Coidados do viñedo: É necesario tratar contra a botrite

Dende a Estación Fitopatolóxica recomendan aplicar novos tratamentos para protexer a uva deste patóxeno. Prevén que a vendima comece xa na primeira semana de setembro nas variedades máis temperás

Publicidade
Coidados do viñedo: É necesario tratar contra a botrite

Acio de Treixadura afectado pola Botrite. // Foto: Estación Fitopatolóxica de Areeiro.

As chuvias persistentes dos últimos días e as elevadas temperaturas foron moi favorables para a aparición de botrite nos viñedos, tal e como advirten dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA). Por iso, no seu último boletín sanitario recomendan aplicar un tratamento funxicida, de reducido prazo de seguridade, para protexer a uva e non interferir na vendima.

O persoal técnico da estación fitopatolóxica recomenda dirixir o produto unicamente ó acio para así reducir custos e escoller o tratamento en función do prazo de seguridade que teña (21 días, 14 días, menos de 7 días ou mesmo sen restricións ó tratarse de remedios naturais), para adaptarse ó comezo da vendima.

Ademais, para reducir a afección por botrite aconsellan manter unha correcta ventilación dos acios mediante esfollados para evitar a acumulación de humidade. Concretan que estas podas deben ser moderadas, retirando, sobre todo, as follas basais que xa non teñen funcionalidade e os brotes sobrantes para favorecer a ventilación do conxunto a viña.

Os desfollados e a poda de exceso de vexetación para favorecer a ventilación é recomendable tamén para previr os danos por oídio nas vides. Dende a estación concretan que, dado o avanzado do pintado da uva, xa non sería preciso realizar ningún tratamento contra esta afección, posto que apenas se detectaron síntomas nas uvas. Puntualmente, podería aplicarse un tratamento de xofre nas plantas novas que se vexan moi afectadas ou naquelas viñas onde tivera habido ataques mal controlados do fungo durante a campaña.

En canto ó mildio, detectaron brotes terminais con manchas de aceite, máis abundantes naquelas fincas onde xa había presenza da enfermidade e nas zonas superiores das parras moi frondosas, sobre todo nas partes novas ou onde hai tempo que non acceden os tratamentos. Co inicio do pintado da uva, a incidencia directa sobre a produción que o mildio pode ter é baixa ou case nula.

Porén, dende Areeiro recomendan permanecer alerta sobre todo naquelas viñas novas ou con pouca vexetación, xa que no caso de se estender pode afectar á maduración da uva. Ante a previsión de bo tempo a vindeira semana, se a densidade de manchas é elevada, dende Areeiro recomendan facer un tratamento cúprico no caso de non estar xa fóra de data de última aplicación establecida pola adega. Se así fose, e en xeral, aconsellan eliminar os gromos con moitas manchas que dificulten a aireación das uvas.

Baixa presenza de insectos

Dende a estación fitopatolóxica recomendan facer un seguimento da penetración dos principais insectos que afectan á uva. Polo momento, apenas rexistraron capturas da couza do acio, ‘Lobesia botrana’, e só detectaron unha finca do Rosal cun número próximo ó limiar de tratamento. Aínda así, aconsellan manterse atentos ata a vendima para reducir a aparición de uvas podres. De feito, no caso de ser preciso, poderían empregarse algúns insecticidas, debido ós seus reducidos prazos de seguridade, ou produtos naturais.

Tamén a presenza de cicadélicos é, polo de agora, baixa ó igual que da flavescencia dourada. Acontece o mesmo cos ataques dos ácaros, que continúan a ser moi puntuais.

Previsións para a vendima

Á marxe das afeccións do viñedo, comezan a facerse as previsións para o comezo da vendima. Aínda que estará condicionada polas condicións meteorolóxicas, prevese que as variedades máis precoces comecen a vendimarse na primeira semana de setembro e as máis tardías contra a terceira semana dese mes. Polo momento, o grao alcohólico do mosto, un dos factores que condiciona a vendima, é baixo.

Froiteiras

No referido ás froiteiras, en concreto ás maceiras, dende Areeiro recomendan permanecer alerta ante a aparición de moteado nos próximos días dadas as chuvias rexistradas e que as temperaturas continúan a ser elevadas. Aconsellan manter a protección fronte á couza da mazá se se observan danos, aínda que polo momento seguen sen detectar capturas nas trampas dispostas polos técnicos da estación nin penetración nos froitos.

Tamén agardan que as chuvias favorezan a aparición de síntomas da ‘Entomosporium maculatum’ nos marmeleiros, causando a perda de follas. Neste aviso sanitario, insisten na importancia de retirar os froitos maduros con danos por fungos de monilia e botrite nas froiteiras con óso para evitar que segan a afectar á froita e para reducir a afección de cara á próxima campaña.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información