“Dende o 2008 a superficie de viñedos da DO Monterrei aumentou máis dun 50%”

Entrevista a Lara da Silva Rodríguez, nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei. Destaca que “posiblemente nos vindeiros meses se sumarán novas adegas á DO”

Publicidade
“Dende o 2008 a superficie de viñedos da DO Monterrei aumentou máis dun 50%”

Lara da Silva Rodríguez, nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei

Lara da Silva Rodríguez é dende o 28 de xullo a nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, a DO vitivinícola máis nova e a máis pequena de Galicia.

Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo e diplomada en Criminoloxía pola de Santiago, convértese na séptima mandataria do organismo vitícola nun ano especialmente difícil para a DO debido ás xeadas do mes de abril.

¿Sorprendeulle que fora elixida presidenta do Consello Regulador por maioría absoluta? ¿Que supón para vostede?
O nomeamento como presidenta supón un importante reto, tanto a nivel persoal como profesional. Todo elo, porque non só debo representar, no máis sentido estrito da palabra á Denominación, senón tamén traballar a reo en prol do seu crecemento tanto a nivel nacional coma internacional.

Tocoulle asumir a presidencia quizás no ano máis difícil para o consello regulador polos efectos das xeadas ¿Como asume este reto?
Certamente non se pode afirmar que esteamos nun ano idílico. A nosa Denominación este ano tivo que sufrir as inclemencias meteorolóxicas, non una, senón dúas veces, como foron as xeadas do mes de Abril e a saraibada no mes de Agosto. Con todo, a actitude debe ser positiva e de traballo porque non podemos esquecer o noso reto, que non é outro que seguir mantendo a calidade dos viños de Monterrei. E neste aspecto podo afirmar que o traballo de todos os que formamos parte deste proxecto está orientado precisamente a que os nosos consumidores ou potenciais consumidores sigan confiando e confíen en nós para consumir e desfrutar dos nosos viños.

¿Cales son as previsións da vendima para este ano?
A tempada de vendima 2017 finalizou na Denominación de Orixe Monterrei cun total 2.884.103 quilogramos colleitados , das que un 70% son variedades brancas e o 30% tintas.

Con respecto á campaña anterior, na que se alcanzaron 4.470.338 quilogramos, produciuse unha redución do 35,48%. Dita redución débese ás condicións climatolóxicas adversas sufridas no territorio da D.O. Monterrei: sarabia a finais de agosto, seca e, sobre todo, as xeadas que tiveron lugar as noites do 27 e 28 de abril.

“A colleita foi un 35% inferior pero mantívose a calidade”

Estas xeadas, que afectaron de forma selectiva a zonas e parcelas, tamén ocasionaron que se realizará unha vendima por etapas, de forma que nas primeiras xornadas colleitáronse as parcelas non afectadas por dicha xeadas, mentres que nos últimos días, as uvas das vides danadas que conseguiron volver agromar.

As peticións de axudas para viticultores e adegas polos efectos das xeadas parece que caeron en saco roto. ¿Que lle demandan ás administracións e como afronta o sector en Monterrei esta situación? ¿Existe risco de abandono da actividade?
Dende o primeiro momento, e así me consta, a Denominación de Orixe de Monterrei realizou todas as xestións que estiveron da súa man para apoiar aos viticultores afectados. De feito, a Conselleira de Medio Rural acudiu enseguida a Monterrei para coñecer as consecuencias das xeadas e falar con adegueiros e viticultores co obxecto de que lle transmitiran as súas inquedanzas.

Incluso podo manifestar que a conselleira o día 27 de Agosto, con motivo da caída do pedrazo en determinadas zonas, estivo ao outro lado da liña telefónica. Dende a D.O, con motivo das xeadas, realizáronse mesas de traballo para atallar determinadas cuestións que foron xurdindo como actualizar o prezo da uva nos seguros, informar a viticultores de determinados procedementos a seguir… Pero son consciente de que aínda queda moito por facer.

Dende o Consello Regulador remitimos varios escritos solicitando axudas de distinto tipo, directas a viticultores, métodos antixeadas, axudas para prepoda e replantación, reposición de enxertos, e estamos á espera dunha resposta, que confío poida xurdir nos próximos meses.

Como presidenta, ¿Cales son os obxectivos que se marca para o seu mandato no Consello Regulador?
As liñas inmediatas que nos propomos son seguir traballando no crecemento da D.O. Monterrei, apostando pola internacionalización e intensificar as accións de defensa e promoción do sector do viño de Monterrei.

É necesario aproveitar a boa acollida que os nosos viños están tendo tanto en concursos nacionais como internacionais, porque temos un produto galego de calidade, froito do esforzo de adegas e viticultores. Sen dúbida un dos traballos da Denominación debe estar enfocado a intensificar o noso produto e con el a marca Monterrei.

“Posiblemente nos vindeiros meses se sumarán novas adegas á DO. Monterrei”

Do mesmo xeito, resulta importantísimo manter e traballar a prol da calidade, da que xa dan boa conta os consumidores do noso viño, polo que loita día a día o Departamento Técnico da Denominación. Ademais, por suposto, estamos nestes momentos a realizar as accións que xa se planificaron no principio do ano, como as que se van desenvolver con alumnos de escolas de hostalería ou iniciativas para o sector hostaleiro e de distribución en cidades españolas.

Gustaríame tamén seguir avanzando nos próximos anos con campañas formativas, dado que a profesionalización de viticultores e adegueiros pasa sen lugar a dúbida pola súa formación e información, o que creo axudará a alcanzar aínda unha maior excelencia nos nosos viños.

¿Existe potencial de crecemento dos viñedos da DO?
Desde logo que existe potencial, de feito nos últimos anos foron moitos as adegas e viticultores que plantaron novos viñedos, pasándose de 374 hectáreas no ano 2008 ás 571 hectáreas actuais.

¿Hai previsións de apertura de novas adegas e de entrada de grupos de fóra no sector, como está a acontecer noutras Denominacións de Orixe galegas?
Temos constancia, de que actualmente Monterrei é una Denominación de Orixe con atractivo e que posiblemente nos vindeiros meses se sumarán á D.O. Monterrei novas adegas, unha nova que sempre é positiva para o sector.

A comarca de Monterrei está a sufrir unha nova vaga de lumes forestais. ¿Como está a afectar aos viñedos? ¿En que medida a viticultura pode ser nesta comarca un freo ao abandono do rural e aos lumes forestais?
Os lumes son unha lacra nesta comarca e é moi triste ver como se queiman os nosos montes ano tras ano. De feito, no pasado ano moitos viñedos do municipio de Oímbra víronse danados polos incendios, e neste ano tamén temos constancia de que o lume afectou a algúns viticultores, un contratempo máis entre os múltiples que xa teñen.

“Creo firmemente que a posta en cultivo das terras, por exemplo a través da viticultura, axudará a combater os lumes forestais”

Neste sentido, creo firmemente que o cultivo das terras, coa plantación de viñedos, contribúe a xerar riqueza no rural galego, de feito somos uns dos sectores principias da comarca, e ademais pode axudar en parte a limitar os lumes forestais.

Es a segunda muller, e a única das 5 DO´s galegas, que é elixida presidenta da DO Monterrei. ¿Existe un teito de cristal para as mulleres no sector do viño?
Certamente, é unha pregunta que dende o meu nomeamento, levo escoitado moito, porque parece unha gran novidade, máis incluso que o feito de que teña 27 anos. En realidade asústame comprobar como se amosa tanta curiosidade polo feito de ser muller porque se lle contesto con franqueza non creo que ser home ou muller sexa relevante para presidir un consello regulador, de feito tanto en Monterrei como noutras denominacións xa estiveron presididas anos atrás por mulleres.

É máis, en Monterrei, dende hai décadas, son moitas mulleres vinculadas ao mundo do viño, tanto como viticultoras como adegueiras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información