“Crego e Monaguillo naceu da paixón polo viño e da gratitude aos seres queridos”

Entrevista a Asunción Rodríguez, copropietaria da adega Crego e Monaguillo, da Denominación de Orixe Monterrei. O próximo ano van plantar 9 hectáreas máis de viñedo de variedades tintas porque asegura que “o futuro dos viños de Monterrei está nos tintos”

“Crego e Monaguillo naceu da paixón polo viño e da gratitude aos seres queridos”

Asunción Rodríguez con dous dos viños emblemáticos de Crego e Monaguillo

A adega Crego e Monaguillo é un exemplo de éxito de emprendemento no rural e un referente da calidade dos viños galegos: pasaron de elaborar 8.000 botellas no 2003 a preto de 1 millón o pasado ano 2016, dando traballo permanente a 14 persoas na comarca de Monterrei. O segredo: a paixón e a honestidade por ser fieis aos clientes e a un compromiso co territorio.

O mesmo compromiso que inspirou un dos seus fundadores: o pai paúl Ernesto Atanes, capelán da comunidade galega e española en Londres durante 43 anos, que quixo facer algo pola súa aldea natal, A Salgueira, situada na montaña de Verín. Así, a comezos do 2000 botoulle unha man ao seu afillado, Ernesto Rodríguez “Tito”, que tamén facía de monaguillo cando oficiaba na aldea durante as súas visitas. Xuntos comezaron a recuperar os viñedos da zona e así naceu a adega “Crego e monaguillo”, un símbolo da recuperación da viticultura en Galicia e que este 2017 cumpre 15 anos.

Falamos con Asunción Rodríguez, irmá de “Tito”, e que deixou o seu traballo de funcionaría para sumarse ao proxecto de “Crego e monaguillo”.

Como naceu a adega Crego e Monaguillo?
O impulsor da adega foi o meu irmán “Tito”, pero está claro que a figura de Ernesto Atanes foi fundamental, sobre todo nos inicios, dando a coñecer e facendo unha labor comercial do noso viño en Londres e en todo o Reino Unido. Iso explica que Crego e Monaguillo foi un pouco a contracorrente, xa que primeiro empezamos a vender no estranxeiro e logo no mercado nacional.

A adega creouse no ano 2002, se ben é certo que a primeira colleita saíu ao mercado no 2003. A proxección da adega e da marca nestes 15 anos foi moi importante e exemplifícase con só un dato: o primeiro ano elaboramos 8000 botellas de viño e en 2016 sacamos ao mercado arredor de 1 millón de botellas.

O pai de Ernesto Atanes e o noso pai tiñan unha relación de amizade, ademais de veciños. Ernesto foi o noso padriño e sempre foi como da familia para nós. Cando puxemos en marcha a adega a única “imposición” que pediu foi que estivera na nosa aldea natal, e por iso aquí estamos.

Como calquera empresa no sector primario, os inicios foron duros. A comezos do 2000 estaba realizándose a reestruturación dos viñedos na comarca de Monterrei, substituíndo os vellos bacelos por novas plantacións con castes autóctonas. “Tito” reestruturou tanto os viñedos do “Crego” como os da miña familia, e co tempo tamén fomos alugando viñedos de veciños que pola idade e pola falta de relevo xeracional non eran capaces de coidalos.

O ano 2006 foi un punto de inflexión para a adega. ¿Por que?
Nese ano concedéronnos o premios ao mellor viño branco de Galicia, e foi un antes e un despois porque lle deu un pulo moi importante tanto á adega como á marca. Incrementouse a partir de aí moito a demanda dos nosos viños e comezamos a facer novas plantacións.

“Coa evolución da demanda dos viños de Monterrei nuns anos vai ser difícil mercar uva”

De feito, nestes dous últimos anos na Denominación de Orixe Monterrei démonos conta de que non temos exceso de uva, ao contrario. Por iso, neste próximo ano 2018 faremos dúas plantacións propias de 9 hectáreas en Mourazos e Vilamaior para asegurarnos o subministro, porque vemos que coa evolución da demanda dos viños de Monterrei nuns anos vai ser difícil conseguir uva.

Canta superficie de viñedo traballades e como son os terreos?
Entre propias e alugadas debemos estar en torno ás 40 hectáreas. Ademais, temos unha empresa de servizos que se adica ao sector vitivinícola e que leva unhas 20 hectáreas de viñedo. A maiores, mercamos uva a viticultores da zona cos que temos unha relación xa estable e aos que asesoramos.

As nosas viñas están en practicamente todos os concellos da Denominación de Orixe. Así, temos viñas no val, en ladeiras e na montaña. Estas últimas foron as que nos salvaron nos dous últimos anos, porque este ano case non sufriron os efectos das xeadas e o ano anterior aguantaron moito mellor as choivas de setembro porque, a diferencia das videiras do val, na montaña as uvas aínda non estaban maduras. Intentamos manter ese equilibrio porque a pesar de que na montaña hai minifundio e as viñas están rodeadas de monte, co risco en caso de incendio forestal que iso supón, entendemos que é boa zona de viñedo.

“A Denominación de Orixe Monterrei ten moita marxe para medrar nos viños tintos”

Como son esas novas plantacións que ides realizar en 2018?
Monterrei foi ao comezo coñecida polos seus viños brancos, sobre todo o Godello, pero creo que o seu maior potencial e onde temos unha carencia é nas variedades tintas, xa que moitos destes viñedos se arrancaron coas reestruturacións. Sen embargo, a demanda de viños tintos de Monterrei está case á par que a de brancos e creo que a tendencia irá a máis.

Por iso, as novas plantacións que imos facer son integramente de castes tintas e quizás un pouco abandonadas, como a Sousón, o Caiño Tinto ou o Brancellao, que durante a reestruturación dos viñedos a xente deixou de lado porque crían que non ian dar unha produción tan alta e constante. Porén, creo que teñen un potencial fabuloso, de feito levamos dous anos sacando ao mercado unha edición limitada dun viño elaborado con Sousón como variedade principal e para min quizás é un dos mellores viños da adega.

A titulo persoal creo que o futuro de Monterrei está máis nos tintos que nos brancos, porque en Galicia seguimos demandando tintos de fóra e é un oco que podemos cubrir nós. En brancos temos que competir en prezo cos do Ribeiro ou os de Rías Baixas e en tintos só habería unha competencia sá cos viños da Ribeira Sacra e quizás tamén de Valdeorras.

Que variedades tedes neste momento no mercado?
Na actualidade temos principalmente Godello, en variedades brancas, e Mencía en tintas. En brancos tamén temos algo de Dona Branca, unha caste propia de Monterrei, pero que a xente arrancou porque consideraba que tiña moito problema de botrite. Sen embargo, é unha variedade que, se é ano bo, como foi o 2015, a súa uva aporta moitos matices. E en tintos contamos con algo de Mencía e de Araúxa ou Tempranillo.

En canto ao noso mercado, neste momento o 70% da nosa produción vendémola en Galicia, e o 90% das variedades tintas vendémolas na comunidade. Vendemos tamén viño tinto para Madrid e Valencia e no norte de España. Exportamos ao principio bastante, pero agora a nosa cota de exportación estará no 15%. De momento temos a nosa produción practicamente vendida e non queremos arriscar en mercados novos nos que se valora máis o prezo que a calidade.

¿Que tipos de viños tedes no mercado neste momento?
Os dous viños estrela son Crego e Monaguillo Godello, que leva unha pequena porcentaxe de Treixadura, e Crego e Monaguillo Mencía, que leva algo de Araúxa. Son os dous viños principais da adega, con 400.000 botellas elaboradas o pasado ano de cada un deles.

Da vendima 2015 sacamos ao mercado un monovarietal de Dona Branca, procedente de cepas vellas, e que só decidimos elaborar en anos de boa colleita, e sorprendeunos o ben que aguanta en botella. Como xa dixen, é unha variedade delicada, moi sensible á botrite, que lle ataca xusto na fase final, cando caen choivas entre a maduración e a vendima.

Tamén elaboramos un branco que é unha mestura entre 40% Albariño e 60% Treixadura. Tamén sacamos ao mercado un tinto que leva como variedade principal uvas de Sousón, con algo de Caiño e de Bancellao, e que está a ser un descubrimento, porque é un viño con máis capa e estrutura que o elaborado con uva de Mencía. En todo caso, son edicións limitadas, cun máximo de 15.000 botellas.

E logo elaboramos o tinto Father 1943, en homenaxe ao ano de nacemento de Ernesto Atanes, o noso padriño e cofundador da adega. É un viño sorprendente, elaborado coas mellores cepas das variedades Mencía (80%) e Araúxa (Tempranillo) (20%) cun paso por barrica de carballo francés de seis meses

Non todas as variedades saen todos os anos e o 2017 vai ser un ano complicado, a pesar de que a calidade ao final compensou a falta de produción. Pero a baixada de produción está aí: entre un 40 e un 50% polo que vai ser un ano complicado para a adega e para a DO Monterrei.

CREGO_E_MONAGUILLO_MONTERREI_3

Precisamente ¿Como encarades en Crego e Monaguillo esta redución importante na colleita de uva este ano a consecuencia das xeadas de abril?
Creo que temos que mirar a longo prazo e non podemos tirar pola borda o traballo que levamos feito nos últimos 20 anos. Este ano vai ser complicado porque o mercado nos vai demandar un produto que non temos: estabamos aumentando nunhas 700.000 botellas ao ano no conxunto da Denominación de Orixe Monterrei e imos perder un 40% de produción, polo menos, polo que non poderemos abastecer aos nosos clientes. Sen embargo, creo que temos que ser todos intelixentes e mirar a longo prazo, e non ser cortoplacistas.

 “Ante a baixada de produción debido ás xeadas, todos debemos mirar a longo prazo e manter a calidade dos viños de Monterrei”

Neste sentido, temos que manter que detrás de cada botella de Monterrei ten que haber unha calidade contrastada. Como Crego e Monaguillo, se non podemos quitar este ano 1 millón de botellas quitaremos 500.000 e se consideramos que non ten calidade suficiente para unha primeira marca non teremos problema en sacar unha segunda. Espero que todos fagamos o mesmo.

A vosa adega é un exemplo de creación de emprego no rural e de que na viticultura hai futuro…
Durante todo o ano empregamos a 14 persoas e na vendima, na poda ou na poda en verde, que aquí chamamos manfoña, aumenta moito o número de contratados.

Teño cada vez máis claro que o futuro da comarca de Monterrei pasa polo sector primario. Pero preocúpame moito a climatoloxía e o cambio climático, cuxos efectos en forma de secas, saraibadas…etc, xa están aquí.

Neste sentido, creo que é unha pena o que pasou no 2017 porque en Monterrei empezárase a crer que se podía vivir da viticultura. Sigo crendo que se pode vivir do campo se as cousas seguen como ata agora. Só hai que ver isto hai 10 anos e agora cando non hai ningunha viña abandonada en Monterrei, e con viticultores que cobran a uva a bo prezo e en tempo e forma. A viticultura xera moitos postos de traballo directos e indirectos, sirva como exemplo que neste pobo de A Salgueira, de 25 veciños, 7 traballan na adega.

Como ves o futuro da adega nos próximos anos? Que proxectos teñen en marcha?
A aspiración da adega non é seguir medrando senón manternos e fidelizar aos clientes e non decepcionalos. A xente ven aquí a visitar a nosa adega e pregúntanos onde está o segredo para pasar en 15 anos de 8.000 a 1 millón botellas e de 25 metros cadrados de adega cando empezamos aos 5.000 que temos hoxe. Creo que o segredo é o día a día e non defraudar ao cliente. E a xente quere poñerlle cara ao viño, coñecer as persoas que están detrás de cada botella, e que lles adiques tempo, e escoitar a historia que está detrás da adega.

“Máis que medrar, a aspiración de Crego e Monaguillo de cara ao futuro é fidelizar aos clientes e non decepcionalos”

Neste sentido, creo que o enoturismo é un complemento ideal pero hai que dedicarlle tempo e estar disposto a facer ese esforzo persoal.

Que te apaixonou máis deste traballo para deixar un posto bastante máis cómodo como funcionaria?
A min chamoume fundamentalmente a gratitude. Ernesto Atanes, o Crego, aínda que non era o meu pai era como se o fose e, sen dicirmo, quería que eu estivese aquí, e cada vez que viña á adega era algo gratificante para el.

Para min este traballo é apaixonante, e evidentemente que tes días malos, como o día despois da xeada do 25 de abril, que para toda a xente desta comarca foi horroroso. Pero tamén tes días de moitas satisfaccións, de xente que te visita e che dá as grazas polo traballo que estás a facer.

Desde logo que estaría máis cómoda como funcionaria na Fiscalía en Vigo. Pero hai cousas que hai que facer na vida, e o que motivou e me motiva foi o sentimento de gratitude cara Ernesto e cara toda a xente que valora o noso traballo. Tamén a responsabilidade por todas as persoas que dependen de nós, tanto empregados, como viticultores, clientes e provedores.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información