Esta vendima superaranse en Galicia os 60 millóns de kilos de uva, un 20% máis que en 2014

A vendima concentrarase a mediados de setembro, cunha semana de adianto respecto a un ano normal. Todas as denominacións galegas salientan a excelente calidade e o bo estado sanitario da uva. En Valdeorras son os primeiros en facela, xa esta semana.

Publicidade
Esta vendima superaranse en Galicia os 60 millóns de kilos de uva, un 20% máis que en 2014

Vendimando nas Rías Baixas

Un total de entre 61 e 65 millóns de kilos de uva prevese que se recollan este ano en Galicia baixo o amparo das cinco denominacións de orixe vitivinícolas existentes na Comunidade. Isto supón ata un 20% máis que a vendima do 2014, ano no que o exceso de choivas e a humidade minguaron notablemente a colleita.

Pola contra, a primavera e o verán secos e calorosos deste ano fan prever unha colleita de uva excelente tanto en calidade como en cantidade. Os técnicos das cinco DO´s consultados por Campo Galego coinciden en salientar a boa maduración e o bo estado sanitario das uvas. Ademais, tamén sinalan que as choivas destes días resultaron beneficiosas xa que axudaron a completar o proceso de maduración dos acios.

Todo isto fará que a vendima en Galicia se adiante unha semana respecto a un ano normal, concentrándose a maior actividade a mediados de setembro, para as denominacións de Rías Baixas, Ribeiro e Ribeira Sacra, mentres que en Monterrei e Valdeorras a maior actividade da colleita será a comezos de mes.

Porén, nestas dúas denominacións xa hai viticultores que, para algunhas variedades máis temperás, como o Godello, comezarán a vendimalo a finais deste mes. En Valdeorras, algunhas adegas xa teñen previsto iniciar a vendima esta semana.

Denominación de Orixe

*Colleita 2014

*Previsión de colleita 2015

Vendima

Monterrei

2,8

3,1

Comezos de setembro

Rías Baixas

24

32-35

Mediados de setembro

Ribeira Sacra

4,7

6

Mediados de setembro

Ribeiro

11,7

14-15

Mediados de setembro

Valdeorras

6,4

6,4

Comezos de setembro

TOTAL

50

61-65

*En millóns de quilos.

A continuación facemos un percorrido polas previsións de vendima nas distintas Denominacións de Orixe:

Ribeira Sacra: Un millón de kilos máis que o pasado ano

O presidente do Consello Regulador da DO Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, destaca que “a climatoloxía este ano foi moi boa e non se deteriorou a uva, de xeito que agardamos unha colleita de arredor de 6 millóns de kilos, un millón máis que o pasado ano”. Porén, recoñece que “na subzona do Bibei si que houbo problemas coa saraiba, que afectou gravemente a algúns viñedos”.

En canto ás datas, prevé comezar a vendima na Ribeira Sacra na primeira semana de setembro, “unha semana antes que o pasado ano, aínda que no caso do Godello, nalgúns viñedos se poda adiantar a finais deste mes”. O principal da vendima agárdase para mediados de setembro.

En canto á calidade, o Consello Regulador iniciou este luns os controis de maduración, pero José Manuel Rodríguez avanza que “a calidade é moi boa, cunha uva moi sá e con boa maduración”.

O Ribeiro prevé un 20% máis de colleita

En canto ao Ribeiro, a denominación de orixe máis antiga de Galicia, o director técnico do Consello Regulador, Pablo Vidal, asegura que a colleita tamén se prevé “excelente”, sobre todo en calidade da uva.

As previsións de colleita son duns 14/15 millóns de kilos de uva, o que supón un aumento do 20% con respecto ao pasado ano, e sitúanos na media dunha vendima dun ano normal no Ribeiro”, asegura Pablo Vidal.

Ademais, salienta que “o estado das uvas é excelente, cunha boa maduración, e, ademais, este ano fixo calor pero tamén noites frías, o que axudou moito a darlle complexidade aromática á uva”. O estrés hídrico provocado pola calor tamén foi positivo para a uva no Ribeiro.

En canto á choiva que caeu estes días, Pablo Vidal asegura que “axudará a que as vides rematen o proceso de maduración da uva”.

Sobre o inicio da vendima no Ribeiro, o director técnico do Consello Regulador asegura que “con bastante probabilidade, nos primeiros días de setembro vendimaremos as variedades máis temperás e estaremos en plena vendima cara o día 15 de setembro, dez días antes do que sole ser o habitual”.

Rías Baixas: a DO na que máis aumentará a colleita respecto ao pasado ano

Pola súa parte, en Rías Baixas, a denominación vitícola de maior produción e peso económico de Galicia, o director técnico do Consello Regulador, Agustín Lago, calcula unha colleita de entre 32 e 35 millóns de kilos, “como nun ano normal”, fronte aos 24 millóns de kilos de 2014, ano no que a choiva no verán e na primavera fixeron minguar a colleita.

Polo que respecta á calidade, Agustín Lago asegura que “o estado do viñedo é espectacular: houbo menos choiva e algo de seca para as vides, pero foi positivo para a uva”.

En canto ás datas da vendima, informa de que “empezará na primeira semana de setembro no Condado e no Rosal, pero a maioría concentrarase a mediados de mes, o que supón un adianto dunha semana, aínda que todo é moi variable en función da climatoloxía”.

O técnico da DO amósase esperanzado con esta colleita xa que “as previsións de comercialización son boas, polo que as adegas de Rías Baixas demandan uva”.

En Monterrei prevén que a colleita sexa un 15% superior á de 2014

En Monterrei, a denominación vitícola máis nova e tamén a máis pequena en extensión de Galicia -467 hectáreas amparadas- tamén se amosan optimistas para esta vendima.

Luis Miguel López, director técnico do Consello Regulador, asegura que “agardamos recoller máis de 3 millóns de kilos de uva, o que suporá entre un 10 e un 15% máis que o pasado ano”.

Ao igual que as outras DO galegas, en Monterrei a vendima adiantarase este ano unha semana, concentrándose na primeira quincena de setembro. “Previsiblemente iniciaremos a vendima a primeira semana de setembro co Godello e o principal a partir de mediados e ata finais de mes seguiremos coa Treixadura e a Araúxa (Tempranillo), explica Luis Miguel.

Tamén salienta que “o estado fitosanitario da uva é moi bo, xa que a escaseza de precipitacións provocou algo de estrés hídrico nas vides pero tamén a ausencia de enfermidades fúnxicas e unha boa maduración das uvas”.

Esta semana empezarán os controis de maduración para coñecer a graduación potencial en mosto “pero esperamos que haxa na uva un bo equilibrio entre alcohol e acidez”, afirma.

En Valdeorras serán os primeiros de Galicia en facer a vendima

E en Valdeorras serán os primeiros de Galicia en vendimar. Así, Santiago Pérez, técnico do Consello Regulador, informa de que “houbo unha adega, Viña Godeval, que xa pediu autorización ao Consello Regulador para empezar a vendima este luns, e outras dúas adegas para esta semana”. Pero a maior parte da vendima na DO Valdeorras está previsto que se faga na primeira semana de setembro.

En canto á cantidade, Santiago Pérez prevé que “estará en máis de 6 millóns de kilos, máis ou menos igual que o pasado ano”. No que si coincide coas demais denominacións galega é na valoración da calidade da uva: “excelente”, sentencia.

Esperamos unha boa colleita que será benvida polas adegas porque estamos vendendo todo o viño da DO Valdeorras”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información