Danos da xeada: Máis de 1.500 persoas esixen no Ribeiro axudas para os viticultores

Publicidade
Danos da xeada: Máis de 1.500 persoas esixen no Ribeiro axudas para os viticultores

Manifestación no Ribeiro

Algo máis de 1.500 persoas procedentes de todo o Ribeiro participaron malia as inclemencias do tempo nunha manifestación esta mañá en Ribadavia para esixir á Xunta de Galicia que estableza unha liña de axudas directas aos viticultores afectados polas xeadas de hai dúas semanas. O comercio da vila pechou en solidariedade cos viticultores que desprazaron ducias de tractores ata as rúas de Ribadavia.

A marcha, que partiu do IES Ribeiro pasadas as 11:30 horas, estaba convocada polas organizacións agrarias Asociación Vitícola de Beade, Sindicato Labrego Galego, Federación Rural Galega e Unións Agrarias. É o anticipo da gran manifestación que está convocada para o día 23 deste mes en Ourense, a provincia que se concentran os danos da xeada na viticultura, deixando a moitos viticultores nunha situación moi difícil, sen colleita de uva este ano e na maioría dos casos sen a indemnización do seguro ao non ter contratada a pólíza.

“O 23 hai convocada unha gran manifestación  en Ourense”

Neste sentido, José Ramón González, responsable de Agricultura de Unións Agrarias, valora que “con esta mobilización a xente dános a razón, no sentido de que a Xunta non pode deixar aos viticultores ao pairo, polo que fai falta de forma urxente que a curto prazo se establezan axudas directas e a condonación das cotas á Seguridade Social”, para os agricultores afectados polos estragos das xeadas.

De momento a Xunta anunciou o establecemento dunha liña de créditos brandos, axudas para a replantación de vides ou rebaixas fiscais no próximo exercicio, algo que non satisfai ás organizacións agrarias pois consideran que o problema é que moitos viticultores prácticamente non facturarán nada este ano.

“Non hai situación máis delicada para a viticultura que esta e polo tanto co que se intenta xustificar a Consellería do Medio Rural para non establecer esta liña de axudas son excusas de mal pagador”, critica José Ramón González.

O responsable de Unións advertiu de que “o problema é que este ano na provincia de Ourense hai moitos viticultores que non teñen garantido un só euro por venda de uva ou de viño, porque a xeada arrasoulles todo o viñedo”.

Os Consellos Reguladores das DO. Monterrei, Valdeorras e O Ribeiro solicitan a declaración de zona catastrófica e axudas para os viticultores

Na mesma liña, os consellos reguladores das Denominacións de Orixe Monterrei, Valdeorras e o Ribeiro entregaron este venres na subdelegacion do goberno de Ourense unha solicitude conxunta pola que reclaman ao Goberno a declaración de zona catastrófica nas zonas vitícolas afectadas polas xeadas e o establecemento de liñas de axudas para os viticultores.

No caso da Denominación de Orixe Ribeiro, o Consello Regulador entregou á Consellería un informe técnico no que cifra nun 55% o viñedo danado pola xeada. No resto de denominacións afectadas, as primeiras valoracións non oficiais estiman nun 90% o viñedo queimado pola xeada en Monterrei, ata un 70% en Valdeorras e arredor dun 30% na Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información