A Deputación de Pontevedra aposta pola profesionalización dos viticultores da IXP Ribeiras do Morrazo

O vicepresidente Mosquera e o presidente da Asociación Galega de Viticultura asinaron hoxe un convenio de colaboración para desenvolver un programa formativo e de asesoramento que permita recuperar variedades autóctonas

Publicidade
A Deputación de Pontevedra aposta pola profesionalización dos viticultores da IXP Ribeiras do Morrazo

Rolda de prensa para presentar o convenio

A Deputación de Pontevedra asinou este venres un convenio de colaboración coa Asociación Galega de Viticultura (AGV) para mellorar a profesionalización dos viticultores da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ‘Ribeiras do Morrazo’ e crear viños de calidade que poidan ser atractivos para os consumidores. O vicepresidente provincial César Mosquera e o presidente da AGV Roberto Rivas Reboredo manifestaron a importancia de que os produtores, especialmente xente nova que colla o testemuño de explotacións actuais, aproveiten as potencialidades das variedades autóctonas.

Segundo explicou Mosquera o convenio ten como obxectivo prestar apoio aos viticultores de oito concellos da provincia (Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Pontevedra, Poio e Redondela), xa que moitos deles quedaron fóra da Denominación de Orixe Rías Baixas a pesar de contar con uva de calidade. “A reconversión do sector levou a que parte da produción quedase comprometida. En lugares con variedades específicas e de pouca extensión estas corrían serio risco de desaparición polo deterioro da xestión e da produción”, explicou o nacionalista, para engadir que é preciso que exista apoio institucional para potenciar e recuperar a zona agora que hai unha figura de protección como é a IXP ‘Ribeiras do Morrazo’.

De feito, a intención do convenio entre Deputación e AGV -valorado en 40.000 euros- é sentar as bases de coñecemento e experiencia para que os produtores poidan profesionalizarse e transformar as súas explotacións de xeito que aproveiten a creación da nova indicación xeográfica protexida como unha apertura ao mercado do viño, ofertando caldos coa personalidade propia deste territorio que sexan interesantes para os consumidores.

Segundo explicou o presidente da AGV, a día de hoxe a vitivinicultura nos oito concellos de ‘Ribeiras do Morrazo’ vive problemas estruturais comúns ao medio rural galego: avellentamento da poboación activa, abandono das explotacións e cultivos, e de perda de superficie agraria útil dedicada a viñedo, ben por arranque e abandono, ou ben por cambio de uso do solo. Todo isto, dixo Rivas, “leva consigo á perda de superficie de cultivo e de dereitos, e consecuentemente á redución da capacidade produtiva e de desenvolvemento futuro tanto do sector produtivo como do elaborador”.

Rivas Reboredo agradeceu o apoio da Deputación e recoñeceu que, unha vez xa está aprobada a figura de protección da IXP, “hai que seguir dando pasos adiante coa formación dos produtores para intentar que non se perda nin un metro de variedades autóctonas”: “Temos que fomentar novas adegas que leven os nosos viños polo mundo e debemos facer un plan de reestruturación potente para adaptar os viñedos ás variedades da IXP, para o que precisamos apoio técnico para dar pulo á zona”.

Programa formativo

O programa formativo e de asesoramento para a recuperación de castes autóctonas de vides na indicación xeográfica protexida ‘Ribeiras do Morrazo’ desenvolverase ao longo dos oito concellos que forman parte da indicación xeográfica de xeito que se facilite a participación e o acceso as actividades dos viticultores do territorio.

As actividades a desenvolver artellaranse sobre tres eixos principais. O primeiro eixo terá actividades de formación a viticultores e titulares de predios dedicados a viñedo explicando as posibilidades produtivas e de cultivo das castes autóctonas como alternativa economicamente viable de explotación agraria. Tamén se establecerá un soporte técnico, por medio de persoal técnico cualificado, que prestará servizos de asesoramento aos viticultores sobre a actualización e regularización de parcelas no rexistro vitícola (RVG) e abondará nas castes autóctonas na indicación xeográfica protexida e as súas características, posibilidades de cultivo e potencial produtivo, así como aspectos técnicos das plantacións e o cultivo das vides. Por último desenvolveranse xornadas divulgativas, mesas redondas sobre o cultivo da vide e a produción de uva de calidade, que incorporarán relatorios e presencia de expertos e profesionais relevantes do sector da vitivinicultura.

A creación de ‘Ribeiras do Morrazo’ naceu dos viticultores, furancheiros e adegueiros, organizados tanto en asociacións de carácter local como a través da Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, agrupando a máis de 200 socios. Os primeiros movementos déronse antes do 2010, mais foi no 2013 cando a Federación, coa colaboración técnica da Asociación Galega de Viticultura (AGV), impulsou a formación dunha promotora para a creación da IXP. No ano 2014 os Plenos das oito corporacións municipais aprobaron acordos de apoio á creación da figura da IXP no seu territorio. Foi aprobada 0 9 de xaneiro do 2018 pola Comisión Europea

‘Ribeiras do Morrrazo’ inclúe sete castes ou variedades de vides tintas e outras sete brancas: Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón, por unha banda, e Albariño, Caíño Branco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés por outra.

A día de hoxe a Consellería do Medio Rural ten contabilizados 25.414 viticultores no ámbito de actuación, máis de 150 furanchos ou loureiros, e sete adegas rexistradas das cales catro (situadas en Marín, Poio, Redondela e Vilaboa) xa están a elaborar viño ao amparo da IXP con uva da colleita 2017 grazas a unha aprobación transitoria d a Xunta de Galiza. En canto á superficie, os datos revelan que ‘Ribeiras do Morrazo’ abrangue unhas 2.340 hectáreas de viñedo con máis de 73.000 parcelas, o que supón que o tamaño medio das parcelas é duns 320 metros cadrados e que cada viticultor ten unha superficie media de viñedo inferior aos 1.000 metros cadrados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información