A D.O. Valdeorras aproba un orzamento de case 550.000 euros que centrará en labores de promoción

Publicidade
A D.O. Valdeorras aproba un orzamento de case 550.000 euros que centrará en labores de promoción

Reunión do pleno

O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, reunido esta mañá, deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2017, e aprobou as contas para o novo exercicio, que ascenden a case 550.000 euros.

Tal e como sinala José Luís García Pando, presidente do Consello, as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento. “O obxectivo é que os viños valdeorreses conquisten novos espazos nos mercados galego e español e, mesmo, no internacional”, asegurou.

Os viños de Valdeorras van ter presenza nalgúns dos foros europeos máis relevantes do sector. Así, o Consello Regulador contará cun espazo expositor propio na feira alemá de Prowein e na London Wine Fair británica. Xunto a isto, o Consello Regulador aprobou tamén participar no salón San Sebastián Gastronomika, que se celebrará en outubro en Donosti, e no foro Enofusión, que vai ter lugar a comezos do próximo ano en Madrid.

Adicionalmente, está previsto realizar presentacións da nova colleita de Valdeorrasen xullo, na Coruña, e en novembro, en Madrid. Tamén en xullo desenvolverase unha nova edición da Feira do Viño de Valdeorras, que este ano alcanza o seu XXI edición. E, segundo destacou García Pando tamén ante o Pleno, vaise a pór en marcha unha acción promocional concreta no mercado andaluz durante o outono. “Andalucía é un mercado moi atractivo para os nosos viños e, por iso, apostamos por darnos a coñecer neste territorio cunha primeiro acción que se desenvolverá na cidade de Málaga”, abundou.

Para completar a axenda de accións promocionais, está previsto que o Consello Regulador organice unha viaxe para traer ata a comarca de Valdeorras a un grupo xornalistas, bloggers e influencers especializados no mundo do viño, “que axuden a divulgar as singularidades dos nosos brancos e tintos e actúen como potenciais prescriptores”, indicou García Pando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información