A Evega é a primeira estación de viticultura de España en calcular a súa pegada de carbono

O centro dependente de Medio Rural comprométese co medio ambiente e elabora un plan de redución das emisións e outro para facer unha restauración ecolóxica da viña. A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse este mércores co director da Evega e aproveitou para felicitalo por esta innovación

Publicidade
A Evega é a primeira estación de viticultura de España en calcular a súa pegada de carbono

Reunión da conselleira con Juan Casares, director da Evega

A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) vén de inscribirse coma organización no rexistro nacional da pegada de carbono da Oficina Española del Cambio Climático, un organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (MAPAMA). Trátase do primeiro centro enolóxico estatal que dá este paso, o que implica unha serie de compromisos co medio ambiente.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quixo felicitar á Evega por este avance e reuniuse este mércores co seu director, Juan Casares, ao que lle agradeceu tanto o traballo diario que desenvolven no centro a favor do sector vitivinícola coma esta innovación en concreto coa que a Evega se transforma en pioneira. A titular autonómica sinalou que “combinar a labor do agro co respecto ao medio ambiente ten que ser unha prioridade nesta consellería”.

Así, a Evega calculou a pegada de carbono derivada do seu funcionamento cotiá e elaborou un plan de redución das súas emisións. O valor para o ano 2015 foi de 51,64 toneladas de dióxido de carbono equivalente, unha cifra que coloca á Evega no nivel medio-alto da táboa, aínda que normal para un organismo de investigación e coas características estruturais do centro.

A pegada do viño da Evega é de 965 gramos de CO2 para o branco e 911 para o tinto

Como mostra do seu compromiso ambiental, o centro tamén estableceu a pegada de carbono do viño institucional que elabora, tanto branco coma tinto, e do que este ano será a segunda colleita. Neste caso, as pegadas de carbono obtidas son moi baixas: 965 gramos de CO2 para o branco e 911 para o tinto, e irán consignadas na contraetiqueta das botellas. Isto é debido ás especiais características do proceso produtivo: produción moi controlada, adega preto do viñedo e maquinaria eficiente.

A pegada de carbono é un indicador medioambiental que expresa a cantidade de gases con efecto invernadoiro emitidos á atmosfera por mor da fabricación dun produto ou derivado do funcionamento dunha organización. Polo tanto, mostra a contribución dunha organización ou produto ao problema do cambio climático a través das emisións derivadas dos procesos que desenvolve.

Compromiso medioambiental da Evega

Dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia enténdese como obrigatorio un compromiso ambiental por iso este centro ten proxectado desenvolver un plan de actuación ambiental baseado en dous piares. Dunha banda, o plan de redución das emisións de CO2 da estación para pasar ao seguinte nivel do rexistro nacional, o de pegada de carbono reducida. Este plan contempla a redución das emisións nun 3% en tres anos. Doutra banda, existe tamén un programa de restauración ecolóxica de certos puntos de interese na finca As Searas, onde se localiza a viña de catro hectáreas do centro.

A Evega é un dos centros de investigación, pero tamén de formación, que a Consellería do Medio Rural dispón para mellorar os recursos do agro. Desde os últimos anos veuse impulsando o labor da estación polo importante papel que desenvolve e as repercusións que ten para o sector vitivinícola galego. De feito, dispón, por exemplo, dun banco de xermoplasma con 67 variedades xenéticas, das que o 80% son autóctonas. Trátase da máis completa e antiga colección de variedades autóctonas de Galicia algo de gran importancia para custodiar o acervo xenético, evitar a desaparición das variedades autóctonas de uva e contribuír á biodiversidade.

Tamén destaca o seu traballo formativo, con 26 actividades que chegaron a preto de 2.000 persoas entre os anos 2014 e 2015, e o labor de asesoramento cunhas 900 accións directas con profesionais do sector por distintas vías. Salientan a interpretación de resultados analíticos, as prospeccións de campo e as analíticas de identificación de variedades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información