Coidados do viñedo durante esta semana

Publicidade
Coidados do viñedo durante esta semana

Viñedo con chupóns que é preciso retirar

A Consellería de Medio Rural informou este luns no seu boletín agrometeorolóxico das recomendacións para o coidado do viñedo durante esta semana.

En canto ao estado fenolóxico, no viñedo de referencia da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, a variedade Sousón está máis avanzada, en estado G (acios separados), mentres que o resto (Albariño, Treixadura, Godello, Loureira, Torrontés, Branca lexítima, Mouratón, Merenzao, Castañal, Loureiro tinto, Pedral, Brancellao, Espadeiro, Caíño tinto, Mencía) está en fase H (botóns florais separados).

Durante a última semana produciuse un forte crecemento vexetativo dos gromos no viñedo, e continuará durante a próxima semana. Neste sentido, lembran que “este período é moi sensible no viñedo á rotura de gromos se se producen refachos de vento por enriba de 25-30 km/hora”.

Coidados culturais

Débese eliminar os gromos dos troncos das cepas (coñecidos como chupóns), se aínda non se realizou. E para evitar danos por rotura de vento no caso de que se produzan nas próximas datas, é importante neste momento colocar a vexetación dentro dos aramios das espaldeiras e sistemas de empalizadas verticais .

Incidencias fitosanitarias

Mildeu: Non se observan apenas novos focos da enfermidade e os tratamentos recomendados están sendo eficaces ata o momento. Isto é debido fundamentalmente a que as precipitacións rexistradas e as temperaturas foron baixas.

Porén, avisan de que “para a próxima semana, si se producen as precipitacións como apuntan as previsións, pode ser necesario realizar un novo tratamento fitosanitario”. “A intensidade das infeccións poden ser neste caso maior que as producidas, xa que se prevé que as temperaturas aumenten a valores medios por enriba dos 15 ºC”.

Oídio: Non se detectan síntomas de enfermidade nin é previsible danos a curto prazo.

Outros patóxenos: Seguen obsérvanse focos das pragas do ácaro da Erinose e as larvas do insecto Janetiella oenephila, ambas normalmente de forma moi puntual nalgunha parcela, polo que en xeral, non é necesario o control específico.

Recomendacións:

A vindeira semana é moi probable que sexa necesario renovar o tratamento fitosanitario para o control do Mildeu, xa que se poden rexistrar precipitacións, aumentan as temperaturas, e debido o forte crecemento vexetativo que se está producindo nestas datas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información