Esther Daporta, mellor sumiller, e As Caborcas 2012, mellor viño

O xurado dos premios Mágnum que outorga o Instituto Galego do Viño tamén escolleu a Algueira como a mellor adega galega e concedeu a distinción honorífica a Miguelanxo Besada.

Publicidade
Esther Daporta, mellor sumiller, e As Caborcas 2012, mellor viño

Premiados nos Magnum 2015.

O xurado dos premios Mágnum premiou onte a As Caborcas 2012, de Telmo Rodríguez, co galarón ao mellor viño galego ao tratarse “dun caldo de Valdeorras que expresa o potencial e a elegancia que poden alcanzar os tintos desa zona”.

A gala dos premios que outorga o Instituto Galego do Viño e que chegan á súa quinta edición, celebrouse onte na Cidade da Cultura de Galicia e contou, entre outros representantes públicos, coa presenza da directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa; do director do AGADIC, Jacobo Sutil; do responsable de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro; e dun cento de profesionais do mundo do viño.

A distinción para o mellor viño revelación galego foi para O Esteiro 2013, de Bodegas Albamar, da Denominación de Orixe Rías Baixas, ao “ser un reflexo do gran momento de creatividade que atravesa esta adega”.

Pola súa parte, Miguel Anxo Besada recolleu de mans do director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, o Premio Mágnum honorífico ‘Viñolvidable’ polo seu traballo a prol do viño galego.

Algueira, premio á mellor adega

O xurado destes galardóns, que xa alcanzan a súa quinta edición, nomeou a Algueira como mellor adega galega –entendida como colección de viños- , destacando que Fernando González “é, por dereito propio, un dos nomes que quedará para a posteridade do viño galego”.

Esther Daporta, do restaurante Yayo Daporta, foi nomeada mellor sumiller no tratamento do viño galego, pola súa traxectoria dende hai xa unha década en defensa e posta en valor dos viños galegos.

O Premio Mágnum á mellor labor de difusión recaeu en Mariano Fisac, responsable do blog ‘Mileurismo Gourmet’ e o autor do libro recentemente editado ‘Galicia Entre Copas’.

Todos eles recibiron unha escultura realizada por Alejandra Sampedro, unha das artistas máis aclamadas na última edición da feira Art Madrid, e que consiste nunha revisión da botella magnum á que incorpora as crebas que arrastra o mar en torno ao faro Silleiro e que outorgan exclusividade a cada peza.

Xurado

Ferrán Centelles, de El Bulli Foundation; César Ruiz, de Alma Vinos Únicos; Miguelanxo Besada, da Viñoteca A Curva; Adrián Guerra y Fernando Filgueira, de Viñoteca Bagos; o experto en viños e formador Mario Barrio; Xosé Lois Sebio, de Viños de Encostas; Xosé Luis Mateo, de Quinta da Muradella; Rodrigo Méndez, de Forxas do Salnés; e Luis Díaz, de La Voz de Galicia; constitúen o xurado da quinta edición dos Premios Mágnum, no que actuou como secretario o xerente do Instituto Galego do Viño, Jorge Vila; e que estivo presidido polo seu director, Xoán Cannas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información