Coidados do viñedo durante os próximos días: poda en verde, controlar a herba e o oídio

Publicidade
Coidados do viñedo durante os próximos días: poda en verde, controlar a herba e o oídio

Varios glomerulos en acio na zona do Rosal. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación de Viticultura de Ribadumia-EVEGA e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro emitiron este venres o seu boletín semanal coas recomendacións para o coidado do viñedo durante os próximos días.

Coidados culturais:

Neste período débese segar as herbas do viñedo, xa que en floración é moi importante evitar os factores que aumenten ou manteñan a humidade a nivel de parcela e microclima da planta.

Por outra parte, nas viñas con excesivo desenvolvemento da vexetación e nas que maioritariamente tivera finalizado a floración xa poden iniciar as labores de poda en verde, sobre todo considerando que nos próximos días é de esperar que aínda haxa maiores crecementos debido á humidade acumulada e ás temperaturas altas.

Incidencias fitosanitarias

Mildeu:

En xeral, os viñedos presentan síntomas da enfermidade, pero en focos moi limitados. Tendo en conta que a semana pasada rexistráronse precipitacións, o que favoreceu a contaminación pola enfermidade, os danos poden aumentar nas próximas datas. Por iso, e dado que as viñas están nun período de elevada sensibilidade ao patóxeno, hai que seguir mantendo a vixilancia.

Hai que ter en conta que algúns viticultores veñen de confundir os fallos no callado do acio con síntomas desta alteración, mais non son tal.

Oídio:

Ata este momento as temperaturas non foron favorables para o desenvolvemento da enfermidade. Nas próximas datas, co aumento da temperatura e coa humidade existente, poderían darse as condicións óptimas para as primeiras infeccións co desenvolvemento do fungo.

Se localmente se produciran néboas ou nebulosidade que provocara un filtrado da luz solar e/ou un incremento da humidade habería que elevar o nivel de atención e tratar se se detectan síntomas.

Podremia:

Detéctanse algunhas follas e acios con sintomatoloxía, en xeral, de pouca consideración, en parte debido ós tratamentos fitosanitarios aplicados nas parcelas con risco. Noutros viñedos, o bo manexo cultural e do cultivo, con ventilación dos órganos verdes, adoita ser suficiente para evitar a presenza da enfermidade.

Algunhas variedades de carácter vigoroso (Torrontés, Loureira, Brancellao e Espadeiro, entre outras ) son máis sensibles, debido á peor ventilación e dificultade de penetración dos tratamentos na vexetación, polo que nestas é moi importante realizar as labores de poda en verde.

Couza do acio:

Finalmente, o aviso fitosanitario destaca que está a rematar o voo da primeira xeración de Lobesia botrana (ver curvas de voo, publicadas esta semana por primeira vez na campaña), e nas próximas xornadas espérase que comece o da segunda xeración.

Canto aos niños ou glomérulos, os niveis de presenza na xeneralidade das parcelas visitadas está entre o 8 e o 15% dos acios, hai unha viña do Rosal onde hai máis do 50%, e normalmente con máis de 3 niños por acio. Se ben é certo que os glomérulos son un síntoma máis alarmante que perigoso, nesta última finca si está xustificado neste momento un tratamento e máis nunha campaña como esta na que houbo un aclareo de grans producido polas choivas na floración.

Recomendacións:

Manter o control de Mildeu con preparados de acción sistémica. Nas parcelas nas que se aplicou o tratamento fitosanitario a semana pasada, se as condicións da aplicación foron as adecuadas, teríase o ciclo do fungo controlado. Deberase verificar a eficacia do tratamento coa realizacións de controles visuais dos viñedos.

No momento actual as parcelas que aplican os tratamentos no momento oportuno levan unha media de 3 aplicacións e incluso, á vista das testemuñas sen tratamento, poderíase saltar algún dos mesmos.

Xunto co anterior tratamento recoméndase aplicar un tratamento preventivo para o control de Oídio.

Nas parcelas que aínda non o fixesen, deberanse colocar as trampas para o seguimento da segunda xeración da Couza ou Avelaíña, do Melazo e as cromotróficas amarelas e azuis para outras pragas (Mosquito verde e cicadélidos en xeral, trips, etc)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información