Fernando González: o viño do aviador que soñou con facer o mellor branco de Valdeorras

Viña Valdeiga é unha adega nova fundada por Fernando González, un piloto de aviación da Rúa, que decidiu apostar por un proxecto propio. O seu viño xa mereceu o Baco de Ouro da Unión Española de Catadores

Publicidade
Fernando González: o viño do aviador que soñou con facer o mellor branco de Valdeorras

Elaborar o mellor branco de Valdeorras a partir da que se considera unha das variedades brancas como maior posibilidades do mundo, como é a Godello.

Este é o soño de Fernando González, un piloto de aviación que, tras participar en Viña Somoza, fai tres anos decidiu pór en marcha a súa propia adega, Viña Valdeiga, na Rúa, xunto ao enólogo Manuel Costas.

“O meu pai de neno dicíame que tiña moi boa man para o viño, e parece ser que estaba acertado. Fun aviador profesional e agora pódome dedicar á miña paixón, que é o viño”, resume Fernando.

E non vai desencamiñado: a pesar da curta traxectoria desta adega, o seu Godello Fernando González 2015 sobre lías xa mereceu o Baco de Ouro á nova marca da Unión Española de Catadores.

“Elaboramos soamente Godello 100% e nesta adega, situada baixo terra e cunha temperatura constante, vinificamos moi ben. É un viñazo, está moi ben, e hai que bebelo e gozalo”, afirma orgulloso.

Manuel Costas, o seu enólogo e compañeiro neste proxecto, concorda en que “a nosa marca diferencial é o noso viño con Godello 100% de Valdeorras, que nos parece a mellor uva branca do mundo, e coa que se pode chegar a elaborar un gran branco”.

Pero o viño faise na viña e as de Viña Valdeiga, cunha idade de entre 30 e 40 anos, expresan o terroir de Valdeorras: “Buscamos diversidade de terreos: o granito dos viñedos de Seadur, en Larouco, achega frescura, a lousa das ladeiras da Rúa proporcionan máis complexidade mineral e a arxila das zonas de val da Rúa dan matices afrutados”, resume Manuel.

En total, as entre 40.000 e 60.000 botellas que están a elaborar do seu Godello 100% proceden de 3 hectáreas propias de viñedo que cultivan Manuel e Fernando e doutras tantas de viticultores de Valdeorras coas que manteñen unha relación comercial de hai anos.

“O Godello é un branco lonxevo, e a partir de dous anos en botella está expectacular”

Tras elixir o momento óptimo da vendima e seleccionar as uvas, en Viña Valdeiga elaboran o seu Fernando González criado sobre lías. Lonxe de asocialo cun viño novo, Manuel Costas subliña que “o Godello é un branco de longa duración en botella, e é precisamente despois de 2 anos en botella cando alcanza maior redondez en boca e o seu punto máis alto de complexidade”. “O Godello é moi lonxevo, podes descorchar botellas de 3 ou 4 anos e estar expectaculares”, engade.

Os expertos definen ao Godello sobre lías de Fernando González como un branco atípico, dotado dunha complexidade inusitada. A nota de cata do portal especializado Vinissimus non deixa lugar a dúbidas: “Combina con elegancia os aromas de manzanilla e de menta, e tamén os pétalos de flor branca murcha. Ten personalidade. En boca é graxo, con moi bo volume, sen pesar en absoluto, e tras unha boa decantación mostra toda a súa complexidade, recreándose nuns suxestivos e á súa vez sutís tons torrefactos que lembran aos froitos secos. Unha magnífica acidez, un branco para saborear e beber con pracer”.

 Vinissimus: “É un branco atípico, dotado dunha complexidade inusitada”

O seu mercado é principalmente galego e no resto de España, aínda que cunha crecente presenza nos mercados exteriores, que xa representan o 20% das vendas de Viña Valdeiga.

E en canto ao futuro?: “O noso obxectivo é manter a personalidade e calidade do noso produto. Seguir medrando paseniño e apostando polo que nos diferencia: elaboramos viño monovarietal 100% Godello e de Valdeorras, que é o que nos distingue do que se produce noutras denominacións de orixe”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información