Comeza a vendima no Ribeiro cunhas previsións dun 10% menos de uva

Publicidade
Comeza a vendima no Ribeiro cunhas previsións dun 10% menos de uva

Comezando a vendima no Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro inicia este martes a vendima 2016 con entregas puntuais na zona do Val do Miño e Arnoia. A partir do día 19 deste mes a recolección darase de forma máis xeneralizada entre as adegas de toda a Denominación de Orixe, a máis antiga de Galicia. Estímase que en total recolleranse sobre 13 millóns de quilogramos de uva, o que suporá uns 9,1 millóns de litros de viño.

Desde o punto de vista cuantitativo, Nuria Álvarez, técnico do Consello Regulador, apunta que “no cómputo xeral, esperamos recoller un total de 13 millóns de quilos, o que representa unha redución do 10% con respecto ao ano pasado, aínda que nalgunhas zonas as perdas de uva foron porcentualmente superiores”. O ano pasaron colleitáronse 14,1 millóns de quilos, mentres a media dos últimos anos da denominación é de 18 millóns de quilos. Esta redución da colleita débese ás inclemencias derivadas das abundantes precipitacións na primavera, que provocaron a aparición de mildeu e ocasionaron unha diminución sobre a produción inicial.

“A uva atópase nun perfecto estado sanitario”

Felicísimo Pereira, presidente do C.R.D.O. Ribeiro apunta que “hai que ter en conta que a cantidade de acios con respecto ao ano anterior foi maior nun principio, polo que as perdas vanse contrarrestar. En canto á calidade da colleita, hoxe en día a uva atópase nunhas condicións favorables e nun perfecto estado sanitario”.

Pola súa banda, Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro, comenta que “este ano incrementouse o equipo de inspectores nos centros de recollida para mellorar o control da recepción, todos eles son licenciados e técnicos diplomados e moitos con experiencia en anteriores vendimas”.

A vendima comezou hoxe cunha mínima recollida dos viñedos e variedades máis adiantadas en maduración. A partir do día 19 de setembro espérase recoller o groso da vendima, para terminar na primeira quincena de outubro cos viñedos e variedades máis tardías.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información