Como modifican os funxicidas os viños tintos?

Investigadores do Campus de Ourense buscan estudar como os funxicidas modifican a calidade dos viños. Os resultados permitirán recomendar ao sector vitivinícola cales son aquelas substancias activas que, ademais de presentar una maior facilidade para ser eliminadas, interfiren en menor medida na calidade organoléptica dos viños

Publicidade
Como modifican os funxicidas os viños tintos?

Investigadores do proxecto da Universidade de Vigo

A maior dificultade no cultivo de uvas para facer viño, sinalan os expertos, é a loita contra as enfermidades causadas por fungos como o mildeu, o oídio e a botrite. Aínda que se practican diferentes técnicas para minimizar a súa incidencia, o medio de loita máis eficaz para combatelos segue sendo a aplicación de produtos fitosanitarios. Entre as problemáticas asociadas a esta práctica está que as substancias activas que se aplican durante o cultivo da vide poden persistir na uva para vinificación e ser transferidos aos mostos e viños e provocar unha perda de calidade do produto final. Un equipo de investigadores e investigadoras do Campus de Ourense da Universidade de Vigobusca identificar os mecanismos moleculares polos cales os funxicidas provocan cambios nas características sensoriais e funcionais de viños tintos.

O proxecto, que se desenvolve desde principios de 2016 e que se prolongará ata finais de 2018, conta con financiamento da convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade. Os seus coordinadores son Jesús Simal e Raquel Rial, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense e do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias da Universidade de Vigo, contando ademais coa participación da Universidade de Murcia, xa que os viños seleccionados para realizar o estudo pertencen á Denominación de Orixe Jumilla desta comunidade autónoma.

 “Os residuos de funxicidas no mosto pode dar lugar a modificacións dos viños”

“Estudos levados a cabo anteriormente polos nosos grupos de investigación amosan que a presenza de residuos de funxicidas no mosto pode dar lugar a unha modificación das características sensoriais (aroma e cor) dos viños. Porén, ata o momento descoñécense os mecanismos que orixinan ditos cambios”, explica Simal. Ata o de agora, engade o catedrático da Universidade de Vigo, o estudo do efecto dos funxicidas sobre a calidade sensorial do viño abordouse sempre como “un sistema de caixa negra no que se vían uns efectos sobre a cor e o aroma pero non se podía concluír a que eran debidos estes cambios”. Con este proxecto, os investigadores pretenden “ir un paso máis adiante neste campo de estudo” ao tratar de entender os mecanismos moleculares polos cales se producen estas modificacións.

A terceira variedade máis plantada en España

Un dos principais obxectivos do proxecto é entender como os funxicidas boscalida, kresoxim-metil, iprovalicarb, mepanipirina, tetraconazol e valifenalato poden alterar o metabolismo proteico dos fermentos, provocando cambios na calidade sensorial (aroma e cor) e funcional (capacidade antioxidante) dos viños obtidos. “Téñense descrito efectos sobre o aroma e/ou cor dalgúns viños, porén, non están descritos para as variedades de uva Monastrell e Syrah, e descoñécese como se producen estes cambios, así como as interaccións electrostáticas entre floculantes e funxicidas”, indican os investigadores do proxecto. A variedade Monastrell é a máis representativa da DO Jumilla e a terceira variedade máis plantada en España, e Syrah é a segunda en importancia nesta denominación e actualmente está sendo potenciada a nivel xeral.

O proxecto que están a realizar divídese en dous subproxectos. O primeiro leva por título Influencia de funxicidas no crecemento e metabolismo de fermentos, fermentación alcohólica e biosíntese de aromas. Nel trátase de ligar os cambios no perfil aromático por efecto dos funxicidas aos cambios no perfil de proteínas con función metabólica dos fermentos responsables da fermentación alcohólica, para entender os mecanismos moleculares que contribúen a estas variacións. “Isto non sería posible cun modelo de caixa negra onde os cambios en volátiles se ligan sen máis á presenza dun funxicida, sen poder lanzar unha hipótese viable de por que se producen eses cambios metabólicos”, comentan os investigadores do proxecto.

O estudo centrarase nas variedades Monastrell e Syrah, da Denominación de Orixe Jumilla

O segundo subproxecto, que ten como investigador principal a Miguel Ángel Cámara, do Grupo de Investigación Química e Acción de Plaguicidas da Universidade de Murcia, titúlase Efectos no perfil de polifenoles, cor e actividade antioxidante de viños tintos por acción de funxicidas e estratexias de clarificación para reducir os seus efectos. Nel preténdese entender como o metabolismo dos fermentos, alterado pola presenza de residuos de funxicidas, afecta tanto ao perfil de polifenoles como ás súas propiedades relativas á cor e á actividade antioxidante. Ademais estúdase como o tipo de clarificación xoga un papel positivo na eliminación de funxicidas co obxecto de manter ao mesmo tempo o perfil característico de polifenoles e os seus efectos na cor e a actividade antioxidante.

Potenciar o sector

“Os resultados potenciais permitirannos recomendar ao sector vitivinícola cales son aquelas substancias activas que, ademais de presentar una maior facilidade para ser eliminadas, interfiren en menor medida na calidade organoléptica dos viños”, sinalan os responsables do estudo. Tamén, engaden, se recomendarán aquelas substancias floculantes máis eficientes na eliminación de funxicidas e na estabilización da cor.

Por outra parte, recalcan, un mellor coñecemento do metabolismo dos fermentos e a biosíntese de aromas en presenza de residuos de funxicidas pode axudar a potenciar o perfil aromático dos viños para crear caldos con entidade propia que poidan ser claramente diferenciables no mercado. “Todo isto contribuirá a incrementar a calidade e seguridade dos viños españois”, indica Jesús Simal, que lembra como o uso sostible de funxicidas é actualmente unha prioridade para a Unión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información