Francisco Rego, premio Mágnum Honorífico 2016 polo seu traballo a prol do viño galego

José Martínez, de Casa Solla, recibe o premio Mágnum ao Mellor Sumiller de Galicia. Dominio do Bibei premio á mellor adega. Muradella Tinto 2012, premio ao Mellor Viño Galego e Azos do Pobo 2014, de daTerra Viticultores, foi nomeado Mellor Viño Revelación

Publicidade
Francisco Rego, premio Mágnum Honorífico 2016 polo seu traballo a prol do viño galego

Galardoad@s cos Premios Magnum do Viño Galego 2016

Paco Rego, técnico da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e colaborador de Campo Galego, recolleu hoxe de mans do director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, o Premio Mágnum Honorífico 2016 ‘Vinolvidable’ polo seu traballo a prol do viño galego. O acto celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia e contou coa presenza de representantes de distintas administracións e preto de 200 profesionais do mundo do viño.

O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa sexta edición, nomeou a Jose Martínez, de Casa Solla, como o Mellor Sumiller no Tratamento do Viño Galego, destacando que Jose «é, por dereito propio, un dos sumilleres con máis proxección de España».

A distinción de Mellor Adega Galega (entendida como colección de viños) foi para Dominio do Bibei, da Ribeira Sacra, ao ser os seus viños «un referente, presente en todos os grandes restaurantes de España».

Pola súa banda, Muradella Tinto 2012, de Quinta da Muradella, conseguiu o Premio Mágnum ao mellor Viño Galego. O xurado apuntou que «Xosé Luis Mateo segue traballando ao nivel que nos ten afeitos. Este viño é un valor seguro».

Azos do Pobo 2014, de daTerra Viticultores, foi nomeado Mellor Viño Revelación, destacando que «a primeira colleita do proxecto de Laura Lorenzo é toda unha declaración de intencións».

O Premio Mágnum á Mellor Labor de Difusión recaeu en Luis Gutiérrez. Este recoñecemento ven a valorar o «inestimable apoio de Luis para lograr posicionar os viños galegos no mapa vitivinícola global».

Todos eles recibiron unha escultura realizada por Alejandra Sampedro, que consiste nunha revisión da botella mágnum á que incorpora as crebas que arrastra o mar en torno ao faro Silleiro e que outorgan exclusividade a cada peza.

O xurado

O xurado dos Premios Mágnum está composto por recoñecidos profesionais, profesores e alumnos do Instituto Galego do Viño, entre os que se atopan sumilleres, viticultores, enólogos, distribuidores e críticos de viños, representando deste forma aos diferentes ámbitos profesionais do viño. Son os seguintes: Ferrán Centelles, César Ruiz, Miguelanxo Besada, Adrián Guerra e Fernando Filgueira, Mario Barrio, Xosé Lois Sebio, Xosé Luis Mateo, Esther Daporta, Luis Díaz, Jorge Vila e Xoán Cannas.

Toda a información http://www.premios-magnum.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información