Coidados do viñedo: Este ano as podas en verde serán fundamentais para controlar as enfermidades fúnxicas

Publicidade
Coidados do viñedo: Este ano as podas en verde serán fundamentais para controlar as enfermidades fúnxicas

Volve haber gromos que impiden a ventilación dos acios, polo que é preciso realizar poda en verde. Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro

Informamos da situación actual das enfermidades fúnxicas no viñedo en Galicia e unhas recomendacións a partir dos boletíns emitidos este venres pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro e pola Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia:

Mildeu: 

Durante a semana que remata seguiron aparecendo focos con sintomatoloxía sobre os acios en forma de Mildeu larvado. A contaminación procede das condicións de infección dos períodos con forte humectación foliar rexistrados a semana anterior. Nos viñedos máis vigororos os síntomas de Mildeu son máis abundantes nas follas novas das puntas dos gromos.

Durante os principios da próxima é previsible que sigan detectándose síntomas, pero xa máis localizados na vexetación que nos acios.

Dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro informan de que continúan a ter consultas abundantes que refiren ataques mal controlados do fungo, “e que na maioría dos casos descubrimos que están asociados a unha escasa aireación dos acios polo desenvolvemento exaxerado dos pampos ou a problemas nas aplicacións”.

De cara aos días inmediatos, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indican certa inestabilidade (nubes alternando con claros e mesmo probabilidade medio-alta de certa precipitación en días diferentes segundo a axencia), pero a partir de martes ou mércores parece que virá tempo seco e temperaturas moi elevadas, con máximas por riba dos 30 graos. Con esta situación, haberá que estar aínda pendentes da evolución dos síntomas na primeira parte do período e aplicar un tratamento no caso de que continúen aparecendo acios afectados de mildio larvado. Despois destes primeiros días, a enfermidade tenderá a estabilizarse, e mesmo debería diminuír a aparición de manchas nas follas tenras.

Para os tratamentos que se poidan aplicar, nestes momentos son recomendados os produtos con cobre, pois endurecen a pel dos grans e tamén contribúen a limitar o vigor das plantas. Segundo as necesidades, os funxicidas con hidróxido de cobre teñen unha acción máis rápida aínda que menor persistencia que os que levan oxicloruro, e os formulados con sulfato de cobre teñen unha persistencia interesante aínda que quizás son máis lentos que os anteriores.

Novamente hai que continuar coas labores de poda en verde que, aínda que xa se terán feito na maioría dos viñedos, volven ser necesarias en boa parte das parcelas. “Non esquezan que son fundamentais este ano para conter as infeccións e facilitar así a acción dos produtos fitosanitarios”, subliñan dende Areeiro.

Oídio: 

Persisten as condicións de climatoloxía favorable ao patóxeno, sobre todo algúns días e nalgunhas zonas onde hai néboas moi densas e persistentes, e afectando máis ás variedades tintas que ás brancas. Ademais, aínda que a sensibilidade da uva ao fungo practicamente desaparece co peche do acio, este estado non termina de xeneralizarse, polo que permanecemos en situación de risco.

Para os próximos días, e segundo as previsións meteorolóxicas, aínda haberá condicións favorables a este patóxeno, co que haberá que seguir mantendo a vixilancia, en especial naquelas parcelas que xa teñen síntomas (nas outras é menos probable que aparezan). “Se a enfermidade continúa avanzando, aínda haberá que tratar, e o tratamento poden centralo xa nos acios. Lembren que se os grans rachan a consecuencia deste fungo favorecerán o ataque da podremia gris, da que hai máis esporas este ano húmido”, engaden os técnicos de Areeiro.

Botrytis (Podremia): 

Seguen detectándose algúns focos sintomáticos nos acios, aínda que de forma illada, xa que non estamos nun período fenolóxico sensible. Como se vén informando nos boletíns anteriores, os danos a partir do envero poden aumentar, debido ós síntomas latentes que se veñen observando, en canto as condicións meteorolóxicas sexan favorables.

As sensiblidade varietal á Botrytis, en xeral, é alta nas variedades autorizadas e unicamente destaca o Caíño Blanco, entre as brancas, e a Pedral, entre as tintas, pola súa tolerancia.

Nesta fase de peche do acio recoméndase a aplicación dun funxicida antibotrítico, centrando a súa aplicación no acio. debido ó elevado risco potencial na campaña actual, sobre todo nas variedades máis sensibles ou con danos de Oídio, o que favorece a posterior contaminación por Botrytis.

Hai que lembrar que este fungo ten repercusións cualitativas moi importantes (degradación e perda de azucres, oxidación, alteracións no do perfil aromático no viño…). As medidas agronómicas son moi importantes na loita co obxectivo de manter unha masa foliar equilibrada que evite condicións favorables ao patóxeno na contorna dos acios.

Enfermidades da madeira: 

Na última semana apréciase un reponte de cepas afectadas polo Complexo Esca. A partir de mediados da próxima semana é moi previsible que se detecten máis cepas afectadas, debido ó aumento das temperaturas máximas. Recórdase que é importante realizar o marcaxe de cepas e partes afectadas co obxecto de realizar as medidas terapéuticas oportunas na parada vexetativa.

Black Rot:

Debido a que o tempo non terminou de estabilizarse aínda existe risco para os acios, aínda que preto do peche (situación actual) este é menor. Porén, esta semana informouse da aparición nalgunhas fincas do Ribeiro de acios afectados, polo que cando menos as zonas máis próximas deben permanecer en certo nivel de alerta.

Con todo, se finalmente hai tempo seco e estable desde a primeira metade da semana non son esperables danos. Dende Areeiro recomendan que para o control desta enfermidade varios funxicidas destinados a combater o mildio e algúns antioídio actúan tamén contra este fungo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información