Convocadas as axudas da Xunta para reestruturación e reconversión do viñedo

Publicidade
Publicidade

Administración convocante: Consellería do Medio Rural

Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20190208/AnuncioG0426-090119-0002_gl.html

Prazo: Ata 09/03/2019

Resumo:

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para os plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, mantendo o orzamento nos 1,4 millóns de euros ao igual que na pasada convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir de mañá, é dicir, ata o 9 de marzo.

O obxecto desta liña de achegas é diminuír os custos de produción das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado. Procúrase ademais o aumento da profesionalización dos viticultores galegos, ao mesmo tempo que se potencia a remuda xeracional facilitando o acceso ás explotacións a viticultores mozos.

Menos trámites administrativos

Este ano, aplicaranse por primeira vez en Galicia baremos estándar de custos unitarios (BSCU) para xustificar as accións subvencionables destas axudas. Así establécese unha nova forma de pagamento co visto bo da Comisión Europea, baseada nunha nova metodoloxía de custos simplificados, propios de Galicia, seguindo as recomendacións do Tribunal de Contas Europeo (TCE) co fin de simplificar, reducir a carga administrativa e garantir a economía e obtención de mellores resultados. Neste senso, coa presentación da solicitude xa non serán precisos 3 orzamentos distintos.

Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola de Galicia (RVG) cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, rebaixando este ano a superficie máxima subvencionable a 10 hectáreas por persoa viticultora. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.

Cabe recordar que cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual (ata o 31 de maio de 2020) ou bianual (ata o 31 de maio de 2021), con ou sen anticipo. Así mesmo, valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información