Espállase o mildeu no viñedo e aparecen as primeiras manchas no Ribeiro

Espállase o mildeu no viñedo e aparecen as primeiras manchas no Ribeiro

Mildeu localizado esta semana en San Cristovo (O Ribeiro) en variedade Treixadura. Foto: Meden Agro

As condicións climatolóxicas da última semana propiciaron a expansión do mildeu no viñedo en Galicia. Comezou por Rías Baixas e esta semana xa se detectaron as primeiras manchas de aceite e esporulación tamén no Ribeiro, en concreto nunha cepa da variedade Treixadura localizada nun viñedo de San Cristovo, segundo informan dende Meden Agro.

Reproducimos a continuacións as recomendacións tanto da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, como da Consellería de Medio Rural.

Recomendacións da Estación Fitopatolóxica de Areeiro:

Mildeu en viñedo:

Nesta semana houbo algúns días condicións relativamente favorables ao patóxeno, tamén á súa esporulación. Con esta situación, os técnicos de Areeiro atoparon a primeira mancha de aceite nas fincas da súa rede de seguimento onde aínda non tiñan aparecido e tamén noutras que visitaron.

“É máis -advirten-, varias destas fincas, algunha delas con dous tratamentos antimildio xa realizados, mesmo presentaban manchas ben esporuladas, o que indica que é fundamental revisar a eficacia das aplicacións”.

Para este fin de semana hai previsión de certa precipitación (aínda que acompañada por un descenso de temperaturas mínimas) por parte da totalidade de axencias meteorolóxicas consultadas.

Ante esta situación, as recomendacións da Estación de Areeiro son que despois destas chuvias haberá que revisar moi ben os viñedos pois:

-Se chove máis de 10 l/m2, producirase o lavado da compoñente de contacto que poida levar o funxicida que se empregou no tratamento anterior e se reducirá o período de protección dos restantes.

-Se as temperaturas nocturnas son suaves, pode haber esporulación e polo tanto contaminacións secundarias (ademais das primarias que poda seguir habendo).

-En todos os casos hai diferentes factores que inflúen na calidade da aplicación (presencia de vento, preparación do caldo, estado das boquillas, etc.) que non sempre podemos controlar (ou aos que non se lle presta a atención necesaria) e, polo tanto, poden aparecer novas manchas neste momento de elevada sensibilidade á enfermidade.

Oídio:

Na visita desta semana ás diferentes parcelas, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro detectaron os primeiros síntomas de oídio sobre plantas da variedade tinta, moi sensible a este patóxeno. “O síntoma era moi  incipiente e limitábase só a un gromo da liña de plantas. Pola súa banda, en albariño non vimos ningún indicio, a pesar de non ter aplicado aínda ningún tratamento”, informan.

A recomendación é incrementar a vixilancia, e só tratar se se observan síntomas.

Consellos da Consellería do Medio Rural:

Por parte da Conselleria de Medio Rural recomendan como coidados culturais o control das herbas e eliminación de gromos dos troncos das cepas, para facilitar a aireación e previr as enfermidades fúnxicas.

En canto ao mildeu informan de que “nesta semana seguen detectándose novos síntomas da enfermidade, aínda que de momento son de escasa consideración, debido fundamentalmente as baixas temperaturas que se están rexistrando”.

“As precipitacións deste fin de semana reactivarán o desenvolvemento do mildeu”

Neste sentido advirten de que “estas primeiras infeccións xa poden dar orixe as infeccións secundarias durante a campaña, e as precipitacións previstas para este fin de semana reactivarán o desenvolvemento do fungo.”

Polo que respecta ao oídio, destacan que “as baixas temperaturas que se están rexistrando non favorecen o desenvolvemento desta enfermidade”.

A Excoriose tamén está tendo menor desenvolvemento este ano respecto a campañas anteriores. Polos demais, dende Medio Rural informan de que “seguen observándose focos do ácaro da Erinose e tamén da praga emerxente nos viñedos, a Janetiella oenephila, sobre todo en parcelas cercanas a zonas forestais”.

Recomendacións:

Os consellos dos técnicos de Medio Rural para os próximos días son:

-As parcelas que aplicaron nestes últimos 4-5 días un tratamento para o control de mildeu estarían protexidas das condicións de infección que se prevén neste fin de semana con choivas ocasionais.

-En canto a aqueles viñedos que non o realizaron, deberán aplicalo tan pronto como rematen as precipitacións. Salvo casos puntuais que así o aconsellen, en xeral, non se recomendan outros tratamentos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información