Elixidos os vogais nos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras

No censo do sector produtor, Unións Agrarias imponse no Ribeiro, Asaja en Rías Baixas e en Valdeorras hai reparto de vogalías

Publicidade
Elixidos os vogais nos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras

Mesa electoral en Valdeorras.

Tras os pactos electorais ou listas únicas presentadas en 17 consellos reguladores, este domingo houbo eleccións nos catro consellos reguladores nos que existían varias candidaturas: Ribeiro, Rías Baixas, Valdeorras e Agricultura Ecolóxica, nesta última só no censo industrial. O balance no censo do sector produtor foi o seguinte: no Ribeiro impúxose a lista de Unións Agrarias, en Rías Baixas a lista da Asociación Agraria de Galicia (antiga Asaja) e en Valdeorras houbo reparto de vogalías.

A proclamación definitiva de vogais fíxose este martes 11 de xullo pola xunta electoral. En Rías Baixas, onde en principio Asaja obtivo 4 vogais, Unións Agrarias 1, outro o Sindicato Labrego e outro a Asociación Profesional de Viticultores de Rías Baixas, houbo unha reclamación de Unións Agrarias por un vogal na mesa de Meaño. A xunta electoral decidiu repetir as eleccións na mesa de Meaño, polo que este vogal está aínda pendente de resolver.

No Ribeiro, Unións logrou 2 vogais por 1 da Asociación Agraria de Galicia; en tanto en Valdeorras, os resultados foron apretados.

En Valdeorras, no censo do sector produtor, a candidatura de Viticultores Independentes de Valdeorras obtivo 80 votos, a de Unións Agrarias, encabezada por Evaristo García, 54 votos; a do Sindicato Labrego, liderada por Antonio García, 52 votos; e a da Asociación Agraria de Galicia, cuxo titular é Domingo Fidalgo, 50 votos. Houbo tamén 2 votos nulos. As tres primeiras candidaturas repartíronse as 3 vogalías.

En total, votaron en Valdeorras 238 viticultores, un 48% do total do censo, nas dúas mesas habilitadas no Barco e na Rúa.

En canto ó censo do sector industrial de Valdeorras, a listaxe da Asociación Agraria de Galicia, encabezada por Bodega Roandi, conseguiu 14 votos, e a candidatura do resto de adegas (Melillas – A Coroa), acadou tamén 14 votos. Houbo un voto en branco neste censo. Ante o empate, o vogal decidiuse este martes por sorteo e correspondeulle a lista de Melillas – A Coroa.

Os inscritos no censo de cooperativas de Valdeorras non tiveron que votar, xa que presentouse unha lista única.

En canto ás eleccións no consello regulador de Agricultura Ecolóxica, o vogal en xogo, correspondente ó censo de empresas cunha facturación inferior a 50.000 euros, resultou gañadora Celta Verde SL.

Valoracións de Unións
Unións Agrarias enviou na noite do domingo unha nota de prensa na que se proclama gañadora no global das eleccións ós consellos reguladores de Galicia. Facendo contas, en 13 denominacións con listas de organizacións agrarias no censo produtor, Unións Agrarias sinala que suma 26 vogais, fronte ós 27 que suman o resto de candidaturas.

Os pactos electorais ou listas únicas presentadas, segundo Unións, deixan unha maioría de Unións Agrarias en Monterrei, Ribeira Sacra e nas catro denominacións de queixos. Asaja, segundo eses números, ten maioría en Grelo de Galicia, e houbo distribución equitativa en Pataca de Galicia (Unións, Asaja, Slg-Fruga), Castaña de Galicia (Unións, Asaja) e no censo produtor de Agricultura Ecolóxica (Sindicato Labrego, Unións, Asaja).

A organización agraria manifesta o seu agradecemento polo respaldo acadado e fai un chamamento a administracións e industrias para traballar xuntos pola mellora e afianzamento nos mercados dos produtos galegos de calidade.

Valoracións da Asociación Agraria de Galicia
A Asociación Agraria de Galicia, a antiga Asaja, enviou pola súa banda unha nota de prensa na mañá do luns para valorar os resultados. Esta asociación, igual que Unións, tamén se considera gañadora no global das eleccións ós consellos e tamén fai as súas contas particulares. Destaca que ostenta os 5 vogais na denominación Pemento de Arnoia -que esquecía Unións nas súas contas-, e que suma un total de 21 vogais.

Nota: Información actualizada a 12 de xullo

4 ideas sobre “Elixidos os vogais nos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras

    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      No censo produtor, houbo unha lista única con reparto de vogalías entre Sindicato Labrego (2), Asaja (2) e Unións Agrarias (2).

      Contestar
    • Gonzalo1977 Autor da publicación

      Houbo eleccións no censo industrial, non no censo produtor, onde só había unha lista única. A verdade é que non fixemos un seguemento da votación ó censo industrial do Craega e tampouco trascendeu polo de agora a nivel público. En calquera caso, mañá a xunta electoral validará os resultados das eleccións no Craega e poderemos informarte.

      Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información