Ensaian en Valdeorras un método prometedor para controlar as enfermidades da madeira en vide

Publicidade
Ensaian en Valdeorras un método prometedor para controlar as enfermidades da madeira en vide

Reunión do grupo EVID na adega Godeval, en Valdeorras

As enfermidades de madeira de vide están actualmente consideradas como a maior ameaza á sustentabilidade do sector vitivinícola a nivel mundial, de forma que cada vez é máis frecuente escoita a expresión “filoxera do século XXI” para referirse a elas.

O termo enfermidades da madeira de vide (EMV), engloba un conxunto de patoloxías de natureza fúnxica que provocan unha alteración das partes leñosas da planta (raíces, tronco e ramas) producindo unha perda de vigor da planta, coa diminución nos rendementos de produción de uva e unha diminución da súa calidade.

Para tentar erradicar estas enfermidades e estudar a evolución dos métodos de sanación actuais está en marcha un proxecto coñecido co nome de EVID (Prácticas Innovadoras para combater as enfermidades da vide). Está xestionado por un grupo operativo que coordina o FEUGA (Fundación Empresa-Universidade Galega) no que a adega valderorresa Godeval está implicada como socia, xunto coa EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia), AGACAL (Axencia Galega de Calidade Alimentaria) e a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo de Explotacións Agrarias de Ourense (Consellería de Medio Rural).

O orzamento deste proxecto é de 99.594,93 euros e conta cun 75% de cofinanciación de fondos europeos FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Os obxectivos do proxecto EVID, no que está a traballar Godeval, son: definir, valorizar e validar prácticas innovadoras para o tratamento de enfermidades da madeira da vide consistentes no uso de especies fúnxicas do xénero Trichoderma como axente de control biolóxico e a súa aplicación mediante inserción de tacos previamente inoculados.

O Trichoderma atroviride é un fungo que se atopa comunmente no chan e é coñecido polas súas capacidades de control biolóxico contra unha variedade de fungos fitopatóxenos, como Rhizoctonia solani e Botrytis cinerea, pragas de cultivos como os de tomates, amorodos e uvas. O seu uso tamén está a resultar efectivo para controlar as enfermidades da madeira en vide pero é necesario mellorar o seu sistema de aplicación para incrementar a eficacia.

Inserirase o fungo Trichoderma en forma de tacos de madeira na base do tronco das cepas para controlar as enfermidades da madeira

Son varias as patoloxías englobadas baixo a denominación de enfermidades da madeira da vide, sendo as máis representativas: a botryosphaeria, a yesca e a eutupiose. O seu principal problema é a ausencia total de métodos de control (funxicidas) eficaces; o método máis efectivo era o tratamento con arsenito sódico, prohibido no ano 2003. Por tanto, actualmente non existe no mercado ningún tratamento fitosanitario autorizado que permita controlar estas patoloxías. Isto conduce a que a incidencia do problema sexa elevada e que se estea observando un lento pero continuado aumento do número de plantas afectadas. Así, nos últimos 15 anos testáronse un amplo abanico de métodos de control, pero a pesar dos esforzos, parece que a efectividade dun só método para combater a enfermidade é limitada.

Tras diversos estudos preliminares, concluíuse que a Trichoderma non ten un efecto curativo sobre as EMV, pero si un efecto protector, e a súa efectividade depende da habilidade destes fungos para colonizar as feridas de poda da cepa. Así pois, neste traballo levará a cabo a aplicación máis usual de Tricodherma, por aplicación directa, pero mediante unha nova técnica que segundo ensaios iniciais resulta máis efectiva: a inserción de tacos de madeira inoculados na base do tronco das cepas.

Esta práctica vén realizando en ADEGAS GODEVAL S.L. desde o ano 2013 en colaboración co Servizo de Sanidade Vexetal da Consellería de Medio Rural (colaboradores neste proxecto de innovación), alcanzando a recuperación dalgunhas cepas infectadas.

Sen embargo, é necesario ampliar a información e definir e validar esta práctica de modo rigoroso, ademais de realizar unha valoración comparativa con outras prácticas identificadas: uso de produtos comerciais para pulverización de feridas de poda, aplicación de funxicidas, etc.

Presentación de EVID e outros proxectos en Santiago

O proxecto EVID e outros proxectos relacionados co mundo do viño presentáronse hai uns días en Santiago na sede do FEUGA, nunha reunión de grupos operativos de España, Portugal e Francia baixo o título “Conectando grupos operativos en Europa”. A comarca de Valdeorras conta ademais con outros dous proxectos que tamén se presentaron en Santiago:

-O proxecto piloto VIVER VIDE liderado por Viveros José López e tamén coa colaboración de EVEGA.

-O Galivino, desenvolvemento de Modelos de Predición de orixe en viños de denominacións de orixe galegas. O coordinador deste proxecto é o Consello regulador do D.O. Valdeorras.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información