Consellos para evitar riscos laborais na vendima

Os labores da vendima presentan diversos riscos laborais que é necesario minimizar cumprindo unhas sinxelas medidas preventivas. Ofrecemos un resumo do material informativo do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Publicidade
Consellos para evitar riscos laborais na vendima

Nenos e maiores subidos no tractor, algo que non se debe facer.

Caídas do tractor ou do remolque:

–   Desprazarse no tractor ou no remolque resulta moi perigoso, debido ás irregularidades do terreo, pendentes da finca…etc. Poden producirse accidentes por xiro, caídas e golpes por aceleracións ou freadas bruscas.

Caídas a distinto nivel en viñedos en bancais:

–   Ter especial coidado nas zonas de viñedos en bancais, por exemplo na Ribeira Sacra. As caídas a distinto nivel poden provocar danos de consideración, tanto contra o chan coma contra os arames de suxeición das viñas e contra os postes ou estacas.

Vendima de parras:

–   Se necesita acceder a puntos altos traballando en parra é preferible usar plataformas estables ás escaleiras de tesoira, caixas, pacas, etc.

–   Nunca use as escaleiras de tesoira pechadas. Asegurarse que dispón de dispositivo de seguridade antiapertura.

Vendima dunha parra utlizando unha plataforma.

Vendima dunha parra utlizando unha plataforma. Autor: FdV

–   Non intente mover a escaleira subido nela: baixe e mova a escaleira as veces que faga falta para evitar traballar desprazado lateralmente e aumentar o risco de caída.

–   Se traballa con plataformas ou escaleiras, teña en conta que aínda con zapatas longas sempre hai risco de afundimento.

–   En terreo natural é moi difícil que asenten ben todos os puntos de apoio será inestable.

Cortes por tesoiras ou ferramentas de corte:

–   O acio collerase pola base no momento do corte. Nunca se collerá polo rabo, xa que isto multiplica o risco de corte nos dedos.

–   Cada traballador e traballadora comprobará o bo estado das ferramentas antes de usalas, inspeccionando coidadosamente os mangos, fíos cortantes.

–   Evitar que o mango estea impregnado de substancias que o fagan escorregadizo.

–   As ferramentas deben contar cunha boa suxeición para que o traballador ou traballadora non faga esforzos indebidos, deben ser tesoiras ergonómicas adaptados á forma da man.

–   Non levar as ferramentas nos petos.

–   Empregar luvas de látex resistentes.

Pisadas sobre obxectos punzantes ou cortantes:

–   Recoméndase non deixar os útiles de traballo esquecidos na zona de traballo. Deixalos sempre nun mesmo lugar, colaborando en manter a orde na zona de traballo.

Accidentes oculares por golpes ou picadas das vides:

–   A aproximación da cara e ollos ás cepas pode dar lugar a picadas das vides. Aconséllase o uso de protección ocular.

Fatiga postural e sobreesforzos:

–   Manipular as caixas ou cestas da vendima polas zonas de agarre que teñan, non as coller doutro xeito.

–   Para levantalas do chan: separar os pés ata conseguir unha posición estable, dobrar os xeonllos, achegar o obxecto o máximo ao corpo, levantar o peso gradualmente e sen sacudidas, non xirar o tronco mentres se levante a caixa, cesta… .

Non sobrecargar as caixas, o peso máximo que se recomenda que levante unha persoa soa é de 25 kg.

–   Transportar a carga á altura da cadeira e o máis preto do tronco. Se o transporte se fai cun só brazo evitar as inclinacións laterais.

–   Non xirar as costas mentres se descargan as caixas. Depositalas, non tiralas.

Maneira correcta de vendimar: coa man por debaixo do acio.

Maneira correcta de vendimar: coa man por debaixo do acio.

–   Ordenar as caixas cheas de maneira que estean fóra das zonas de paso.

–   Colocalas de maneira que a carga non se veña enriba e non esvare.

–   Formarase e informarase o persoal traballador sobre a manipulación de cargas, sobre o manexo correcto das ferramentas e sobre as posturas de seguridade do lombo cando se fagan estas tarefas de vendima que implican adoptar a mesma postura para facer o traballo.

–   Intentar traballar a unha altura correcta mantendo as costas ergueitas, evitando as posturas incómodas e forzadas.

–   Sempre que sexa posible, substituír os traballos que impliquen facer moito esforzo físico por sistemas automáticos.

–   Vendimar a un ritmo de traballo constante adaptado ás condicións individuais, para ter controlada a situación en todo momento.

–   Facer descansos curtos e frecuentes cando se fagan traballos que impliquen adoptar posturas forzadas durante moito tempo como estar agachado ou traballos en altura, segundo a altura das cepas que se estean a vendimar.

Riscos biolóxicos:

–   A través das feridas, cortes…etc, por contacto con materiais ou substancias contaminadas con restos de produtos fitosanitarios pódense contraer enfermidades.

–   Por iso, toda ferida producida durante o traballo ha de ser limpada con abundante auga e xabón e ha de ser curada. Calquera traballador agrícola ten un risco potencial de padecer tétanos, polo que debe vacinarse.

Picaduras de insectos:

–   As picaduras de avespas e abellas poden ser graves, sobre todo en persoas alérxicas ao veleno destes insectos. Recoméndase evitar roupas de cores vivas xa que poden atraer avespas e abellas.

–   Deberíase dispoñer dun botiquín de primeiros auxilios cos elementos necesarios para realizar as curas e con medicación antialérxica para o tratamento das reaccións alérxicas.

Riscos de caídas asociadas aos labores de carga e descarga de cestas de vendima:

–   Dispoñer de escaleiras con chanzos e reixa metálica para efectuar a descarga de cestos de xeito cómodo e seguro. Dotar aos remolques de vendima de asas cómodas e suficientes.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información