A Feira do Viño de Monterrei contará con 17 adegas participantes

Verín acollerá a cita centrada no viño do 9 ao 11 de agosto. Nesta edición, o actor e director ourensán Rubén Riós exercerá de pregoeiro. Contarán con actuacións musicais de O Consorcio, Leilía ou Remember Queen, entre outros

Publicidade
A Feira do Viño de Monterrei contará con 17 adegas participantes

Presentación da XIV Feira do Viño de Monterrei.

A localidade de Verín (Ourense) acollerá do 9 ao 11 de agosto a XIV Feira do Viño de Monterrei. Nesta edición contará coa participación de 17 das 26 adegas que conforman a Denominación de Orixe de Monterrei, unha máis que as participantes no 2018. “Esta incorporación amosa o gran apoio do sector a esta feira”, reivindica a presidenta do Consello Regulador da DO, Lara Da Silva Rodríguez.

Esta cita volverase a realizar, como vén sendo habitual nas últimas edicións, na praza da Alameda. Ademais das casetas das adegas, estarán presentes casetas gastronómicas con produtos da zona. O horario de apertura das casetas será o seguinte: venres 9 de 20.00 a 23.00 horas. O sábado abrirá de 11.30 a 14.00 horas e de 20.00 a 01.00 horas. O domingo permanecerán abertas de 11.30 a 14.00 horas de novo e, xa pola tarde, de 19.00 a 23.30 horas. Os prezos tamén se manterán con respecto aos anos anteriores: 5 degustacións por 5 euros e unha copa personalizada da DO por 2 euros.

Adegas participantes e colaboradores

Detallamos, a continuación, as 17 adegas participantes nesta edición:
Abeledos, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer (Boo Rivero), Daniel Fernández, Franco Basalo, Gargalo, Ladairo, Tapias Mariñán (Pazo Branco Núñez), Pazo de Valdeconde, Pazo das Tapias, Quinta do Buble, Quinta Soutullo (Fausto Rivero),Terras do Cigarrón,Trasdovento, Triay, Valderello, Vía Arxéntea.

Ademais, Da Silva tamén agradeceu a colaboración doutras entidades como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e os concellos de Oímbra, Monterrei, Castrelo do Val, Riós e Vilardevós.

Rubén Riós, exercerá de pregoeiro

O acto inaugural da XIV Feira do Viño de Monterrei realizarase o venres 9, a partir das 20.00 horas, na praza da Alameda e estará amenizado pola Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pregoeiro será o actor e director Rubén Riós. Tras a inauguración e o percorrido polas casetas participantes, terá lugar o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, que se celebrará este ano na Igrexa Parroquial de Verín.

Desde o Consello Regulador convidaron, por terceiro ano consecutivo, a tódolos viticultores inscritos na DO co obxecto de que participen no acto da Confraría dos Viños de Monterrei. “Queremos que formen parte deste acto, do mesmo xeito que as nosas adegas, xa que son eles os que conforman a esencia de Monterrei”, destaca Da Silva Rodríguez. A presidenta da DO tamén animou a veciños e visitantes a achegarse a esta celebración, que o pasado ano superou as 25.000 degustacións, un 25% máis que na edición anterior.

O ano pasado superáronse as 25.000 degustacións, un 25% máis que a edición de 2017

Na presentación da cita, o alcalde verinés, Gerardo Seoane, quixo facer un chamamento ao público para que se achegue ata Verín, nas datas nas que se celebra a Feira, para coñecer de primeira man a singularidade dos viños da zona. Seoane confirmou tamén que, do mesmo xeito que na anterior edición, o Concello habilitará “unha caseta con todas as nosas augas mineromedicinais, na que os visitantes, ademais de realizar a pertinente degustación das mesmas, poderán informarse sobre todas as súas propiedades”, concretou.

Programa de actos

O programa de actos da feira inclúe actividades centradas no viño, na gastronomía e na musicais. A programación arrincarán o venres co acto inaugural. Nesa mesma xornada actuará, na Praza García Barbón, a partir das 00:00 horas, O Consorcio, agrupación musical formada en 1993 polos cantantes Amaya, Estíbaliz e Iñaki Uranga, Sergio Branco e Carlos Zubiaga, ex-compoñentes do coñecido grupo vocal español Mocidades.

O sábado ás 23:30 horas actuará Remember Queen, “considerada como unha das mellores bandas tributo que existen deste icónico grupo”, explicou a edil de Festexos, Cultura e Educación de Verín, Emilia Somoza. A partir da 1:30 horas, será a quenda de En Mala Hora Rock & Roll Band, agrupación musical ourensá que versiona temas coñecidos e esquecidos entre os discos de grandes estrelas de Rock and Roll e do Blues, entre moitos outros xéneros.

O domingo, ás 21:30 horas, a Praza da Alameda, acollerá a actuación do grupo de folk tradicional Leilía, que presenta o seu novo traballo discográfico ‘CantarElas’ axuntando temas emblemáticos con temas pouco coñecidos co toque actual da agrupación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información