Feira do Viño de Valdeorras o 15 e 16 de xullo

O actor e monologuista Javier Veiga será o pregoneiro da Festa. O evento incluirá unha cata profesional e actividades paralelas no recinto feiral, como un showcooking, actuacións musicais e un parque infantil

Publicidade
Feira do Viño de Valdeorras o 15 e 16 de xullo

As adegas da denominación de orixe Valdeorras celebran este fin de semana a XX Feira do Viño de Valdeorras, que se desenvolverá no Barco. O evento contará como pregoneiro co actor e monologuista Javier Veiga, que intervirá o sábado 15 a partir das 12.30 horas. O recinto feiral permanecerá sábado e domingo aberto entre 12.30 e 14.30 horas e entre 19.30 e 23 horas, a fin de facilitar a degustación e venda dos viños da comarca.

O cartel da XX Feira do Viño, do que é autor Víctor Miranda, un profesional da publicidade de orixe valdeorrés, ten este ano como protagonista ó godello, unha variedade branca que constitúe o sinal de identidade da denominación de orixe.

O programa de actividades previsto para a feira do viño inclúe unha cata profesional, da que se entregarán os premios o domingo á tarde, así como eventos paralelos no recinto feiral, como un showcooking (demostración de cociña), actuacións musicais e un parque infantil.

A feira do viño presentouse días atrás nun acto no que participaron o presidente do consello regulador, Francisco García; o alcalde do Barco, Alfredo García, e o alcalde da Veiga, Juan Anta, en representación da Deputación.

Na presentación, o presidente do consello regulador lembrou o difícil ano que vive Valdeorras, a raíz das xeadas de abril, se ben destacou que “confiamos en salvar os mobles. A Feira é unha oportunidade para reivindicar o valor do sector vitivinícola da comarca e temos que volver incidir na importancia de axudas directas para os afectados das xeadas”, sinalou.

Guía de viños e adegas

O consello regulador de Valdeorras vén de editar un catálogo no que aparecen todas as adegas da denominación de orixe, con información sobre os viños que elabora cada unha. “O obxectivo da guía é contribuír a posicionar os nosos viños en diferentes ámbitos, como feiras no exterior e accións comerciais. Contribuirá a darnos a coñecer e a posicionar mellor os nosos viños”, subliñou Francisco García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información