Facer podas temperás, unha estratexia para previr as enfermidades da madeira do viñedo

O traballo da investigadora Pilar Martínez Diz, especializada no estudo das afeccións fúnxicas da madeira da vide, amosa que comezar as podas no mes de novembro pode frear a incidencia destas enfermidades nalgunhas zonas de Galicia

Publicidade
Facer podas temperás, unha estratexia para previr as enfermidades da madeira do viñedo

A investigadora Pilar Martínez nu dos viñedos nos que levou a cabo a súas investigacións.

As afeccións fúnxicas da madeira da vide son unha das principais ameazas para os viñedos na actualidade. As enfermidades de Petri e do Pé negro, nos viñedos novos; e a Eutipiose, o decaemento por Botryosphaeria e a Iesca, nas cepas adultas; son algunhas das afeccións máis prevalentes. A falta de tratamentos efectivos cos que combatelos efectos, xunto co elevado número de patóxenos asociados a elas, fan que se converteran nun dos retos para a viticultura.

Non existen tratamentos curativos para erradicar a infección provocada polas enfermidades da madeira da vide

“A día de hoxe non existen estratexias de control curativas, nin químicas nin biolóxicas, que sexan capaces de erradicar a infección provocada polos patóxenos fúnxicos asociados ás enfermidades da madeira da vide”, explica Pilar Martínez, investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que está a abordar na súa tese o estudo destas afeccións.

Os primeiros resultados do seu traballo, que foron presentados no Congreso Internacional de Enfermidades da madeira da vide en Canadá, amosan que facer podas temperás podería ser unha estratexia para previr estas enfermidades.

Adiantar a poda a novembro

“Observamos que a incidencia das infeccións foi, en xeral, moi baixa tras podas temperás realizadas a mediados do outono, no mes de novembro, en comparación coas podas tardías, feitas a finais do inverno, no mes de febreiro, nas que aumentou a presenza destes patóxenos”, concreta a investigadora.

Aínda que estas conclusións son provisionais, xa que se basean nos resultados do primeiro ano de estudo, ofrecen unha vía de prevención fronte ós efectos destas afeccións. Ademais, céntranse nunha fase do ciclo da vide, a poda, na que de forma natural se producen infeccións por estes patóxenos nas feridas realizadas á planta, causando, có tempo, a aparición destas enfermidades.

O estudo realizouse en viñedos de Valdeorras, Ribeiro e Rías Baixas para tentar abarcar as distintas áreas climáticas de Galicia

Os resultados obtidos abren a posibilidade a variar a época de poda no viñedo, que en moitas zonas de Galicia adoita atrasarse ó final do inverno. Porén, a investigadora incide en que os resultados se centran nunhas zonas concretas e que é preciso combinar outras prácticas preventivas. “Baixo as condicións climáticas e ambientais das áreas concretas galegas nas que se está levando a cabo o estudo, poderíamos recomendar realizar podas temperás, que combinadas con outras medidas de control, poderían reducir as infeccións”, matiza a investigadora.

As investigacións foron realizadas en distintos viñedos situados en tres das cinco denominacións de orixe (DO) galegas. En concreto, leváronse a cabo no Ribeiro, Valdeorras e Rías Baixas. “Na medida do posible, tentamos abarcar as distintas áreas climáticas e vitivinícolas de Galicia”, concreta a experta.

Prevención e control, as únicas ferramentas para reducir danos

Hoxe en día, non existe ningunha solución para atallar os efectos destas enfermidades. “As únicas medidas que podemos empregar actualmente son de prevención e control”, explica Pilar Martínez. Neste sentido, estanse a empregar estratexias cun enfoque interdisciplinario no que se integran distintas medidas.

Óptase por medidas de prevención e control físicas, como a termoterapia con auga quente, con outras alternativas biolóxicas que implican o uso de axentes de biocontrol.

O tratamento das feridas da poda ou a eliminación dos restos vexetais infectados son prácticas coas que reducir os riscos

Prácticas culturais axeitadas como a protección das feridas da poda ou a eliminación dos restos vexetais infectados, tanto no viveiro como nos viñedos, contribúen tamén a reducir o risco de infección.

Recomendacións

A experta incide na importancia que teñen estas enfermidades no viñedo. “Viticultores e viveiristas teñen que ser conscientes de que as probabilidades de que fungos asociados ás enfermidades da madeira infecten as súas vides son moi altas”, apunta. Estas afeccións implican un impacto económico e perdas de rendemento substanciais polo que, Martínez recomenda non esperar a ter o problema para comezar a atallalo.

A experta aconsella empregar prácticas de manexo integrado de prevención e control, que contribúan a reducir as infeccións por estes fungos para conseguir minimizar o impacto económico que causan. A investigadora recorda que é moi importante mellorar a calidade fitosanitaria das vides producidas nos viveiros.

En canto ós viñedos, Martínez incide en coidar as plantas dende o momento da súa plantación, evitando realizar podas severas e protexendo as feridas, para así tentar previr ó máximo as infeccións por estes fungos.

Enfermidades da madeira do viñedo no mundo

Atopar tratamentos para as enfermidades da madeira do viñedo está a resultar unha tarefa complicada debido á complexidade destas afeccións. Actualmente, hai 133 especies de fungos asociadas con estas patoloxías en todo o mundo, o que dificulta o coñecemento en profundidade de todas para atopar solucións.

A isto engádese que estes patóxenos viven tanto nos solos, como é o caso de especies asociadas coa enfermidade do Pé negro e dalgunhas das asociadas coa enfermidade de Petri, mentres que outros dispersanse principalmente a través de esporas transportadas polo vento, a choiva ou insectos, como acontece cos asociados, coa Iesca, o decaemento por Botryosphaeria, a Eutipiose e algúns dos asociados coa enfermidade de Petri.

Hai 133 especies de fungos asociadas con estas patoloxías en todo o mundo

Ademais, varios patóxenos poden infectar á vide ó mesmo tempo, o que fai complicado identificar a infección. Mesmo, hai casos nos que as vides contraeron a enfermidade de novas e non desenvolven os síntomas ata que son adultas, logo dun período latente.

Tal e como explica Martínez, a incidencia destas enfermidades é moi elevada en todo o mundo e a tendencia vai en aumento. Aínda que, polo momento hai pouca información sobre o impacto que estas enfermidades teñen tanto nos viñedos galegos como nos españois. Porén, os datos manexados pola Organización Internacional da Viña e do Viño (OIV) destacan que en España a incidencia destas enfermidades en vides de entre 15 e 18 anos está próxima ó 10%.

A tendencia observada tanto polos viticultores como polos investigadores evidencia que a incidencia destas enfermidades aumentou nos últimos anos. Un estudo realizado nas rexións vitivinícolas de Castela e León no ano 2007 amosou que a presenza destas enfermidades pasou dun 1,8% no 2001 a un 7% no 2006.

A incidencia das enfermidades da madeira do viñedo é moi elevada en todo o mundo e está en aumento

Tamén a nivel internacional se está a observar este incremento. A OIV tamén reportou que a presenza destas enfermidades en Italia sitúase entre o 8 e o 19% para vides na mesma franxa de idade que no caso español. A incidencia da Iesca acada cifras de entre o 60 e o 80% en viñas adultas en zonas do centro e o do sur do país. A situación é similar en Francia, onde aproximadamente o 13% dos viñedos son improdutivos, con perdas estimadas de arredor dos 1.000 millóns de euros no 2014.

Martínez, que agora mesmo se atopa continuando a súa investigación en Canadá, refire que unha enquisa realizada nese país, constatou que na provincia da Columbia Británica o 90% dos viñedos tiñan síntomas dalgunha enfermidade da madeira da vide. Mentres, en California, as perdas atribuídas a estas afeccións son cando menos de 260 millóns de dólares americanos ó ano. En países coma Australia estímase que a Eutipiose é responsable de perdas para a industria vitivinícola de ata 8.300 millóns de dólares australianos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información