“En Betanzos levamos producindo viño dende hai máis de 1200 anos”

Entrevista a Pablo Fernández Coroas, presidente da Asociación de Adegueiros Viño da Terra de Betanzos. Destaca a labor da IXP na recuperación destes viños, caracterizados pola súa frescura e intensidade aromática. Hai un proxecto para plantar unha finca de 10 hectáreas con Agudelo e Branco Lexítimo

Publicidade
“En Betanzos levamos producindo viño dende hai máis de 1200 anos”

Pablo Fernández Coroas, viticultor e presidente da Asociación de Adegueiros Viño da Terra de Betanzos. Foto: Bernardo Manteiga

As zonas límite para o cultivo da vide é onde se poden atopar os viños máis diferenciados e singulares. En Galicia unha destas zonas é a comarca de Betanzos, onde o cultivo da vide nas ladeiras dos ríos data de moi antigo, con castes propias da zona como o Agudelo e o Branco Lexítimo.

Entrevistamos a Pablo Fernández Coroas, viticultor e presidente da Asociación de Adegueiros Viño da Terra de Betanzos, que desenvolve un traballo esencial para a recuperación dos viñedos nesta bisbarra.

¿Por que nace a Asociación de Viticultores e Adegueiros de Betanzos e cales son os seus obxectivos?
A Asociación nace pola iniciativa de varios adegueiros coa intención de defender os intereses do viño elaborado dentro do marco da IXP. Isto inclúe accións tales coma protexer as castes autóctonas, promover a investigación sobre o cultivo de estas variedades, velar pola conservación dos viñedos e usos do solo vitícola ou a promoción e difusión do viño elaborado dentro da IXP.

Cóntanos como é a realidade a día de hoxe da produción de viño en Betanzos..
Actualmente existen 8 adegas con máis ou menos actividade. Este ano deuse de alta unha nova no concello de Abegondo e hai un proxecto grande en marcha que estará funcionando en poucos anos. Dentro da IXP e coas castes que acepta o regulamento falamos dunha zona con pouca superficie cultivada, de forma que as 8 adegas xuntan unhas 20 ha con rendementos medios de 2000 litros por ha.

“O cultivo da vide en Betanzos está documentado dende o século oito”

Hai xente á que lle extraña que na comarca de Betanzos se produza viño. Pero as raíces históricas deste cultivo remóntanse a moitos séculos. Fálanos da historia do cultivo da vide nesta zona….
Efectivamente, Betanzos foi unha importante cidade medieval e capital de provincia do antigo Reino de Galicia. O cultivo da vide está documentado desde o século VIII e tivo tal importancia que incluso nas ordenanzas da cidade, no tempo dos reis católicos, se regulaban actividades como a vendima ou o viño nas tabernas.

Castes coma o Branco Lexitimo ou o Agudelo eran habituais nos viñedos ata a crise da filoxera a mediados do século XIX, e as ladeiras dos ríos Mendo e Mandeo eran monocultivo de viña, que xuntaban manchas continuas de centos de hectáreas.

¿Que características diferenciadoras teñen os viños amparados pola IXP Terra de Betanzos?
Estamos nunha das rexións produtoras máis frescas da Península ibérica, con maduracións lentas e graduais e polo tanto unha característica común a todo os viños é a súa frescura e intensidade aromática, sen necesidade de artificios.

¿A que obedece a mala fama de viños moi ácidos?
Esta frescura da que falabamos, se non se controla e hai moita carga ou malas maduracións pode dar lugar a viños desequilibrados, con acideces moi altas. En calquera caso, a mala fama non ven de aí. Despois da crise da filoxera houbo un trasego importante de variedades e de portainxertos americanos; eran tempos de moita necesidade e comezaron a plantarse variedades foráneas moi produtivas coma o Palomino, o Alicante e incluso híbridos americanos de produción directa.

Estas variedades non están adaptadas ao noso clima, e as cargas e prácticas de cultivo tampouco eran as máis axeitadas. Todo isto facía que a uva non chegara á maduración, dando lugar a viños con baixo grao e moita acidez, moi desequilibrados e de difícil inxesta. Paradoxalmente, o que se coñecía como viño de Betanzos facíase con uva foránea, e isto dentro da IXP non pasa.

Pero non hai que esquecer que a acidez de por si non é mala, todos os viños teñen acidez. De feito, en máis do 90% de bodegas de España engádenlle ácido tartárico artificialmente, mentres que nós non temos nin que engadirlle nin que quitarlle nada. Un viño sen acidez está morto.

“Hai un proxecto para plantar unha finca de 10 hectáreas con Agudelo e Branco Lexítimo”

¿Como avanza o proceso de recuperación das variedades Branco Lexítimo e Agudelo?
Pois imos máis lentos do que nos gustaría, pero creemos que aos poucos imos avanzando. Ultimamente hai un interese maior por estas castes, estanse plantado e reinxertando fincas todos os anos con elas. Incluso hai un proxecto para unha finca de 10 hectáreas que iría exclusivamente con estas variedades.

Os viños de Branco Lexítimo son moi aromáticos, con notas de froita de óso e flores brancas, cunhas acideces extraordinarias e con moi boa evolución nos primeiros 5 ou 6 anos. O Agudelo ten menor acidez e é mais discreto aromáticamente pero con máis músculo na boca. Ten moi boa capacidade de garda e evoluciona moi favorablemente durante tanto tempo ou máis que o branco lexítimo.

A Fundación Juana de Vega financia un proxecto sobre o estudo do potencial destas dúas variedades. ¿Podes avanzarnos algúns resultados?
A Juana de Vega fixo un traballo de investigación en colaboración co CSIC e viticultores de Viño da Terra de Betanzos que comezou hai uns 10 anos e que logrou caracterizar as variedades Branco Lexítimo e Agudelo. O estudo concluíu que estas castes eran as mesmas que o Albarín Branco de Asturias e que a Chenin Blanc do Loira. Grazas a isto, a partir do ano 2011 entran no catálogo de variedades comerciais e pódese etiquetar co nome das variedades. Desde ese ano e ata o día de hoxe, desde a Asociación descoñecemos se seguen a traballar con estas uvas. Sería interesante un traballo de investigación sobre os diversos clóns que hai nas fincas da IXP, especialmente das cepas máis vellas.

¿Supuxo un espaldarazo para a IXP a boa crítica de Robert Parker?
Non sei si chamarlle espaldarazo, pero si que axuda a que se coñezan un pouco máis os viños, a que a xente, lle gusten ou non, polo menos os respecte e sinta curiosidade, e ademais tamén facilita o mercado internacional.

¿Como está sendo o proceso de recuperación dos viñedos? ¿Estanse incorporando tamén viticultores novos?
A recuperación é lenta, estase incorporando xente nova pero atópase con moitas trabas. A grande parte das mellores fincas quedaron abandonadas xa hai anos e onde houbo vides durante centos de anos agora só hai matogueira, arboredo espontáneo e abandono.

Por outra parte, o minifundismo e outra serie de problemas fan moi complicado poñer en marcha unha recuperación viable a grande escala. Pero con esforzo pouco a pouco se vai plantando, reinxertando e reconvertindo fincas que van quedando abandonadas.

Socalcos de viñedos sobre o río Mandeo

Socalcos de viñedos sobre o río Mandeo

“Non volvemos saber nada do anuncio da Consellería de Medio Rural de fomentar a recuperación de viñedos na comarca”

A Consellería de Medio Rural anunciou o pasado ano un proxecto para fomentar a mobilidade de terras na comarca de Betanzos con destino á recuperación de viñedos. ¿Como valorades dende a Asociación esta iniciativa e que pasos se están a dar?
Unha moi boa nova desde logo, hai agora un ano desta promesa da conselleira. Sen embargo, desde aquela ninguén se puxo en contacto con nós, e a día de hoxe non sabemos nada deste asunto.

¿Cales son as previsións para esta vendima na IXP Terra de Betanzos?
O ano non comezou moi ben, con moito frío e moitas precipitacións, de forma que as vides agromaron de xeito irregular e con pouca fertilidade. Posteriormente, houbo algúns ataques de mildiu, por zonas algo máis severos pero en xeral pouco importantes debido ao frío. O ciclo ía algo atrasado ata o mes de xuño, desde xullo a climatoloxía foi moi favorable e agora estamos a poucos días de comezar a vendima con boas expectativas. Vai depender un pouco do que aconteza na vindeira semana. Será un ano de producións medias ou baixas pero de momento a uva presenta unha calidade excepcional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información