Consellos para realizar correctamente o esfollado da viña

O esfollado é unha técnica que permite aumentar a calidade da uva e mellorar o estado sanitario da vide. Emilia Díaz Losada, técnica da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA), e Mar Vilanova de la Torre, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC ofrecen as claves para realizalo correctamente

Consellos para realizar correctamente o esfollado da viña

Esfollado serodio da viña

O esfollado é unha técnica que se volveu imprescindible no viñedo xa que permite aumentar a calidade da uva e mellorar o estado sanitario da vide. Emilia Díaz Losada, técnica da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA), e Mar Vilanova de la Torre, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC ofrecen as claves para realizalo correctamente.

Emilia Díaz Losada (EVEGA): “O esfollado tense que realizar na cara exposta ao leste e evitar os esfollados profundos”

Cales son os momentos indicados para realizar o esfollado no viñedo?
Hai que matizar que hoxe en día pódese falar de distintos tipos de esfollado, que teñen distintas finalidades.

O esfollado precoz realízase en época de floración coa finalidade de diminuír produción e aumentar calidade de colleita. Neste momento todas as follas basais teñen aínda elevada actividade fotosintética. Coa súa eliminación estamos a diminuír a dispoñibilidade de azucres pola inflorescencia e, por tanto, pode diminuír tanto o callado como o tamaño do bago, e por tanto a compacidade dos acios. Este esfollado está indicado en viñedos moi produtivos, e evitaríanos ter que recorrer a un aclareo de acios cando o que queremos é obter unha vendima de alta calidade.

O esfollado tradicional, que moitos viticultores realizan, sobre todo nas zonas frescas como Galicia, consiste na eliminación das follas basais próximas ao acio, entre 2 e 4 desde cerrazón do acio até vendima. A finalidade deste esfollado pode ser dobre: por unha banda mellorar a aireación reducindo a incidencia de enfermidades criptogámicas, e incrementar a eficacia de aplicación dos produtos fitosanitarios, xa que se favorece o seu contacto cos acios. O outro obxectivo é mellorar a calidade da uva, especialmente un aumento da cor e da tipicidade aromática, ademais de facilitar a vendima.

En función do fin perseguido hase de realizar nunha época ou noutra. Se se persegue unha finalidade sanitaria debería realizarse desde a fase de peche do acio. Isto é adecuado en viñedos vigorosos con moita densidade de vexetación e en variedades con acios moi compactos.

En viñedos pouco vigorosos, nos que a densidade foliar sexa limitada, cómpre manter a masa foliar para o seu axeitado desenvolvemento polo que se se fai esfollado deberá realizarse iniciado o envero, cando as follas basais van perdendo a súa maior capacidade fotosintética.

O esfollado tres semanas antes de vendima non produce malos efectos xa que as follas basais presentan unha actividade fotosintética que é prescindible, e pode aumentar o rendemento dos vendimiadores dun 20 a un 40%.

“En Godello o esfollado debe ser mínimo”

Este esfollado pode incrementar a concentración dos azucres debido á perda de auga producida polo incremento de transpiración do bago; pode diminuír a acidez, en particular do ácido málico, favorecida por un microclima máis luminoso dos acios; e a cor dos bagos pódese ver favorecida. Por outra banda, prodúcese unha aireación dos acios que sobre todo en acios compactos actúa como unha medida preventiva fronte a botryte.

Como e cando debemos realizalo?
O esfollado hase de realizarse na cara exposta ao leste. Así os acios quedan expostos ao sol da mañá, menos nocivo que o do mediodía e o da tarde. E é que os fortes golpes de sol poden danar os bagos producindo queimaduras e deshidratacións. Hai que ter en conta o tipo de variedade cultivada. Así, en variedades como Godello, sensibles ás  queimaduras, o esfollado debe ser mínimo, de forma que os acios queden en certa medida protexidos.

Que relación debe haber entre a masa foliar e a produción?
Hai que dicir que son moitos os factores (chan, clima, sistema de cultivo, sistema de condución e poda, insolación, xenotipo etc.) que en interacción condicionan a produción e calidade da uva, sendo difícil atribuír a cada un o efecto único que pode ter sobre o resultado final.

En principio, unha maior superficie foliar total vai asociada a unha maior capacidade fotosintética, pero a medida que vai aumentando, vai aumentando a densidade foliar. Así, unha maior densidade foliar leva un peor microclima na zona de acios e unha menor taxa fotosintética das follas interiores pola súa baixa iluminación. Un microclima interior sombreado, leva unha menor actividade fotosintética das follas interiores, menor fertilidade das xemas e peor maduración.

“Hai que evitar os esfollados profundos”

A relación entre a superficie foliar total e superficie foliar externa (LAI/SA) é un bo índice que nos permite unha apreciación de cal debería de ser a densidade de follas ou porosidade do sistema, para un adecuado desenvolvemento. Recoméndase de maneira xeral unha relación de 1,5 ou ben unhas 4-5 capas de follas no caso dos sistemas verticais. Distintos estudos mostran que superficies de 1m2 a 1,5 m2 de superficie foliar serían as máis adecuadas para producir un Kg de uvas, en formacións en espaldeira. Aínda que é necesario remarcar que os factores edafoclimáticos e varietais do viñedo poden variar estes valores xerais.

Cales son os erros máis comúns que consideras que se realizan no esfollado?
Existen certas zonas nas que se realizan esfollados moi profundos, sen beneficio algún nin para a planta nin para a calidade da colleita e cun importante custo económico.

E a realización de esfollados na cara máis exposta ao sol, que non leva máis que a queimaduras nos acios por posibles golpes de sol.

Mar Vilanova de la Torre (Misión Biolóxica de Galicia-CSIC): “Co esfollado precoz logramos un 30% menos de incidencia de botryte na variedade Loureira”

Cales son as prinicipales vantaxes do esfollado precoz?
O sector vitivinícola require un control da produción que diminúa os excedentes e produza un aumento da calidade de uva. É ben coñecido que modificacións na vexetación repercuten en cambios significativos no rendemento e a composición da uva.

O control do cociente folla:froito é básico para a execución de prácticas culturais destinadas á obtención de froita de maior calidade. Para iso, na última década desenvolvéronse novas técnicas en viticultura dirixidas a xestionar os rendementos co obxectivo de mellorar a calidade da uva e o viño. Entre estas novas técnicas, cabe salientar o esfollado precoz da vide.

Non se pode confundir o esfollado precoz co esfollado clásico. Os seus obxectivos son moi diferentes e tamén a época en que se realizan.

O esfollado precoz é unha técnica vitícola pioneira e innovadora desenvolvida en Italia. O seu principal obxectivo é a regulación da produción de uva e a mellora da calidade da mesma. Os efectos do esfollado precoz, chamado así porque se realiza ao redor da floración, son moi diferentes do esfollado clásico ou tradicional que é máis tardío. Co esfollado precoz ao eliminar as follas basais en floración, que son a principal fonte de carbohidratos, provócase unha menor taxa de callado, obtendo acios con menor numero de bagos e de menor tamaño reducindo así o rendemento, e conseguindo unha colleita xeralmente de maior calidade.

“O esfollado precoz é unha alternativa economicamente competitiva ás custosas prácticas manuais tradicionais, como o aclareo manual de acios”

Unha gran vantaxe desta práctica é que ao conseguir acios con menor numero de bagos, estes son máis porosos e por tanto están máis aireados, o que reduce significativamente a incidencia de enfermidades criptogámicas como a Botryte.

A nosa experiencia en Galicia coa variedade Loureira foi de redución dun 30 % a incidencia de Botyite, coa consecuente diminución do número de tratamentos.

Outra vantaxe é que esta técnica é a súa fácil mecanización podendo resultar unha alternativa economicamente competitiva ás custosas prácticas manuais tradicionais, como o aclareo manual de acios. En canto ao número de follas a eliminar recoméndase entre 6 e 8 follas basais.

Que destacarías do esfollado clásico?
O esfollado clásico é unha das operacións en verde máis frecuentemente utilizada na viticultura. Habitualmente realízase entre o callado e o envero, en condicións de elevada densidade foliar. Consiste en suprimir as follas basais dos pámpanos co obxectivo de mellorar o microclima do acio incrementando a exposición dos froitos.

Como consecuencia desta maior exposición solar, este esfollado tamén mellora a coloración e a calidade aromática das uvas. Igualmente, ao eliminar parte da follaxe da planta, esta práctica facilita a vendima manual e incrementa a eficacia dos tratamentos fitosanitarios.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información