A confusión sexual acaba coa couza do acio nos viñedos de Martín Códax

Publicidade
A confusión sexual acaba coa couza do acio nos viñedos de Martín Códax

Danos da couza do acio nas uvas

Bodegas Martín Códax continúa o seu ambicioso traballo cara á sustentabilidade nos viñedos, implantando técnicas respectuosas co medio ambiente, que buscan reducir o uso de insumos nos viñedos, é dicir o control biolóxico de certas pragas que afectan á vide, como é o caso da couza do acio, unha das máis importantes e prexudiciais, e faino mediante a confusión sexual destes insectos.

No marco do proxecto VINOVERT, chegado dende Francia e que involucra a países como Portugal e a España, e do que é partícipe Bodegas Martín Códax, Miguel Tubío, director técnico da empresa, explica que, “nesta campaña, xa se reduciu o uso de produtos para a eliminación das couzas, mediante unha práctica que impide que os machos deste insecto atopen ás femias, confundíndoos e evitando que as fecunden e introduzan os seus ovos nas uvas. Esta técnica permite que, sen produtos químicos, controlemos un problema de insectos que podería dar lugar á botrytis na vendima e consiste en instalar nas viñas uns difusores que expanden feromonas, producindo dita confusión sexual. Deste xeito, elimínase a utilización dos insecticida, que de outra maneira sería aplicado un mínimo de dúas veces ao ano”.

Os efectos xa se notan nas fincas dos viticultores de Martín Códax, xa que os machos da couza non están aparecendo nas trampas habituais, que se colocan nos viñedos. Ao longo desta campaña obteranse os resultados dun control biolóxico que xa se aplica con éxito noutras zonas de España e, ademais, noutros cultivos como o da mazá.

Sen capturas de machos do insecto nas 128 hectáreas da adega

Neste sentido, con motivo das xornadas técnicas de VINOVERT, que veñen de desenvolverse na adega, e cuxo pilar é a sustentabilidade, e na que se falou precisamente de camiñar cara a redución do uso de insumos no viñedo, o director xeral de Bodegas Martín Códax, Juan A. Vázquez, quixo recordar que “ninguén coma nós, os viticultores, está preocupado polas terras que queremos deixarlles aos nosos fillos”.

En Galicia, para controlar biolóxicamente este insecto, existe a dificultade da dispersión dos viñedos, por iso nas Bodegas Martín Códax, -incide Miguel Tubío-“estamos satisfeitos de ter aplicado xa este procedemento no cen por cen do noso viñedo propio, 128 hectáreas que constitúen o 26% da superficie total xestionada en Rías Baixas”. Isto coloca á empresa como a que aplica esta técnica de control biolóxico da couza na maior superficie de viñedo galego.

Tubío detalla, así mesmo, que Bodegas Martín Códax empezou contactos con outras cooperativas e concellos coa intención de expandir este coñecemento a outros viticultores, que xa se están sumando á iniciativa, estendendo esta dinámica sustentable á toda Galicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información