A EVEGA forma aos inspectores de vendima das Denominacións de Orixe Ribeiro e Monterrei

Publicidade
A EVEGA forma aos inspectores de vendima das Denominacións de Orixe Ribeiro e Monterrei

Vendima na adega Viña Costeira

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural e adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza varias sesións de formación para os vedores dos consellos reguladores vitivinícolas de Monterrei e Ribeiro.

O obxectivo destas accións formativas, que se celebrarán este venres na sede da Evega, é mellorar a cualificación destes inspectores para que poidan identificar perfectamente as distintas variedades de uva que entran nas adegas durante a vendima. As variedades que se avaliarán serán aquelas que están recollidas, ben coma preferentes ou ben coma autorizadas, nos pregos de condicións de cada unha denominacións de orixe.

Para esta función, a Evega posúe a colección de vides autóctonas máis completa e antiga de Galicia constituíndo unha reserva xenética na que se atopan 67 variedades de uso tradicional na nosa viticultura. Esta colección serve de base en moitos programas desenvolvidos neste centro de investigación como o de recuperación de variedades ou o de selección clonal.

Obxectivo: Garantir a orixe, a cantidade e a calidade da uva entregada e procesada

Pola súa banda, os consellos reguladores están a reforzar o seu labor inspector durante a vendima cumprindo así unha das súas funcións esenciais: garantir a orixe, a cantidade e a calidade da uva entregada e procesada por cada un dos operadores. E neste proceso son os vedores as persoas responsables de desenvolver esta función.

Estes inspectores, polo tanto, asegúranse de que a variedade de uva que entra nas adegas durante a vendima e a súa orixe sexa a correcta, así como as cantidades entregadas das mesmas por cada un dos operadores e o seu estado sanitario óptimo. A meirande parte destes profesionais son enxeñeiros técnicos agrícolas ou agrónomos e a súa presenza física nas adegas permite ter un control do produto que sairá das adegas. Os seus datos transmítense con posterioridade aos departamentos de control de cada consello e permiten un seguimento do ritmo da vendima.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información