“Combinando varias materias activas antifúnxicas logramos mellorar a eficacia e evitar resistencias”

Entrevista a Hugo Soares, coordinador técnico da empresa de fitosanitarios Tradecorp en España.

Publicidade
“Combinando varias materias activas antifúnxicas logramos mellorar a eficacia e evitar resistencias”

Hugo Soares

Hugo Soares é coordinador técnico da empresa de fitosanitarios de Tradecorp en España. Participou o pasado mes de abril no Atlante Wine Forum, organizado polo Instituto Galego do Viño, para falar sobre as novas ferramentas de loita contra as enfermidades da viña. Neste sentido, destaca que “desenvolvemos antifúnxicos combinando varias materias activas para mellorar a eficacia e evitar resistencias”.

Pasamos da revolución verde, na que os produtos fitosanitarios eran sinónimo de progreso, a un momento no que pasan a ser deostados e se aposta por unha volta ao natural. ¿Por que motivo?
A protección de cultivos é case tan antiga como a propia agricultura. O home hai 5.000 anos xa utilizaba o xofre para controlar os insectos. Sobre todo despois da segunda guerra mundial incrementouse moito a protección de cultivos para asegurar a alimentación a unha poboación humana en gran crecemento. Hai uns anos chegamos a ter máis de 900 materias activas autorizadas na Unión Europea para tratamentos fitosanitarios. Con todo, houbo un proceso de revisión, de tal forma que só quedaron autorizadas en torno ao 25% dos principios activos. Isto quere dicir que os produtos que quedan demostraron que son seguros, cando son aplicados dunha forma correcta.

Galicia é unha rexión na que o mildeu é endémico e é imprescindible a protección fronte a este fungo, polo que case é imposible producir viño sen realizar tratamentos antifúnxicos. Desde Tradecorp propoñemos un catálogo extenso para a protección fronte ao Mildeu, oídio ou fronte á couza.

A xeración de resistencias nos antifúnxicos é cada vez máis frecuente. Como abordades este problema en Tradecorp?
A estratexia de Tradecorp durante os últimos anos foi a de defender o mantemento de materias activas ante a Unión Europea, para que sigan estando autorizadas. Con iso o que facemos é xerar novos produtos a partir de mesturas novas con ese catálogo de materias activas, aproveitando as sinerxias entre esas materias activas e evitando a aparición de resistencias, ao non aplicar sempre a mesma materia activa.

O futuro ten que pasar por unha agricultura racional e de precisión, na que apliquemos o mínimo de produtos fitosanitarios aos cultivos, o máis eficaces posibles e no momento oportuno.

¿En que novos produtos estades a traballar para o tratamento do Mildeu?
Tradecorp ten previsto lanzar ao mercado nos próximos anos un total de 42 novos produtos. Para viñedo temos para o Mildeu 5 sistémicos e 3 penetrantes e para control de oídio temos 2 antioídios. Probamos novos produtos o ano pasado en Rías Baixas contra o Mildeu e nestes momentos temos dous ensaios en marcha, con bos resultados provisionais.

 “O futuro pasa por aplicar o mínimo de produtos fitosanitarios aos cultivos”

A nosa estratexia pasa por investir en formulacións novas, xuntando varias materias activas de alta eficacia pero de grupos químicos distintos, que teñen sinerxias entre elas na loita contra as fitopatoloxías e evitan a aparición de resistencias.

O pasado ano a Misión Biolóxica de Galicia presentou un estudo sobre as diferentes variedades de Mildeu e de Oídio existentes en Galicia. ¿Están interesados en desenvolver antifúnxicos específicos para cada tipo de fungo?
Paréceme unha liña de traballo moi interesante e desde Tradecorp estamos interesados e abertos a colaborar, pois ao que aspiramos é a ter os mellores antifúnxicos para o agricultor.

Unha das principais patoloxías nos últimos anos en viñedo son as enfermidades da madeira. ¿En que liñas estades a traballar?
Gustaríame ter a resposta porque tamén son viticultor e as enfermidades da madeira están a afectar moito ao viñedo. Non estamos a desenvolver produtos específicos para estas patoloxías, pois creo que necesita unha abordaxe máis ampla. Necesitamos saber concretamente cales son os fungos específicos que afectan en casa caso. Nas enfermidades da madeira a eficacia dos produtos dispoñibles presentan moita menor eficacia que os antifúnxicos.

Como ves a preocupación no sector en canto ao carné de fitosanitarios?
Preocúpame que os pequenos produtores teñan unha maior dificultade de acceso a unha ferramenta fundamental como é o fitosanitario para poder lograr a súa produción. Pero tamén me preocupa que o produtor poida aplicar mal o fitosanitario, xerando un risco para a saúde humana e para o medioambiente. É imprescindible que a persoa que aplica fitosanitarios teña un mínimo de formación.

Os agricultores debemos ser os primeiros interesados en coidar o medioambiente e utilizar de forma racional os produtos fitosanitarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información