Enesa sube a valoración das uvas en Galicia para favorecer a contratación de seguros

Publicidade
Enesa sube a valoración das uvas en Galicia para favorecer a contratación de seguros

Vendima de uva Godello en Viña Godeval, en Valdeorras.

O Ministerio de Agricultura decidiu subir a valoración nas pólizas das uvas de castes autóctonas galegas para fomentar a contratación de seguros no viñedo en Galicia.

Así se recolle na orde publicada este venres no Boletín Oficial do Estado pola que se definen as condicións de aplicación da liña de seguro con garantías adicionais para a uva para vinificación, comprendida no plan de Seguros Agrarios.

Nela recóllese unha demanda do sector vitivinícola galego como é adaptar as liñas de seguros á realidade de cada denominación de orixe galega, tanto no que se refire a actualización dos prezos da uva como dos rendementos das mesmas. As xeadas do mes de abril puxeron en evidencia un grave problema: a maioría dos viticultores afectados non tiñan póliza de seguro, porque, en boa media, estas non se adaptan á realidade galega. De feito, Galicia é un das Comunidades con menor porcentaxe de contratación de seguro en viñedo, apenas o 20%.

Sobe a valoración da uva de Godello e de Mencía.

En concreto, nesta orde recóllense as modificacións de prezos das variedades de uva máis significativas das denominacións de orixe de Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Ribeiro. Estas peticións foron trasladadas pola Consellería do Medio Rural e polas organizacións agrarias ao presidente da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (Enesa) durante os encontros mantidos en Galicia nos últimos meses.

Deste xeito, na Denominación de Orixe Monterrei, a máis afectada polas xeadas de abril, a valoración da caste raíña nesta DO, a Godello, pasa dun mínimo de 0,43 euros o kilo e un máximo de 0,57 a un mínimo de 0,50 e un máximo de 0,70 euros o quilo. Tamén nesta DO se revaloriza a variedade Mencía de cara a percibir unha indemnización do seguro: pasa un intervalo de entre 0,43 e 0,59 euros o kilo a entre 0,50 e 0,70 euros o quilo.

SEGUROS_UVA_MONTERREI

Na Denominación de Orixe Valdeorras, outra das máis afectadas polas inclemencias climáticas este ano, a variedade Godello pasa de valorarse para Enesa en entre 0,43 e 0,58 euros o quilo a entre 0,60 e 1,1 euros o quilo de uva. Tamén sobre a valoración da Mencía: pasa dun intervalo de entre 0,43 e 0,63 a entre 0,65 e 0,85 euros o quilo de uva.

SEGUROS_UVA_VALDEORRAS

En Ribeira Sacra, a variedade raíña desta DO, a Mencía, tamén experimenta unha suba na valoración de cara á contratación do seguro, e polo tanto de cara á posible indemnización. Pasa de entre 0,57 euros como mínimo e 1,00 euros o quilo como máximo o quilo de uva a entre 0,57 e 1,20 euros.

SEGUROS_UVA_SACRA

Na Denominación de Orixe Ribeiro apenas se notan cambios, pois a variedade preponderante, a Treixadura mantense para Enesa nunha valoración de entre 0,57 e 0,97 euros o quilo.

SEGUROS_UVA_RIBEIRO

Por último, en Rías Baixas tampouco se rexistran novidades xa que o Albariño segue valorándose entre 0,57 e 1,30 euros o quilo.

SEGUROS_UVA_BAIXAS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información