Felicísimo Pereira continuará como presidente da denominación de orixe Ribeiro

A maioría dos vogais do pleno do Consello Regulador votou a favor da súa continuidade

Publicidade
Felicísimo Pereira continuará como presidente da denominación de orixe Ribeiro

Felicísimo Pereira.

Felicísimo Pereira, que desde o pasado mes de febreiro estaba como presidente provisional do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, aceptou continuar no cargo nun pleno extraordinario celebrado esta semana. Xa cando accedera á presidencia do Consello, Pereira trasladara que a súa idea era abandonar ese posto por motivos laborais antes da vendima, xa que é tamén colleiteiro. Finalmente, o apoio maioritario do pleno o seu traballo fixo que aceptase continuar no cargo.

“Levo traballando por e para a D.O. Ribeiro como colleiteiro case 20 anos. Se o pleno quere que siga como presidente, acéptoo coa responsabilidade e profesionalidade que me outorga o cargo e a confianza que depositan en min”, comentou Felicísimo Pereira tras o pleno. O presidente da D.O. asegura que o Ribeiro pasa un bo momento e que traballará apostando pola calidade e en consenso con todos os axentes que integran a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Felicísimo Pereira comprométese a seguir de presidente ata que se convoquen as vindeiras eleccións aos consellos reguladores e propuxo formalizar unha Comisión Permanente de traballo e apoio á presidencia, así como un grupo de traballo de vendima onde estivesen representados todos os axentes do sector. “Creo que a D.O. vai por bo camiño e é importante que as decisións se tomen de xeito consensuado, reflexionando e debatendo sobre os retos futuros da denominación e o seu papel como propulsor da economía local”, asegurou.

Oposición de Unións Agrarias
Felicísimo Pereira, representante do sector dos colleiteiros, accedeu ao cargo despois da dimisión do anterior presidente, sendo entón vicepresidente do pleno. En contra da súa xestión e da súa continuidade no cargo de presidente, pronunciouse estos días de xeito público Unións Agrarias, se ben a organización non contou cos apoios necesarios na súa oposición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información