“Estamos a probar con éxito tratamentos ecolóxicos para controlar as enfermidades fúnxicas en viñedo”

Entrevista a Carlos Calvo Garrido, responsable da área de viticultura e patoloxía do Centro Tecnolóxico do Viño de Tarragona (VITEC)

Publicidade
“Estamos a probar con éxito tratamentos ecolóxicos para controlar as enfermidades fúnxicas en viñedo”

Carlos Calvo Garrido, responsable da área de viticultura e patoloxía do Centro Tecnolóxico do Viño de Tarragona (VITEC)

A Botryte ou podremia gris (causada polo fungo Botrytis cinerea) é unha das enfermidades máis comúns nos viñedos e supón importantes perdas económicas. Para abordar os últimos avances na loita contra esta enfermidade fúnxica a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) organizou este ano unha xornada técnica no Barco de Valdeorras na que participaron destacados expertos na materia.

Un deles foi Carlos Calvo Garrido, responsable da área de viticultura e patoloxía do Centro Tecnolóxico do Viño de Tarragona (VITEC), un referente en Españ na investigación de tratamentos biolóxicos alternativos para o control das enfermidades fúnxicas en viñedo (mildiu, botrite, oídio), algo cada vez máis demandado polos consumidores.

En que investigacións estás a centrar o teu traballo como responsable da área de viticultura e patoloxía do Centro Tecnolóxico do Viño de Tarragona (VITEC)?
Actualmente as liñas de traballo serían a redución do uso de dose de cobre para o control do mildiu así como o biocontrol de botrytis e a redución de síntomas por enfermidades da madeira. Isto sería en canto a enfermidades da viña, pero na área tamén realizamos seguimentos de tensións hídrico, do balance nutricional, e en xeral de manexo do viñedo dunha forma sustentable.

Cales son as enfermidades do viñedo que máis che preocupan neste momento en canto aos seus danos e dificultade para combatelas?
Actualmente una das maiores preocupacións é o control do mildiu tendo en conta as novas restricións das doses de cobre. Sobre todo en viticultura ecolóxica e en zonas húmidas como vós coñecedes ben en Galicia.

Doutra banda, destacaría o problema case diría máis estrutural das enfermidades da madeira que afectan a todos o viñedo, e por suposto a botryte, que é unha enfermidade que afecta de maneira irregular ao viñedo en España, pero que moitas veces é menosprezado o risco e produce danos importantes na calidade da colleita.

Na xornada da EVEGA no Barco centraches o teu relatorio nos tratamentos alternativos ao uso de produtos químicos para combater a botrite. Por que os viticultores deben tentar introducir estes produtos para combater as enfermidades fúnxicas?
Primeiro é unha cuestión de utilizar en xeral menos produtos pero utilizalos ben, con boas doses e no momento axeitado, tanto para os produtos de síntese como para os produtos de biocontrol. E en canto aos produtos de biocontrol pois trágtase de produtos que teñen menor persistencia e ao provir xa de sustancias que existen na natureza, en principio, teñen de forma xeral un efecto menos alterante do medio ambiente.

E no caso de botryte, en zonas onde a presión da enfermidade é moi forte e realízanse moitas aplicacións de funxicidas, a aparición de resistencias é contínua, facendo os tratamentos totalmente inefectivos e isto está documentado en parcelas de todo o mundo.

Ademais, temos a cuestión dos residuos: a maioría de funxicidas de síntese teñen prazos de seguridade máis longos e o risco de atopar residuos en viño é alto con aplicacións a partir do envero.

Cales son as bacterias máis efectivas neste momento para combater a botryte? En que combinacións resultan máis eficaces e cal sería a dose recomendada?
Na actualidade os únicos produtos a base de bacterias rexistrados para a súa aplicación en botryte en España son baseados en bacterias do xénero bacillus. Na miña experiencia, ambos funcionaron de forma similar. Estes produtos, como outros produtos de biocontrol ou de orixe natural, poden ser eficaces pero depende de como se apliquen. Se esperamos ao último momento e preténdese parar toda a infección cun só tratamento a apenas dúas semanas da colleita resultará imposible.

Cos produtos de biocontrol trátase de facer un tratamento preventivo desde a floración. Por suposto que implica facer dous tratamentos pero cando un ten realmente un problema de botryte no viñedo e quere unha uva completamente limpa para manter o máximo de calidade, realizar dous ou 3 tratamentos non debería ser algo tan raro.

“Un químico mal utilizado pode ser menos eficaz para combater unha enfermidade do viñedo que un biolóxico ben utilizado”

Estes produtos son eficaces, aínda que quizá non tanto como un químico a día de hoxe (a parte de en casos de resistencias). Pero un químico mal utilizado pode ser menos efectivo que un biolóxico ben utilizado. Por tanto, se facemos viticultura ecolóxica ou simplemente se queremos utilizar menos pesticidas de síntese química e menos residuos, si que existe unha gama de produtos que podemos usar e combinar para ter un bo control, E non falo só dos produtos baseados en microorganismos, senón outras formulacións de acción física ou desecante como o bicarbonato potásico

Que recomendacións darías para que a súa aplicación resultarara o máis efectiva posible e en que fase do desenvolvemento da vide é preferible a súa aplicación?
Para o control de botryte en viña é fundamental o tratamento de floración, moitos estudos demostrárono, incluídos varios nos que participei.

No caso de botryte, cando unha parcela ou nunha rexión xa se coñece un histórico de botryte cada tempada, sempre hai que considerar un tratamento en floración e outro no envero para que actúen de forma preventiva nos momentos de maior risco.

“Para o control de botryte en viña é fundamental o tratamento de floración”

Logo cada un na súa viña ten que elixir o que facer e quizais atrasar o tratamento de envero no caso de que non haxa choiva ou moita humidade, ou ao contrario, realizar unha ou varias aplicacións máis, en peche de acio ou a final de maduración.

Tamén comentaches as conclusións de diversos estudos sobre o uso doutros produtos alternativos como o carbonato potásico. Cal é o grao de efectividade destoutros elementos, incluíndo terpenos, acedos graxos..etc..
Segundo os estudos que persoalmente realicei nos últimos anos e tamén en parte dos estudos que puiden ler a nivel internacional todos estes produtos poden ser eficaces e a combinación deles pode ser aínda máis eficaz utilizando o produto no momento adecuado e segundo o seu modo de acción.

Por exemplo, moitos microorganismos necesitan en xeral una certa riqueza en nutrientes sobre a flor e sobre o tecido da uva, polo que é interesante utilizalos en momentos como a floración ou a partir do envero. Os microorganismos teñen sempre un control preventivo, e é moi importante aplicalos cun período previo ás condicións de risco.

Outros produtos teñen tamén certo carácter curativo e poden ser utilizadas mellor ao final de campaña para parar a infección ou en momentos como entre floración e envero.

Actualmente estamos a preparar un proxecto para probar estratexias combinadas deste tipo de produtos para ver que combinacións concretas poden ser máis efectivas.

Para outras enfermidades fúnxicas como o mildio e o odío. Cales son os tratamentos alternativos máis aficaces neste momento e que aconsellarías para a súa aplicación?
Actualmente estamos estudando alternativas ao cobre para a redución do mildiu en viticultura, e concretamente os resultados deste ano foron moi esperanzadores, cunha estratexia de 5-6 aplicacións con resultados similares ás aplicacións de oxicloruro de cobre.

O que probamos inclúe extractos de plantas, formulacións con moi baixa cantidade de cobre, outros compostos de orixe natural como lecitina de soia… Probamos tamén combinacións de aplicacións alternadas destes produtos con formulacións de cobre. Hai moitas posibilidades e o importante é ir probando diferentes estratexias tanto desde a investigación como o propio viticultor na súa parcela.

”Estamos a probar alternativas ecolóxicas ao cobre para o control do mildiu en viñedo e con resultados moi esperanzadores”

Para min aínda é cedo para poder dicir cales destes produtos son realmente eficaces e en que condicións, pero nos próximos anos esperamos poder desenvolver moitos traballos neste sentido e poder dar unha referencia de efectividade de moitos produtos actualmente no mercado e que tamén poden dar bo resultado.

En canto ao control do oídio a situación é similar: hai cada vez máis produtos no mercado pero non se ten unha referencia exacta da súa eficacia aínda que nos nosos ensaios deste ano e anteriores viuse unha boa eficacia en moitas das formulacións que probamos.

Unha das enfermidades que máis trae de cabeza aos viticultores son as enfermidades da madeira, especialmente tras a prohibición do arsenito sódico. Existen algúns produtos alternativos que axuden a combater estas enfermidades?
Non existen produtos de biocontrol nin de síntese química, nin de acción física, capaces de curar as enfermidades da madeira. Si hai produtos para protexer a vide fronte a algunhas vías de infección, como poden ser as feridas de poda e para iso tamén hai varios produtos de biocontrol en comercialización. De feito, actualmente tamén temos un proxecto no que se está a probar en campo, despois de probalos con éxito en ensaios en invernadoiro.

Existe un debate na Unión Europea sobre a introdución de variedades híbridas de vitis vinifera cruzadas outros tipos de vitis para mellorar a resistencia natural da vide ás enfermidades fúnxicas e reducir o uso de tratamentos fitosanitarios. Que opinión che merece este debate e a introdución destes híbridos?
As variedades resistentes pode ser unha fantástica opción pero non para todos os tipos de viticultura. Agora ben, si creo que deberían empezar a probarse desde xa para aprender a cultivalas e poder verificalas e extraer todo o seu potencial. Pero de momento non van desprazar ás variedades clásicas en zonas de produción de alta calidade

Que outras patoloxías emerxentes crees que poden afectar o viñedo en España nos próximos anos?
A Silesia fastidiosa está ao virar a esquina. E tamén veremos como evolucionan dentro do cambio climático as enfermidades da viña porque as choivas son cada vez máis irregulares, as temperaturas soben e todo isto favorece outro tipo de enfermidades.

No teu traballo como investigador seguramente que visitaches moitos viñedos en diferentes países. Cales son as claves na túa opinión para ter un viñedo san?
Realizar un control preventivo coñecendo como funciona a enfermidade e cales son os seus momentos críticos. A partir de aí, deseñar o teu programa de aplicacións para cada enfermidade, e ir probando combinacións e reducindo as aplicacións.

“A clave dun viñedo san é realizar un control preventivo”

Quizá algunha das estratexias máis importantes, aínda que é difícil polo maior custo en man de obra, é o esfollado ou a poda en verde, para realmente manter aireada a zona dos acios e favorecer tamén a penetración dos tratamentos que realizamos. Isto é interesante para todas as enfermidades fúnxicas do acio: botryte, mildiu oídio…Por tanto, ao final o custo tamén hai que contalo como unha prevención e unha redución dos tratamentos de todas as enfermidades.

En xeral algo que parece pesado dicilo, pero que resulta clave: ter un viñedo equilibrado, co vigor controlado, vexetación ben separada, acios aireados….

Por último, ¿Cales son as principais carencias que detectas en España na loita contra as enfermidades da vide?
Non só en España, hai un problema quizais de concepto de concibir sempre o control de pragas como unha aplicación dun produto milagroso, e iso fai que o viticultor non pense máis en como e cando aplicar.

Tamén detecto que hai moitos problemas co cálculo de dose e o volume de caldo aplicado, pero todo isto son cousas que se solucionan cun maior contacto entre os técnicos, os viticultores e os investigadores. O que ocorre é que isto esixe un maior investimento público e privado para que haxa máis técnicos e investigadores para asesorar ao viticultor. Necesítase diñeiro para contratar eses técnicos e necesítase diñeiro para realizar estudos, tanto estudos de tipo básico como de tipo aplicado para dar solucións directas ao sector.

Actualmente hai cada vez menos especialistas en viticultura e enfermidades da viña en España, tanto en universidades como en centros de i+D. E isto nun contexto no que a investigación e o desenvolvemento en España está absolutamente afogada economicamente polos recortes e pola falta de orzamentos desde hai anos. Este é un problema importante porque non hai tempo nin fondos para poder facer estudos e poder difundir os resultados de forma máis estruturada. No resto de países onde a vitivinicultura é un sector estratéxico, isto cóidase moito. Pero ben, imos facendo o que podemos.

Algo máis que queiras engadir?
Só dar unha mensaxe un pouco optimista de que si que hai tratamentos alternativos que poidan funcionar e que se está mellorando cada vez máis en como facelos efectivos. Pero que isto esixe que sigamos traballando desde o campo cun enfoque máis técnico científico, e á vez o viticultor ten que facer os seus propios ensaios e ser un pouco técnico científico el mesmo e facer as súas probas para ver que é o que lle funciona mellor na súa parcela.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información