A Evega logra cepas de Albariño melloradas en produción e grao alcohólico

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) consegue mellorar a variedade Albariño con clons máis produtivos, con uvas de menor acidez e libres de virus.

Publicidade
A Evega logra cepas de Albariño melloradas en produción e grao alcohólico

Clon de Albariño mellorado en produción e grao alcohólico. Autor: Evega

O albariño é hoxe a variedade autóctona galega máis cultivada e unha das máis representativas dos viños de Galicia. Conscientes desta importancia, os investigadores da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) lograron obter clons mellorados da variedade, con maior potencial produtivo, e mellorando as calidades da uva en canto a acidez e grao alcohólico.

Os resultados deste intenso traballo de mellora xenética, cuxos comezos se remontan ao ano 1990, expuxéronse recentemente en Monforte de Lemos na xornada técnica “A garantía na plantación do viñedo: o material vexetal certificado”, organizada pola Evega.

María Graña Caneiro, investigadora da Evega e directora do estudo, asegura que a selección clonal que realizaron da variedade albariño marcouse dous obxectivos: “Por unha banda queriamos subir o potencial produtivo, xa que vimos que ata o 30% das plantas dos viñedos analizados, tiñan producións moi baixas; e por outra banda, marcámonos como obxectivo mellorar as maduracións, aumentando o grao alcohólico e baixando o potencial de acidez, xa que nas zonas de cultivo máis ao norte da provincia de Pontevedra hai anos nos que custa alcanzar as maduracións desexadas”.

E todo iso mantendo a pureza varietal e logrando clons libres de virus, principalmente dos virus do enrolado I e III (GLRaV), virus de entrenó curto infeccioso (GFLV) e do xaspeado (GfkV), segundo esixe a normativa actual.

O proceso comezou cunha selección masal de 112 cepas de albariño que se realizou entre os anos 1990 e 2000. “Dese total, -explica María Graña- establecemos unha serie de filtros en canto a características fenolóxicas, estado sanitario e produtivo da planta, que nos levou a seleccionar 34 clons que no ano 2001 plantamos nunha parcela da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, en Pontevedra”, en condicións agronómicas homoxéneas para todas as plantas.

As vides, a partir das que se obtiveron os clons mellorados de Albariño, procederon principalmente do Salnés (26), e en menor medida do Rosal (4), Soutomaior (3) e 1 da subzona do Ulla.

Desa plantación, realizada sobre patrón 191-17 -o máis común na zona- fóronse seleccionado os clons cos seguintes criterios: unha produción por cepa superior á media, un grao alcohólico probable tamén superior á media e unha acidez total inferior á media de todos os clons.

Estes tres parámetros, xunto a outros de carácter agronómico, estudáronse ao longo de seis vendimas, entre os anos 2004 a 2009.

Produción por cepa: varía entre 0,70 e 3,48 quilos

Os resultados do estudo mostran unha produción moi variable segundo as condicións climáticas de cada campaña, pero o que é máis importante, segundo o clon.

Así, na campaña 2008 a produción variou entre os 0,70 quilos por cepa e 3,48 quilos do clon A-095, o máis produtivo, situándose a media en 2,08 quilos por cepa.

Tamén se detectaron importantes oscilacións no grao probable de alcol entre os 34 clons de albariño estudados. Por exemplo, na vendima 2008 variou entre os 11,3 e os 13,5 graos, segundo o clon, situándose a media nos 12,7 graos.

E o mesmo sucedeu na análise da acidez, medida en acidez total mosto. Así, na vendima 2004 a acidez media do mosto dos 34 clons foi de 9,3, pero con oscilacións de entre 7,8 e 12,3, dependendo do clon.

“Os resultados foron moi dispares e o único que variou foi a xenética da planta”, conclúe María Graña.

Cales son os clons de albariño recomendados para Galicia?

Finalmente a Evega realizou unha nova selección dentro dos 34 clons para quedar finalmente con 10 que cumpren os obxectivos de lograr cepas de albariño con maior potencial produtivo, menor acidez e maior grao alcohólico.

Os clons seleccionados e os seus parámetros agronómicos e enológicos expóñense na seguinte táboa:

CADRO_EVEGA_ALBARIÑO

Valores medios do período 2004-2009. Autor: Evega

Os clons para implantar elixiranse en función das condicións edafoclimáticas das parcelas e das expectativas a nivel produtivo e de tipo de viño que se pretenda facer.

Espérase que estes clons mellorados estean a disposición dos viticultores nos próximos anos

A investigadora da Evega explica que o clon A-072, cunha elevada acidez e unha produción lixeiramente inferior, “introduciuse na selección pensando naqueles casos nos que sexa preciso subir a acidez dos viños, xa que en determinados anos e zonas de produción pode chegar a ser un factor limitante”.

“Con este estudo o que quixemos desde a Evega é dar resposta ás demandas do sector vitivinícola galego, no sentido de lograr clons seleccionados e certificados desde o punto de vista sanitario”, conclúe María Graña Caneiro.

Na actualidade a Evega está a traballar cos campos de pés nais dos clons seleccionados, paso previo para remitir o material aos viveiros e que estes poidan propagalo para poñelo á venda para os viticultores, algo que se prevé que se poida facer realidade nos próximos anos.

Parcela de homologación de clons de Albariño en Ribadumia, pertendente á Evega.

Parcela de homologación de clons de Albariño en Ribadumia, pertendente á Evega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información