Elección dos sarmentos e reconstrución de videiras vellas na poda

Neste artigo, Francisco Rego, técnico da EVEGA, explica as claves para elixir correctamente os sarmentos na poda da vide, como reconstruir unha videira vella rebaixando o seu tronco ou as claves dun viñedo san

Publicidade
Elección dos sarmentos e reconstrución de videiras vellas na poda

Videira vella na que o viticultor logrou manter unhas produccións aceptables

Voume referir agora aos puntos de renovación da videira, sobre os que se efectúan as podas anuais. Ao facer a poda de inverno, para deixar os cotóns e/ou as varas de renovación (segundo cal sexa o sistema que esteamos empregando), deberemos valernos dos sarmentos que estean máis cerca do vello, coa finalidade de que o esqueleto da cepa se vaia alongando o máis lentamente posible segundo pasan os anos. Conservar estable a feitura e a “estatura” da planta ao longo do tempo.

Isto como principio xeral é o correcto. Pero hai “letra pequena.” Como fan os podadores veteranos, compre fixarse moi ben na disposición das xemas da base destes sarmentos. En función de que sistema de condución se trate, de cal sexa a orientación das filas ou de calquera outra circunstancia que poida incidir, sempre hai que prever como vai ser a futura recepción lumínica da vexetación que na primavera vai agromar desas xemas situadas na base daqueles sarmentos que pretendemos escoller para a renovación anual.

“Debemos podar tendo en conta se esa xema vai ter iluminación ou non”

Pode acontecer que os gromos que saian de alí, caso de que cheguen a evolucionar, vaian estar envoltos en sombra, padecendo déficits de luz e de ventilación, acumulando humidades e sendo por tanto candidatos preferentes á botryte, ao oídio e a outras enfermidades fúnxicas.

Así pois, as agromadas procedentes de xemas mal ubicadas, se chegan a ir adiante, é probable que fiquen moi febles ou que sexan pasto da botryte e doutros fungos, resultando inservibles ou, no mellor dos casos, comprometan a renovación no inverno seguinte.

A importancia de que os sarmentos elixidos teñan boa inserción, iluminación e orientación

Tampouco é infrecuente (variando a incidencia en función de castes e terroirs) que aparezan sarmentos moi ben situados para facer a renovación a partir deles, pero que por culpa dunha defectuosa inserción no vello ou por estar oprimidos entre cortes efectuados en podas anteriores sexan igualmente inadecuados para facer a renovación sobre eles.

Tamén acontece por veces que os sarmentos que están nos puntos axeitados, aínda ofrecendo bon aspecto, boa inserción e boas perspectivas de iluminación para a futura agromada, resulta que saen de lado e apuntan para as gavias e non para arriba. Nunha parra horizontal ou nunha cortiña descendente haberá casos en que este detalle non teña grande importancia, pero nunha espaldeira vertical si que a ten, e antes de elixir eses sarmentos para facer a poda anual haberá que examinar a posición das xemas da súa base, para así coñecer en que dirección apuntarán os gromos que delas saian. Peor perspectiva teñen aínda os sarmentos que agromaron na parte inferior dos brazos.

Resumindo, se nos atopamos co panorama de que os sarmentos que están en situación ideal para facer a poda invernal non nos serven, entón non hai máis remedio que pasar deles e avantar uns centímetros cepa adiante até encontrar aqueloutros que nos permitan realizar a operación con mellores garantías. Chegados a este extremo, mellor será operar de xeito que, se a situación concreta o permite, a cepa se alongue horizontalmente, antes de que fuxa para riba, sobrepasando o arame. Aquí xogan moito a mestría e a pericia do podador.

Só cando non haxa en absoluto a alternativa de camiñar para adiante haberá que valerse do que hai, aínda que fique algo que non nos guste. Cando pase isto hai que ter a perspectiva de recomposición da armazón, aproveitando ladróns estratéxicamente situados, que mediante sucesivas accións permitan refacer máis adiante a videira.

Coñecer o complexo caste-mesoclima-terroir é fundamental para que as operacións de poda invernal se desvíen o menos posible do que sería o “patrón standard” para cada sistema.

As alteracións dos esquemas normais de poda poden acontecer por causas fortuítas. Manobras desafortunadas coa maquinaria, fortes golpes de vento ou calquera outra circunstancia que provoque que esgacen ou se arrinquen uns poucos pámpanos na viña.

Se precisamente entre eles se afectaron algúns dos que estaban nos puntos estratéxicos para a renovación no inverno, entón o dano é maior. Haberá que tratar de que seu número diminúa no sucesivo. Pondo máis atención, instalando algunha fila máis de arame na espaldeira para poder aseguralos canto antes, ou calquera outra medida que se estime oportuna.

A poda como oportunidade para reconstruír viñas vellas ou mal conducidas

Diferente é se estes fallos son habituais, por exemplo por afectación continua de enfermidades que afectan á agromada ou ao seu normal desenvolvemento. Entón o problema tórnase grave e compre tomar todas as determinacións necesarias para reducir a incidencia.

A poda é unha oportunidade, en viñas vellas ou mal conducidas, para refacer as videiras que se tiñan alongado en exceso. En afectación de determinadas doenzas da madeira, cando sexa factible, a poda permite retroceder no tronco, até baixar ao san, e así reconstruír a videira.

Atención que estas operación de rexeneración, por extremas, han de facerse con moito tino. Dito doutro modo, estes rebaixes de inverno, non sendo en videiras doentes, moi vellas ou moi maltratadas, deberán ser algo excepcional, in extremis. Compre facelos ben. Han de ser un medio para sanear a armazón da videira e nunca para provocar a entrada de máis doenzas das que xa había.

Haberá circunstancias nas que, ante a presenza manifesta de determinadas enfermidades ou da diminución do vigor por estar a seiva obstruída pola proliferación de sequeiros, que non quede outra solución que ir rebaixando até atopar o san, aínda que for necesario executar cortes de gran sección. Estas feridas deben ser desinfectadas e protexidas.

Nos rebaixes debemos deixar un toco que so se cortará a rentes no ano seguinte

Cando se leven a cabo estes rebaixes, entre o corte e o gromo inferior, ou sexa o que vai exercer de guía para reconducir a videira, deberá mediar un bon anaco de madeira, un toco, que só se renteará no ano seguinte ou nos posteriores, cando xa estea seco.

Temos lido libros e asistido a conferencias de grandes expertos en viticultura de lugares diversos. Actividades que foron de grande proveito, pola parte que a ciencia e a cultura teñen de universais.

Pero isto nada ten de incompatible con botar unhas horiñas a razoar cos vellos viticultores, e se teñen de oitenta anos para riba mellor. Se ademais somos capaces de indagar en arquivos, ou escoitar algún historiador que estea documentado na historia vitícola da zona, entón óptimo.

Un día resulta que pasas por diante dunha viña, centenaria ou próxima a selo. Preguntas, e de quen é? “Eche do Sr”… E resulta que a as cepas, moi revelliñas iso sí, aínda seguen “funcionando”, cunha promesa de colleita máis que aceptable. E as faltas que se observan son ben poucas para a idade que a viña ten.

Un bon amigo meu, que leva moitos anos pisando as viñas, excelente viticultor e adegueiro, díxome un día: “A min o tempo non me sobra, pero na poda boto o que faga falta”.

A clave para chegar a ter unhas viñas vellas e sás

Teño asistido en distintas datas a conferencias e seminarios de expertos onde se insistía nun “novo problema”, a grande mortaldade nas viñas por causa das enfermidades da madeira. Por outra banda, ao contemplar parcelas como a dese vello viticultor, nun estado máis que íntegro tendo en conta a súa antigüidade, a conclusión é que algo non cadra.

Hai uns anos, en plena bonanza, houbo un mercadeo incontrolado de bacelos procedentes de toda parte. Poida que isto ocasionase nos nosos ecosistemas novos desequilibrios, e que o resultado desa insensatez sexa o repunte deste tipo de doenzas.

Pero aínda considerando este feito, algo non cadra de todo. Na viña vella que antes mencionei, o Sr. que a atende hoxe recibiu os saberes de seu pai, e agora está a transmitirllos a un fillo. Esta cadea de transmisión de coñecementos milenarios, que por desgraza se está a esnaquizar no rural galego, aínda que pareza o contrario, supón unha maior garantía de adaptación ante futuros imprevistos, por ruíns que sexan.

Eu confeso, falando de poda, que en tempos pasados fun excesivamente estrito, coa miña tendencia a observar un rigor extremo na conservación da forma das videiras. A verdade é que cando se opera dun xeito tan “cadrado”, ao dar unha ollada á viña tras rematar a poda , o aspecto xeral fica impecable, de foto.

Sobre todo ao principio. O que pasa é que co transcurso do tempo, ou sexa despois de sucesivas podas de inverno aplicando estes criterios inflexibles, con incidencias variables segundo as tolerancias de cada caste e tamén segundo os terroirs, resulta que nunha videira de aquí aparece seco un punto produtivo, noutra de máis alá adiante outro, noutro recuncho un brazo enteiro seco … Xurde a alarma, hai que analizar a causa e claro, as cepas afectadas estaban moi ben podadas, pero pasou que, para manter a armazón tan perfecta, nalgunhas das podas se lles tiñan dado unhas boas talladas, cousa que mellor sería non ter feito, aínda a costa de que se tivesen “desfigurado” un pouquiño.

Hai que seguir as normas de poda, pero interpretalas e adaptalas a cada circunstancia

Dito doutra maneira, as normas de poda son imprescindibles, pero tamén é importante usar a intelixencia para interpretalas e adaptalas a cada circunstancia. Haberá uns casos nos que non existirá ningún inconveniente en aplicalas co máis estrito rigor Wagneriano, pero tamén outros nos que o mellor será practicar a poda coa flexibilidade de interpretación dun bon músico de jazz.

Ou sexa, que tan importante como aguantar no sitio a armazón da planta ao longo dos anos, o é fuxir dos cortes grosos, e máis aínda da súa reiteración campaña tras campaña nunha mesma planta. Un corte pode resultar de risco por facerse sobre madeira de máis de dous anos, e tamén por operar con plantas desequilibradas, afectadas dun exceso de vigor, chorreantes de seiva e extremadamente lentas en curar as feridas.

Cando non quede outra alternativa que a de realizar cortes de sección considerable, é importante ser conscientes do perigo que corre a planta. Tomar as precaucións antes citadas, como a de deixar un toco de respecto e protexer cun mastic. Se cortásemos moi a rentes, é posible que o grande sequeiro que inevitablemente vai derivar da ferida, chegue a gañar a batalla, malográndose a agromada da xema-guía antes de que consiga consolidarse.

Neste artigo, Francisco Rego, técnico da EVEGA, explica as claves para elixir correctamente os sarmentos na poda da vide, como reconstruir unha videira vella rebaixando o seu tronco ou as claves dun viñedo san

Francisco Rego Martínez

Técnico de viticultura na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), en Leiro-Ourense, dende o ano 1994.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información