“É clave que o sector do viño se manteña en mans galegas e evitar que pase como no lácteo”

Entrevista a Roberto Rivas Reboredo, presidente da Asociación Galega de Viticultura. Destaca o gran potencial que hai para os viños galegos tintos elaborados a partir de castes minoritarias.

Publicidade
“É clave que o sector do viño se manteña en mans galegas e evitar que pase como no lácteo”

Roberto Rivas Reboredo, presidente da Asociación Galega de Viticultura

A Asociación Galega de Viticultura está a organizar as xornadas “Beber do país”, unha iniciativa coa que pretenden potenciar o consumo de viños galegos no sector da restauración en Galicia.

E é que segundo Roberto Rivas, presidente desta entidade vinculada á Federación Rural Galega (Fruga), hai aínda moita marxe para potenciar o consumo dos viños galegos no propio país, especialmente dos tintos.

Formas parte da cooperativa Viña Moraima ¿Como te iniciaches no sector da viticultura e porque decidiches formar parte da Asociación Galega de Viticultura?
O meu inicio na viticultura foi logo de rematada a carreira de Historia, tiven que tomar a decisión por enfermidade de meu pai, e empezar a facerme cardo dunha explotación pequena pero con moi boas condicións. A creación da Asociación Galega de Viticultura foi unha decisión dun grupo de persoas que viamos a necesidade de crear unha ferramenta non só sindical e de defensa dos viticultores, senón que englobará tamén a pequenas adegas, e que sobre todo tivera unha visión global de todo o País vitícola.

Levades varios anos co iniciativa “Beber do País”. ¿Como xurdiu este proxecto e cal é a avaliación que facedes?
Foi unha idea que xurdiu ante a masiva presenza que viamos de viños foráneos na restauración, que dependía en grande maneira do descoñecemento por parte dos consumidores do nosos viños. En canto a brancos non hai dúbida que somos dos mellores do mundo, pero tamén os tintos teñen dado nos últimos anos un salto de calidade importante.

¿Os viños galegos teñen aínda marxe para incrementar as vendas na propia Galicia?
Penso que si, sobre todo en canto aos tintos hai moita cancha para medrar, e non só en canto aos mencía , senón e sobre todo se falamos de variedades minoritarias dunha grande calidade, como Sousón, Caíño Tinto, Brancellao….etc.

¿Segue imperando a “Riojitis” ou os tintos galegos tamén se van abrindo camiño na propia terra?
Cada vez menos, pero sigue habendo “Riojitis” e “Riberitis” pois estas dúas zonas teñen un aparello de distribución moi potente no noso país.

Fálase de que os viños galegos están vivindo un dos seus mellores momentos, sendo cada vez máis valorados e recoñecidos, tanto dentro como fóra. ¿Compartides esta percepción?
Si, os nosos viños son moi recoñecidos fóra. De feito, os entendidos en viños veñen a Galicia en busca da frescura dos nosos viños, porque o perfil atlántico é moi apreciado fóra. Hai que dicir que a acidez dos nosos viños é de maneira natural, mentres que noutras zonas vitícolas téñeno que facer de maneira química.

“É moi importante que o sector do viño se manteña en mans de galegos e evitar que pase como no lácteo”

¿Cales son, segundo a Asociación Galega de Viticultores, os retos aos que se enfronta a viticultura en Galicia nos próximos anos?
Seguir elaborando con calidade, seguir recuperando variedades esquecidas e sobre todo que o sector elaborador se manteña en mans de galegos. Non seria bo que houbera un desembarco masivo de adegas doutras latitudes. Unha das grandes fortalezas é que o sector elaborador esta en mans de xente de aquí, só hai que ver a comparación co sector leiteiro e ver cal é a súa situación.

A poboación de viticultores está bastante envellecida. ¿Corremos o risco de perder superficie vitícola nos próximos anos se non hai relevo xeracional?
Iso si que é un problema grave. Vemos como moitas ribeiras van quedando sen xente e está habendo abandono, polo que hai que facer todo o posible para que non se perda esa superficie e hai que favorecer o alugueiro, sexa co Banco de Terras ou con outras ferramentas. Tamén é preocupante que se perdan cepas moi vellas ou variedades minoritarias, son o noso patrimonio que hai que transmitir ás novas xeracións.

¿Como ves a viticultura en Galicia dentro de 10 anos: haberá só adegas profesionais e desaparecerá a viticultura a tempo parcial?
A tendencia é á profesionalización, pero cada vez máis estamos a ver pequenos proxectos de pouca
produción que garanten viños moi diferenciados e moi ben aceptados polo mercado. Cada vez coido que nos temos que acostumar á dobre vía.

En Borgoña, en Burdeos e noutras rexións vitícolas están revalorizándose os viños de autor, con producións limitadas. ¿Que fai falta para que valoremos tamén aos nosos colleiteiros?
Aquí tamén se esta a facer viños de parcela, elaboracións especiais, ecolóxicos, biodinámicos, etc. O que penso é que as Denominacións de Orixe se teñen que poñer as pilas e integrar estes viños no seu seo.

¿Cales son as tarefas pendentes do sector en Galicia e tamén da propia administración?
O sector ten que seguir apostando pola calidade, pois en cantidade e prezos baixos non podemos competir con outras partes do mundo. E seguir a recuperar variedades minoritarias.

A administración debería apoiar o recoñecemento desas variedades, coidar que non se perda potencial vitícola e buscar algún tipo de protección para zonas que aínda están sen ela, como por exemplo Negueira de Muñiz, A Baixa Limia, etc.

“Hai un potencial enorme para os tintos galegos, pero segue habendo moita Riojitis e Riberitis”

Nalgunhas denominacións de orixe galegas cifrouse en máis dun 60% os viñedos danados polas xeadas de abril, pero a colleita non baixou máis dun 30%. ¿Non resulta contradictorio?
Fíxose un moi bo traballo logo das xeadas, houbo moitos viticultores que volveron podar, e o clima axudou moito a que esas uvas maduraran sen problema.

Esta pasada fin de semana centos de viticultores manifestáronse en Santiago para esixir axudas “efectivas” polas xeadas. ¿Como valorades a resposta da Administración para os viticultores afectados polas xeadas?
Se hai axudas para outros sectores tamén as ten que haber para a viticultura, sobre todo porque os viticultores son en moitos casos os únicos que manteñen un medio rural vivo en determinadas comarcas. Non podemos deixar todo en mans dos Seguros Agrarios, sobre todo porque son minoritarios en Galicia, porque non están pensados para aquí e non solucionan a nosa problemática.

¿Algo máis que queiras engadir?
Só me queda pedirlle aos consumidores que se acorden dos nosos viticultores e adegueiros cada vez que tomen ou regalen viños. Tamén se pode facer País consumindo os nosos produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información