D’Berna, un século de tradición vitícola en Valdeorras

A adega, creada no 2009 en Vilamartín de Valdeorras, culmina unha longa adicación familiar ó coidado dos viñedos. Centra o seu esforzo en monovarietais de godello e mencía e este ano sacará tamén un sousón criado en barrica

Publicidade
D’Berna, un século de tradición vitícola en Valdeorras

Adega D`Berna, en Vilamartín de Valdeorras.

As ladeiras de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, teñen viñedos da familia de Bernardo Guitián desde hai máis dun século. Comezou a tradición vitícola o seu bisavó e xa desde a época de seu pai a familia implicouse tamén na transformación dos seus viños. Toda esa traxectoria culminou no 2009 coa creación da propia adega familiar, D’Berna, un proxecto centrado en traballar 12 hectáreas de viñedos propios, cultivados en espaldera.

A adega, que dirixen Bernardo Guitián e a súa esposa Elena Blanco, produce arredor de 120.000 botellas anuais, un 60% de godello e o outro 40% de mencía. D’Berna aposta polo godello xove, un viño que está a obter boa acollida no mercado e que tamén recibiu distincións nos certames vitivinícolas. Foi, por exemplo, o primeiro godello de Valdeorras na Cata de Viños de Galicia 2016.

“O godello é un viño no que vemos que hai un interese crecente. Temos clientes que, logo de descubrilo, téñennos dito que en viños brancos, consideran o godello o viño do futuro”, destaca Elena Blanco. A maiores do godello xove, D’Berna ten no mercado un godello sobre lías e en mencías oferta tamén dúas elaboracións, o xove e un mencía criado en barrica.

Este ano, a adega conta ademais con sacar por primeira vez un monovarietal de sousón criado en barrica, cunha tirada pequena, a partir de 6 barricas de 350 litros.

Viñedos
Os viñedos que abastecen á D’Berna son nun 90% propios, de cepas que rondan os 30 anos de media. As uvas restantes selecciónanse de parcelas veciñas de Córgomo. O traballo vitícola da adega céntrase en buscar unha produción equilibrada, apostando pola calidade e beneficiándose da boa ubicación das súas terras, situadas na cara sur dunha ladeira, con boa exposición solar e brisas frecuentes.

Ese bo emprazamento favoreceu que as viñas se salvaran este ano da xeada, que afectou máis a zonas de val.

Viñedos da adega.

Viñedos da adega.

As ladeiras de Valdeorras son consideradas pola adega como unha das mellores ubicacións posibles para a produción de godello, a uva que máis identifica á denominación. “En Valdeorras temos un clima marcado por unha escasa humidade, que é algo que precisa a uva godello, con moitas horas de sol e unha diferenza de temperaturas ao longo do ano que lle aportan á uva uns aromas e uns azúcares particulares, que non se obteñen noutras terras”, valora Elena Blanco.

Mercados
Nos a penas oito anos que leva en marcha, a adega abriuse mercado principalmente a nivel de Galicia e das grandes zonas de consumo do resto de España, como Madrid, Barcelona e as áreas turísticas das Baleares, Canarias e do Levante. Tamén conta con presenza internacional en países como Estados Unidos ou Alemaña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información