Esta vendima será obrigatorio declarar a uva e o viño nun rexistro estatal

O MAGRAMA prevé que para setembro entre en vigor o Real Decreto sobre Declaracións Obrigatorias no Sector Vitivinícola. Avance da norma no interior.

Publicidade
Esta vendima será obrigatorio declarar a uva e o viño nun rexistro estatal

Vendima en Galicia.

Co obxectivo de darlle maior transparencia ao sector vitivinícola e controlar a cantidade de uva e de viño que se produce, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente prevé que o 1 de setembro entre en vigor o Real Decreto sobre Declaracións Obrigatorias no Sector Vitivinícola, actualmente en fase de consulta pública.

A norma suporá un cambio importante establecendo un rexistro un rexistro de operadores no sector e un sistema de declaracións mensuais on line que será de competencia do MAGRAMA, aínda que xestionado en colaboración coas Comunidades Autónomas. As declaracións por parte dos viticultores e das adegas serán obrigatorias, con sancións en caso de incumprimento.

Ata agora a declaracións informativas eran de carácter voluntario, con rexistros por parte dalgunhas Comunidades Autónomas. No caso de Galicia, as declaracións de produción de uva e de viño realízanse a través dos Consellos Reguladores das cinco Denominacións de Orixe.

Este sistema unificado de información no sector vitivinícola, quedará adscrito ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, que será o responsable do seu funcionamento coordinado.

Precisamente esta semana, o secretario xeral de Agricultura e Alimentación do MAGRAMA, Carlos Cabanas, se reunión coa Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE), constituída por ASAJA, COAG, UPA, Cooperativas Agroalimentarias e a FEV, para analizar o borrador do Real Decreto.

Segundo fontes do sector presentes na reunión, “o Ministerio quere que o Real Decreto entre vigor para esta vendima, polo que nos pediu que presentemos alegacións no prazo dunha semana para axilizar a tramitación”.

Segundo o MAGRAMA o apoio a esta proposta por parte da Interprofesional “é total, xa que considera moi necesaria para a transparencia e bo funcionamento do sector, e para a posta en marcha dunha extensión de norma”. Non obstante, o Ministerio recoñece que “se deben realizar algúns axustes técnicos por un lado e por outro avanzar na simplificación co fin de reducir as cargas burocráticas”

Algúns avances do Decreto

Declaración de colleita:

Todos os colleiteiros deberán presentar anualmente unha declaración de colleita, que se presentará ata o 10 de decembro de cada ano, ante o órgano competente da comunidade autónoma onde radiquen as parcelas de viñedo.

Declaracións mensuais dos operadores ( bodegueiros, almacenistas) do sector vitivinícola:

Deberán presentar mensualmente unha declaración por instalación directamente ou a través dos Consellos Reguladores, antes do día dez do mes seguinte ao que se refiran os datos.

Quedan exentos os socios ou membros dunha adega cooperativa suxeita á obriga de presentar unha declaración, que entreguen toda a súa produción á devandita adega cooperativa, aínda que se reserven unha pequena parte para obter mediante vinificación unha cantidade de viño inferior a 10 hectolitros (1.000 litros) destinada ao seu consumo particular.

Tampouco estarán obrigados a realizar esta declaración mensual os produtores que obteñan nas súas instalacións, mediante uva comprada, unha cantidade de viño inferior a 10 hectolitros (1.000 litros), non destinada á comercialización.

Factor de conversión da uva en viño:

Para a conversión das cantidades de uva en viño utilizarase o factor de 0’74 hectolitros de viño por cada 100 quilogramos de uva.

Incumprimento da obriga de declarar e sancións:

1. Os obrigados a presentar as declaracións recollidas no presente real decreto que non o fagan nos prazos establecidos, a falta dalgunha das declaracións obrigatorias así como os erros, inexactitudes ou omisións nelas que afecten ás características dos produtos ou mercadorías consignados, serán sancionados segundo a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da Viña e do Viño.

2. Ademais do disposto no apartado 1 tamén será de aplicación, cando proceda, as penalizacións establecidas no artigo 18 do Regulamento (CE) n.º 436/2009 da Comisión, do 26 de maio de 2009.

Consulta aquí o proxecto Real Decreto sobre Declaracións Obrigatorias no Sector Vitivinícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información