Finca Viñoa: Así se logra o mellor viño branco de España

Nesta finca situada no corazón do val do Avia prodúcese un dos viños galegos recoñecido cos máximos galardóns, o último o de mellor branco de España. Coñecemos máis desta singular parcela onde a orientación, a tradición e o respecto ó medio son piares fundamentais

Publicidade
Finca Viñoa: Así se logra o mellor viño branco de España

José Manuel Martínez Juste, enólogo e socio do proxecto Finca Viñoa.

En pleno epicentro da Denominación de Orixe Ribeiro atópase Finca Viñoa, unha parcela de 12 hectáreas dedicadas á produción dun viño de finca que, dende un principio, buscou ser singular e manterser fiel á tradición.

“Estamos rodeados dos buques insignia do Ribeiro do Avia e, aínda así, as características desta finca conseguen que o viño teña unha estrutura, un corpo, uns aromas e unha personalidade que nos permite diferenciarnos”, indica José Manuel Martínez Juste, enólogo da finca e socio fundador do proxecto.

Buscaron recuperar un viñedo histórico en pleno corazón do Avia para facer un viño de parcela diferenciado

Hai xa 18 que Finca Viñoa botou a andar da man de tres socios que afrontaron o reto de elaborar un viño de parcela diferenciado, apegados á tradición e ó respecto ó medio. “Empezamos co proxecto porque criamos que era algo que quedaba aínda por facer. Queríamos recuperar un viñedo histórico e ser capaces de levar a cabo un viño de finca, dunha sóa parcela, no Ribeiro, onde tampouco predominan os terrenos que o permitan”, apunta Martínez Juste.

Finca-Vinoa--vista-xeral-

Vista xeral de boa parte dos socalcos que conforman Finca Viñoa e que salvan un desnivel de 180 a 380 metros.

As potencialidades da finca

Finca Viñoa é unha parcela de 16 hectáreas, 12 delas de viñedo, situada na parroquia ourensá de Banga (O Carballiño). No 2001 adquiriron as 8 primeiras hectáreas a un único propietario, que vivía na Arxentina, mentres que as outras 8 restantes implicou compras a 86 titulares.

O empeño por conseguir esta parcela débese, entre outros motivos, á súa axeitada orientación, toda ela situada cara ó sur, con zonas de viñedo no sureste, o suroeste e tamén propiamente cara o sur. A esta orientación privilexiada súmanse outros factores, como a altitude, que abarca dende os 180 ata os 380 metros de desnivel da ladeira e que determina o viño que nela se produce.

A parcela está orientada ó sur e ten unha altitude de entre 180 e 380 metros, con máis de 90 socalcos para salvar o desnivel

“A boa orientación mitiga os efectos que a altitude pode ter sobre o viñedo, iso posibilítanos conseguir unhas maduracións lentas que, combinado coa acidez das nosas variedades, nos permite producir un viño diferenciado”, explica o enólogo.

Esta é unha terra cunha fonda tradición vitícola, outra das razóns polas que a escolleron. As cepas están ligadas a este terreo históricamente. Aqueles “balcóns do Ribeiro” que Emilia Pardo Bazán describía na súa obra e que vía dende o antigo Pazo de Banga, propiedade da familia Quiroga e situado a escasos metros da finca, son hoxe parte de Finca Viñoa.

“Cremos que esta era a parcela axeitada por altitude, ubicación, solos e por ser un balcón do Ribeiro dende Banga. Era unha boa oportunidade para sacar adiante un viño particular e especial”, comenta o enólogo.

Reconstruir os socalcos

Un dos iconos máis significativos de Finca Viñoa hoxe en día son os 92 socalcos que contribúen a salvar o desnivel da parcela e ó seu aproveitamento. Conservan aínda algúns dos socalcos tradicionais que tiña a finca e que modificaron mínimamente co fin de incrementar a terra vexetal para poder mecanizar algúns procesos.

Socalcos-Finca-Vinoa-

Xunto coas novas terrazas tamén conservan socalcos tradicionais que tiña a parcela.

Tamén se diferencia, á marxe deses socalcos máis tradicionais, unha zona onde predominan os noiros naturais a base de terra. “Nesas zonas o terreo permitía ter as viñas así, sen necesidade de socalcos e optamos por facer o menor movemento de terra posible e reducir o impacto no medio”, comenta Martínez Juste.

Mentres, noutras zonas da parcela tiveron que levantar novos socalcos para poder plantar vide. Todas as lousas que empregaron na construción destas terrazas proceden da propia finca, foron obtidas trala excavación e adecuación do terreo. Así, retiraron a terra vexetal previamente para reincorporala despois nunha capa de 1,5 metros onde está a planta.

Logo desta restruturación da parcela, no 2003 plantaron as cepas, na súa maioría de Treixadura, que representa case o 90% do seu viñedo cunhas 34.000 plantas. A elas súmanse outras 2.800 cepas de Godello, 2.600 de Albariño e 600 de Loureira, Caíño Branco e Lado.

A maior parte do viñedo é de Treixadura aínda que tamén contan con cepas de Albariño, Loureira, Caíño Branco e Lado

Porén, ata o 2011 non comenzaron a comercializar o viño. “Para nós é moi importante elaborar o viño que queremos e manternos fieis á tradición, do mesmo xeito que o facían nosos pais e avós, por iso ata que logramos a calidade que queríamos non nos decidimos a sacalo ó mercado”, comenta o enólogo. Empezaron cuns 7.500 litros e apenas unhas 10.000 botellas e hoxe teñen unha produción anual de 65.000 botellas.

Nestes anos tamén sumaron o apoio dun importante grupo de inversores ó proxecto. “Grandes Pagos permítenos seguir tendo liberdade para elaborar o viño que queremos e do xeito que queremos”, especifica.

Nas zonas que o terreo llo permitíu fixeron noiros de terra no canto de socalcos para reducir o impacto.

Nas zonas que o terreo llo permitíu fixeron noiros de terra no canto de socalcos para reducir o impacto.

Reducir o impacto ambiental e contar cun solo vivo

Unha das máximas que reivindican en Finca Viñoa é o respecto ó medio no seu xeito de traballar no viñedo. “A nosa filosofía dende un principio foi a de provocar o mínimo impacto na finca e na natureza, apostando polo máximo respecto tanto polas variedades e a tradición, que queremos que se imprima nos nosos viños, como polo que a terra nos dá”, indica Martínez Juste.

Así, entre outras medidas, optan por realizar un maior laboreo manual e reducir ó mínimo o emprego de herbicidas. Teñen unha cuberta de herba e logo eliminan a herba que brota na liña da pranta. Ademais, empregan abonos orgánicos no canto de fertilizantes químicos. “Para nós é moi importante ter un solo vivo e ser o menos agresivos tanto coa planta como cos solos”, concreta.

A boa ventilación da finca e o laboreo permiten reducir a aplicación de tratamentos fitosanitarios e herbicidas

Entre as particularidades da finca, que ademais contribúen a permitir unha produción máis respectuosa co medio, é que se trata dunha parcela moi ventilada. “A boa ventilación disipa o orballo e a humidade da folla o que fai que sexa unha finca máis sa e que se precisen menos tratamentos fitosanitarios”, comenta o enólogo.

Apostar por menos tratamentos químicos implica contar cun maior equipo de persoas encargadas da atención do viñedo. Así, agora, en plena brotación da planta atópanse traballando na finca unhas 22 persoas, que se están a encargar de realizar un despunte manual, fronte ás 7 que normalmente integran o cadro de persoal.

Parte do viñedo de Penaboa.

Parte do viñedo co que elaboran o viño Penaboa.

Espazos particulares dentro da finca

En Finca Viñoa contan, ademais, con espazos diferenciados dentro da parcela. Unhas destas zonas singulares é a de Penaboa, que toma o nome da gran laxa que coroa esta parte da parcela. Coas uvas das cepas destes 15.000 metros cadrados elaboran un viño especial, que comercializan como Paraxe Penaboa. Trátase dunha produción limitada, dunhas 6.000 botellas, colleitada a man e que pasa entre 24 a 28 meses de crianza sobre lías.

Nesta elaboración máis meticulosa tamén se empregan as uvas doutra subparcela particular dentro de Finca Viñoa, un pequeno campo de competencia, duns 1.000 metros cadrados onde teñen plantadas 1.000 cepas. “Trátase dun campo no que ver como se controla o vigor neste tipo de cultivo”, explica o enólogo.

Botella-Finca-Vinoa-

Acaban de renovar a etiqueta dos seus viños para incluir un deseño coa orografía da parcela.

Unha traxectoria de recoñecementos

Ademais do coidado da viña, en Finca Viñoa tamén levan a cabo un proceso meticuloso na elaboración do viño, que comeza xa co propio traslado das uvas á adega de Casanova, que se localiza a uns 20 quilómetros da finca, na localidade veciña de Santa Cruz de Arrabaldo, en Ourense.

Este traslado realízano en vehículos con refrixeración e unha vez na adega meten as uvas nunha cámara de refrixeración ata que acaden unha temperatura de 5 grados. “Procuramos que, entre que a uva sae da planta ata que entra na adega, pase o menos tempo posible pero tamén que conte coa temperatura idónea. Este tempo de enfriamento empregámolo para facer as análiticas precisas para adaptar os nosos procesos ás características da uvas”, comenta o enólogo.

Procuran acurtar ó máximo o tempo dende que a uva se vendima ata que chega á adega e que entre a unha temperatura de 5 grados

Nestes anos, Finca Viñoa converteuse nun dos viños máis destacados do Ribeiro e que consigueu algúns dos premios máis importantes tanto no panorama nacional como internacional. O último foi a distinción como mellor viño branco de España do prestixioso concurso International Wine Challenge.

Adega-Casanova-Finca-Vinoa-

Están pendentes de remodelar o antigo pazo para convertelo na sede da adega.

Este recoñecemento súmase á Medalla de Ouro que tamén recibiu recentemente no Concours Mondial de Bruxelles 2019 e que se engade a un palmarés no que tamén figuran un platinum da revista Decanter.

“Os premios reforzan a idea de que o proxecto merece a pena e permítennos sentirnos orgullosos non só polo noso traballo senon por manternos fiel á tradición, aínda que o mellor premio é o recoñecemento dos clientes, que son auténticos embaixadores do noso traballo”, reivindica Martínez Juste.

“Boa parte do éxito do noso viño débese ó gran equipo humano co que contamos que está implicado totalmente no proxecto”

Juste tamén reivindica o papel do equipo humano nos éxitos que está a colleitar o seu viño nestes anos. “Boa parte do éxito débese ó gran equipo humano co que contamos que está implicado totalmente no proxecto e que, desde o primeiro momento, nos brinda o seu compromiso para garantir que todos os procesos se realicen coa meticulosidade que a nós nos gusta”, reivindica Martínez Juste.

Precisamente, o enólogo ten un especial recordo para un dos piares fundamentais deste equipo de traballo, Modesto López González, finado recentemente e que estivo implicado neste proxecto dende o comezo. “El conseguiu transmitir e implicar a todo o mundo, trasladando ó campo a nosa filosofía, e esta colleita que estamos a comercializar agora, a de 2017, que foi a derradeira na que participou, queremos que se volva unha homenaxe para el”, conclúe Juste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información