¿Como vai afectar o cambio climático á produción de uva na Ribeira Sacra?

O sector analiza en Pantón as transformacións que poden acarrear para a viticultura os cambios no clima. No centro do debate barállase optar por variedades resistentes de vide e que estas sexan modificadas xeneticamente

Publicidade
¿Como vai afectar o cambio climático á produción de uva na Ribeira Sacra?

José Manuel Rodríguez, Leonor Ruiz, Vicente Sotés, Alfonso Losada (moderador do acto) e Emilia Díaz, no debate que cerrou a xornada.

Adaptarse ás novas condicións derivadas do cambio climático é un dos retos que se lle presenta á viticultura actual. O sector afronta xa algunhas destas consecuencias que afectan directamente ás colleitas e que comezan a ser cada vez máis evidentes. Fronte a estes cambios na climatoloxía barállase modificar tanto o manexo como mesmo as variedades que se empregan. Así o puxeron de manifesto distintos expertos o pasado xoves en Pantón (Lugo), nunha xornada centrada en analizar as posibilidades polas que pode optar a viticultura na Ribeira Sacra.

A alteración das condicións climáticas obriga a repensar as técnicas de cultivo e cuestionarse as variedades actuais

O incremento da temperatura, as vagas extremas de seca, os episodios máis intensos de ‘gota fría’ ou a escaseza de chuvias regulares son algúns destes cambios no clima que están a transformar o cultivo da uva. En definitiva, estase a producir unha alteración das condicións medias do clima o que dificulta e obriga a repensar as técnicas de cultivo e mesmo a cuestionarse se continuar coas variedades actuais ou optar por outras alternativas que se adapten mellor a este panorama.

A dificultade inicial que se presenta con estes cambios na climatoloxía para a viticultura, en concreto, e para a agricultura, en xeral, é coñecer as consecuencias que traerán para unha zona determinada, co gaio de poder mitigalas ou adaptar os procesos de xeito que se consegan bos resultados igualmente.

Cambios nas colleitas

“Cada vez é máis difícil ter colleitas homoxéneas e regulares por, entre outros factores, un adianto da maduración e un maior déficit hídrico durante o ciclo produtivo”, resume o catedrático de viticultura da Universidade Politécnica de Madrid, Vicente Sotés Ruiz, un dos expertos que se deu cita en Pantón nesta xornada.

Un estudo realizado en Francia referido por Sotés concreta que, a causa destas novas condicións climáticas, estase a detectar un aumento do alcohol e o azucre dos viños, unha baixada da acidez, así como a modificación dos perfís aromáticos.

Sotés Ruiz: “As vides máis resistentes non serán as máis rústicas senón aquelas con maior capacidade de adaptarse”

Ademais dos cambios nos perfís dos viños, contémplanse novos retos para a viticultura por mor da escaseza de auga. Sotés tamén insistiu en que a dispoñibilidade de auga vai ser un factor condicionante para os viñedos. Neste caso destacou que o modelo de bancadas predominante na Ribeira Sacra fai que esta zona poida resultar máis resilente ó estrés hídrico. Sotés puntualizou que as vides máis resistentes non serán as máis rústicas senón aquelas que teñan unha maior capacidade de adaptación.

Neste camiño cara unha viticultura adaptada a estes cambios climáticos, Sotés tamén incidiu na importancia que vai ter o manexo e no primordial que será que as prácticas que se leven a cabo estean adaptadas a cada zona e ás necesidades concretas que se vaian detectando.

Novas variedades resistentes

Nesta adaptación ás novas condicións climáticas tamén se está a cuestionar o axeitadas que resultan as variedades actuais que se traballan. Sobre a mesa está o debate de optar por plantas que sexan máis resitentes, non só a estas variacións do clima senón tamén ás pragas que afectan ós viñedos vinculadas tamén á meteoroloxía, como o mildio e o oídio.

A restrición de produtos funxicidas e de tratamentos fitosanitarios está a facer que se estean a estudar novas variedades melloradas xenéticamente que poidan ser máis resistentes, como indicou a investigadora do Instituto Murciano de Investigación y Desarrollo Agrario y Alimentario (Imida), Leonor Ruiz. De feito, neste centro levan 20 inmersos nun proxecto por lograr variedades máis resistentes fronte ó cambio climático e agora comezan a obter xa resultados.

En Murcia lograron variedades máis resistentes ós efectos do cambio climático e traballan en castes máis tolerantes ó mildio e oídio

Nestes anos levaron a cabo un proceso de selección xenética con Monastrell como variedade nai cruzada con Cabernet sauvignon, Syrah, Tempranillo, Barbera e Verdejo. Agora atópanse en pleno proceso de rexistro de seis variedades de viños tintos nos que procuraban unha maduración tardía, menos alcohol e incrementar a acidez así como lograr unha maior tolerancia á seca.

Ademais, neste centro de investigación, tamén están a traballar sobre a obtención de variedades resistentes ó mildio e oídio mediante cruzamentos con variedades de vide americana e asiática que son resistentes. “Contar con estas variedades non implica que se eliminen por completo os tratamentos fitosanitarios pero chegan a reducirse nun 80%”, apunta a experta.

Revisión das variedades actuais

Aínda que as novas variedades poidan ser unha alternativa a valorar, a investigadora da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), Emilia Díaz Losada fixo un percorrido e análise polas distintas variedades que poden supoñer, a día de hoxe, alternativas viables para paliar os efectos do cambio climático, sobre todo entre aquelas castes que son propias de Galicia.

En Galicia contabilízanse 30 variedades e entre elas algunhas son alternativas con características a ter en contra fronte ó cambio climático

Non en van, en Galicia, contabilízanse un total de 30 variedades recoñecidas dentro das distintas denominacións de orixe, o que fai que a comunidade galega ocupe o sexto lugar por número de variedades a nivel nacional, pese a non ser das zonas con máis superficie adicada ó cultivo do viño.

A experta aludiu ás características que teñen variedades como o Brancellao, o Merenzao, o Sousón así como os Caíños bravo, tinto e longo que poden convertelos en alternativas viables pola súa maduración máis tardía ou pola súa resistencia a pragas. Mesmo nalgúns casos trátase de variedades cunha alta produción, como é o Caíño longo que adoita superar a produción do Mencía.

En definitiva, todas as alternativas propostas en Pantón procuran facer que “a viticultura siga a ser rendible para que continúe a ser unha forma de vivir neste territorio”, como apuntou o presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González.

J. M. Rodríguez, presidente DO Ribeira Sacra: “Precisamos que a viticultura siga a ser rendible para que continúe a ser unha forma de vivir neste territorio”

A rendibilidade do viñedo é tamén clave para conseguir o relevo xeracional que agora mesmo precisa esta actividade na Ribeira Sacra. “A maioría dos viticultores temos xa máis de 60 anos, precisamos que a viticultura sexa rendible para que resulte atractivo para a xente adicarse a isto”, comenta Rodríguez.

Nun sector cada vez máis profesionalizado, que pasou de contar con 20 adegas no 1996 ás máis de 90 que contabiliza na actualidade, Rodríguez insistiu na importancia de que todos os sectores sumen esforzos. “Temos que ser capaces de reivindicar a nosa singularidade e para iso tan importante son as ladeiras cheas de viñas, como os soutos coidados e rendibles, como as ganderías que poida haber na cima do monte ou o turismo”, concluíu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información