Critican que as axudas da Xunta ao sector do viño van para “as grandes adegas tipo Falcon Crest”

Publicidade
Critican que as axudas da Xunta ao sector do viño van para “as grandes adegas tipo Falcon Crest”

Rolda de prensa dos vogais de Unións Agrarias nos consellos reguladores.

O sindicato Unións Agrarias denuncia que as axudas deste ano da Consellería do Medio Rural para a reestruturación do viñedo “están pensadas para as grandes adegas e deixan fóra aos pequenos viticultores e á viticultura a tempo parcial”.Así o denunciaron este mércores en Ourense os vogais do sindicato nos consellos reguladores das 5 denominacións de orixe vitícolas de Galicia.

O secretario xeral de Unións, Roberto García, advertiu de que o contido do borrador da orde de axudas, que se publicará nas próximas semanas, “é un golpe á viticultura social e a tempo parcial, que representa o 95% dos viticultores de Galicia, e apoia un modelo Falcon Crest de adegas con grandes plantacións”.

En concreto, denunciou que o borrador da orde de axudas “exclúe aos viticultores a tempo parcial; tamén deixa fóra das axudas aos que teñan máis de 65 anos; e aos que non conten con seguro agrario de uva, que son o 97% dos viticultores”.

Desta forma, con estes novos criterios aprobados pola Consellería do Medio Rural e os representantes dos consellos reguladores a pasada semana “os poucos cartos que vai haber para estas axudas este ano vanse destinar en exclusiva ás grandes adegas e a grandes plantacións, xa que ademais sobe o tope subvencionable a unha superficie máxima conxunta de 15 hectáreas”, criticou Roberto García.

Ademais, dende a organización agraria lembran que “Galicia segue sendo a única Comunidade Autónoma onde se penaliza nestas axudas que os traballos de restruturación do viñedo sexan feitos polos propios viticultores, xa que se lles esixe presentar, como se foran adegas, 3 orzamentos para os traballos”.

Critican que non se contase cos representantes dos viticultores á hora de consensuar a orde de axudas

Ademais, dende Unións Agrarias denuncian que non se contara cos representantes dos viticultores á hora de negociar a orde de axudas. “É un auténtico ataque á representación sindical que non se convocara o Consello Agrario Galego para consensuar os criterios das axudas para restruturación de viñedo. Pola contra, a Consellería de Medio Rural o que fixo foi reunirse soamente cos representantes dos Consellos Reguladores, que trasladaron a súa visión de parte, e que ademais non trataron nos seus plenos respectivos este tema, para que os representantes dos produtores puideran defender as súas posturas”, asegura Roberto García.

Ante esa situación, dende Unións esixen a convocatoria urxente do Consello Agrario Galego. Advirten tamén de que o borrador da orde de axudas vulnera os criterios de prioridade do plan nacional de axudas ao sector vitícola, en concreto nos criterios de plans colectivos, ou na priorización dos titulares de menos de 40 anos. Neste sentido, anuncian que se non se cambian os criterios “levaremos esta orde ao tribunal do contencioso administrativo”.

Demandan que se controle a uva no viñedo para que non haxa irregularidades

Por outra parte, os vogais de Unións Agrarias anunciaron que levarán aos plenos dos consellos reguladores unha solicitude para implantar un novo sistema de control da produción que evite posibles irregularidades.

En concreto, demandarán que o traballo dos veedores dos Consellos Reguladores se faga en primeiro lugar nas fincas, para calcular a produción estimada, antes de levar a uva ás adegas, onde se realizará o segundo control, que é o que se realiza actualmente. Deste xeito, perséguese garantir que a uva declarada coincida coa que realmente hai nos viñedos.

En segundo lugar, o sindicato demandaralle á AICA que se garanta o pago a 30 días aos viticultores dende que se fai a declaración, tal e como establece a Lei da Cadea Alimentaria. Para iso, considera necesario que do contrato entre adega e produtor, no que se establecen a cantidade de uvas vendidas e o prezo, se envíe unha copia ao rexistro da Xunta de Galicia.

Descarga aquí o borrador da orde de axudas da Consellería de Medio Rural para reestruturación do viñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información