Encontro para fixar estratexias de dinamización das comarcas vitivinícolas galegas

Verín acolleu a primeira das xornadas de diagnose para analizar o sector vitivinícola en Galicia. Ata final de ano desenvolverán accións no resto das denominacións de orixe

Publicidade
Encontro para fixar estratexias de dinamización das comarcas vitivinícolas galegas

Participantes no primeiro encontro celebrado en Verín para abordar a situación da DO de Monterrei.

O Centro de Desenvolvemento Cooperativo de Verín (Ourense) acolleu o primeiro encontro de diagnose no marco da “Estratexia de dinamización económica territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”. Esta iniciativa, coordinada pola Fundación Juana de Vega, busca mellorar o posicionamento dos viños galegos, reforzar a súa imaxe vinculada cos territorios nos que se producen e mellorar a eficacia do enoturismo e enogastronomía.

Neste primeiro encontro, os participantes analizaron a situación da Denominación de Orixe (DO) Monterrei e as principais debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades para o sector vitivinícola e turístico do territorio. Nel participaron diversas organizacións e institucións da DO Monterrei, tanto relacionadas directamente co sector vitivinícola como co turístico, as administracións públicas e outros axentes do territorio.

Participaron axentes de diversos ámbitos que analizaron as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da DO Monterrei

Nunha primeira fase desta sesión, os asistentes identificaron as principais debilidades e ameazas da comarca, o que logo deu paso a un debate. A modo de peche da xornada, recolléronse as conclusións, visións e retos que debe afrontar o territorio e o sector nos próximos anos. A metodoloxía empregada propiciou un diálogo colaborativo entre as persoas participantes e un proceso creativo que favoreceu que aflorasen ideas, acordos e camiños de acción creativos e innovadores, desde perspectivas diversas.

A iniciativa encádrase dentro dun convenio de colaboración subscrito o pasado mes de agosto entre a Fundación Juana de Vega, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Axencia de Turismo de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Próximos encontros

A este primeiro encontro en Verín seguiranlle outros catro similares nos outros territorios vitivinícolas que existen en Galicia. No que resta de ano, levaranse a cabo xuntanzas na Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas e no Ribeiro. Nestas novas citas seguirase a mesma metodoloxía para atopar propostas de dinamización das comarcas vitivinícolas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información