot. “Chove sobre mollado”, lamenta a Fruga, “pois xa o pasado ano houbera importantes perdas debido ás xeadas tardías de primavera”.

Desde a sectorial vitícola da Fruga, que preside Xurxo Álvarez, viticultor do Ribeiro, din temer que os prezos da uva este ano sexan “iguais ou mesmo inferiores” ós do pasado ano, “co que a rendibilidade das nosas explotacións vitícolas veríase ameazada, tras dous anos seguidos de baixas producións e prezos que non compensan os gastos que tivemos que facer para non perder toda a colleita”.

A organización agraria sostén que a situación de inseguridade que se vive ano tras ano no prezo das uvas está a levar ó abandono de viñas, sobre todo nas zonas vitícolas de Ourense e Lugo. “Trátase principalmente de viñedos de persoas que non tiñan no cultivo da vide a súa actividade principal, pero que contribuían co seu traballo a manter actividade no rural”, explica a Fruga.

A Federación considera que a mellor fórmula para lograr unha estabilidade de prezos da uva pasa polo establecemento de contratos homologados, “o que permitiría rematar cos dentes de serra que se dan en case todas as producións agropecuarias, con épocas de prezos baixos seguidas de momentos puntuais de subas como consecuencia da falta de produto”.

Para abordar a posibilidade da posta en marcha de contratos homologados, así como para valorar as perspectivas da próxima vendima, a Fruga solicitoulle a Medio Rural a convocatoria da Mesa do Viño de Galicia, un órgano con participación de todo o sector que leva anos sen ser convocado.

Inicio dos controis de maduración da uva na Ribeira Sacra

Os técnicos do Consello Regulador da Ribeira Sacra están a iniciar hoxe os controis de maduración da uva, de cara a definir nos próximos días a data recomendada para o inicio da vendima na denominación de orixe. En Rías Baixas, en función da situación actual do viñedo, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro considera que a vendima non se realizará antes da terceira ou cuarta semana de setembro. En calquera caso, o Consello Regulador aínda non se pronunciou ao respecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información