Crean a primeira barrica de granito galego

Publicidade
Crean a primeira barrica de granito galego

Cayetano Otero e Santiago Roma

A primeira barrica de granito galego para fermentar e envellecer os viños xa está no mercado. A idea partiu hai dous anos da adega de Ribadumia Santiago Roma, que en alianza con Epetrum, unha empresa de Valga especializada en deseño en pedra, e o enólogo Cayetano Otero, crearon hai un ano a empresa Ánforum.

“A idea xurdiume hai dous anos, cando me preguntei por que non fabricar unha barrica de granito, que lle transmitise ao viño a mesma mineralidade que lle transmite á auga de manancial, e que a fai única. Os romanos xa utilizaban lagares de pedra e en Galicia temos unha longa tradición no uso da pedra, polo que me decidín a embarcarme neste proxecto para elaborar un viño gourmet”, explica o viticultor e adegueiro Santiago Roma Martínez, alma máter deste proxecto.

Tras multitude de deseños, estudos e ensaios químicos e enolóxicos, preséntanse as primeiras barricas de pedra patentadas con forma ovoide. “Decantámonos pola pedra Gris Lalín, porque ten un tamaño de poro pequeno, o que por unha banda evita que haxa consumo de viño por parte da barrica e doutra banda a parede, de 10 centímetros de grosor, permite que haxa unha microoxixenación controlada do viño, que evita a aparición de aromas a xofre e a oxidación do viño. Ademais, mantén a temperatura do viño sen oscilacións bruscas ao longo do tempo”, detalla Santiago.

Desta forma, o viño está en contacto directo coa pedra, para que adquira a súa mineralidade. En canto á forma oval, os seus creadores aseguran que permite o movemento natural e continuo do viño, de forma que este circula en espiral, o que provoca que as lías non poidan depositarse na base e estean en suspensión todo o tempo.

A primeira anada de albariño envellecido en barrica de granito sairá esta primavera

Como proba piloto a adega Santiago Roma envelleceu un viño albariño durante 6 meses nunha barrica de 450 litros. “Fermentamos a uva en depósito de aceiro e no mes de outubro depositamos o viño na barrica de pedra. Cara ao mes de marzo ou abril sacaremos ao mercado este viño diferenciado”, explica Santiago Roma.

As barricas fabrícanse nun taller de Ribadumia con granito galego. Dispoñen de varios modelos que se comercializarán con diferentes capacidades: 450 litros, 1140, 2180 e 2690 litros.

“As barricas fabrícanse dunha peza e son unha novidade a nivel internacional. De feito xa recibimos chamadas de Arxentina ou de Chile de adegas interesándose por elas”, destaca.

Anforum Sl ten previsto ampliar os ensaios este ano realizando tamén fermentacións en barrica de granito galego e probando con outras variedades de uva.

SANTIAGO_ROMA_vino_barrica_pedra_2

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información