Eidos, explorando os límites do albariño

A gama de viños da adega inclúe elaboracións con varios anos de permanencia en cuba nas que se busca un equilibrio entre unha alta acidez e o mantemento de azúcares da uva

Publicidade
Eidos, explorando os límites do albariño

Sala de cubas da adega Eidos. / Imaxes: Eidos.

Padriñán é unha parroquia de Sanxenxo que lle dá identidade e nome á maioría dos viños da adega Eidos, tamén ubicada no lugar. Os viños de Eidos elabóranse a partir das uvas dunha trintena de viticultores de Padriñán, cos que a adega iniciou unha relación estable na busca duns viños marcados polo ‘terroir’. “Estamos nunha ubicación próxima á costa, o que lle dá á uva un punto de salinidade, e sobre terras graníticas e de boa exposición solar”, destaca o xerente da adega, Marcelo Radio.

Sobre esa base, Eidos, inscrita na denominación de orixe Rías Baixas desde o ano 2000, elabora viños monovarietais de albariño. A súa oferta actual inclúe unha gama de catro viños, desde o máis convencional ata outros que exploran novas vías en Rías Baixas.

“En Rías Baixas tiñamos o sanbenito da durabilidade do viño, pero coa profesionalización que hai hoxe, esa idea hai que desbotala”

“Todas as adegas temos unha liña común nos viños xoves do ano, coa particularidade de que no noso caso optamos por macerar as uvas, igual que tamén fan outras marcas. Esa produción de viño xove, que etiquetamos co nome de ‘Eidos de Padriñán’, é a máis convencional e centra arredor do 80% da nosa produción”, sinala Marcelo Radio.

“É un viño do ano, pero que pode consumirse tempo despois. O ‘Eidos de Padriñán’ do 2012 e do 2013, por exemplo, están en perfectas condicións. En Rías Baixas tiñamos o sanbenito da durabilidade do viño, pero co nivel de profesionalización que hai hoxe, esa idea xa hai que desbotala”, salienta.

Viños con permanencia en adega
Os niveis de alcol dos viños de albariño foron evolucionando á alza, o que unido á acidez característica da denominación, contribúe a unha boa conservación dos viños. En ‘Veigas de Padriñán’, a adega Eidos embotella un viño cun ano de permanencia en adega, en depósito de aceiro. “Trátase dun viño máis feito, con máis corpo, que elaboramos a partir de viñas seleccionados. Pódese dicir que é o viño que lle dá máis identidade á adega”, valora Marcelo.

Vista nocturna da adega.

Vista nocturna da adega.

“Para ‘Veigas de Padriñán’ utilizamos uvas de viñedos que se caracterizan polo seu grao alcólico e pola súa acidez, aínda que no proceso de fermentación conservamos parte do azúcar do viño, o que evita que se perciba en boca esa acidez. En Rías Baixas sempre nos caracterizamos pola acidez, se ben nos últimos anos os viños fóronse ‘dulcificando’ para ampliar a gama de clientes. No noso caso apostamos por manter esa peculiaridade e por levar a acidez ó límite”, sinala o xerente da adega.

En ‘Contraaparede’, outro dos viños dos Eidos, explóranse novos límites. A adega conserva o viño 4 anos en depósito, criado sobre lías e manexado co ‘battonage’, e logra unha elaboración peculiar. “Non é mellor nin peor. Trátase dun viño que non é para o gran público. Hai xente á que lle encanta e xente á que non lle gusta”, resume Marcelo. “Podemos dicir que é un viño de representación, dirixido a mercados gourmet’.

A última experiencia de Eidos vai na mesma liña de buscar unha elaboración particular que interese a pequenos públicos. “Imos sacar 300 botellas de albariño criado en roble francés. A nosa idea é sacar tiradas cortas de viños singulares”, subliña Marcelo Radio.

Produción
A adega móvese na actualidade en arredor de 60.000 botellas ano. Os seus inicios remóntanse ó 1993, cando era unha adega familiar no concello de Meaño con producións modestas de 5.000-10.000 litros. En torno ó ano 2000, a familia decide profesionalizar a actividade e tecnificarse, para o que escolle o enclave de Padriñán, en Sanxenxo, para levantar a súa adega actual, que ten capacidade para procesar ata 150.000 litros ano.

Actividade de enoturismo con visitas ás viñas.

Actividade de enoturismo con visitas ás viñas.

O seu gran salto chegaría a partir do 2004, cando entrou nun programa empresarial de internacionalización, apoiado polas Administracións, que lle permitiu facer traballo comercial nos principais mercados de viño do exterior. “Para unha adega pequena como a nosa, que naquel intre produciamos 20.000 botellas, era impensable poder chegar a mercados exteriores”, lembra Marcelo.

O traballo iniciado con aquel programa consolidaríase anos despois na asociación Singular Galician Cellers, na que participa a adega Eidos xunto con outras catro adegas galegas, dúas da Ribeira Sacra, unha do Ribeiro e outra de Valdeorras. “Traballamos en conxunto a exportación, somos adegas pequenas pero que nos caracterizamos por ter viños de análoga calidade, con puntuacións similares e que se complementan no mercado, así que buscamos aproveitar sinerxias”, explica o xerente dos Eidos.

A exportación representa na actualidade arredor do 65% das vendas da adega, con Estados Unidos e Reino Unido como referencias principais, e cun gran número de países que completan o mercado. O bo posicionamento exterior da denominación de orixe Rías Baixas e o selo Galicia Calidade, que tamén levan os viños de Eidos, axudan nesa saída ó exterior.

Enoturismo
O traballo comercial de Eidos complétase no mercado galego e estatal, así como na propia adega, que está a consolidar a súa aposta polo enoturismo, con crecementos de visitantes ano a ano. Para este 2017, as perspectivas sitúanse en acadar as 5.000 visitas en programas á carta que inclúen degustacións e maridaxes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información